Principio de acordo no Congreso para transferir a AP-9 a Galicia

Autoestrada AP-9 © Audasa

PSOE, BNG e Sumar pactan que a lei orgánica que aprobe o Congreso para dar resposta á petición unánime do Parlamento de Galicia deixe as condicións do traspaso en mans da Comisión Mixta Estado-Xunta

PSOE, BNG e Sumar veñen de chegar a un principio de acordo para desbloquear no Congreso a transferencia da titularidade e xestión da AP-9 do Estado á Xunta, como vén pedindo desde hai anos de xeito unánime o Parlamento de Galicia. No Congreso está novamente en tramitación unha lei orgánica nese sentido proposta polo Parlamento de Galicia que en varias ocasións anteriores quedou frustrada por obstáculos de PP e PSOE. 

Desta volta o acordo dos socialistas con BNG e Sumar, que requiriría do apoio do PP para a súa aprobación como lei orgánica, deixaría as condicións concretas do traspaso en mans dunha posterior Comisión Mixta de transferencias entre Estado e Xunta. 

Alberto Pazos (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), defendendo a lei para o traspaso da AP-9 no pleno do Congreso en xuño de 2024 CC-BY-SA PP | BNG | PSdeG

No pasado o PP bloqueou en diversas ocasións que o Congreso puidese sequera debater a petición unánime de transferencia da AP-9 formulada polo Parlamento de Galicia. Pola súa banda, o pasado outubro o PSOE chegou a presentar emendas a esa petición unánime para reducir o seu alcance a que a Xunta só puidese propoñer melloras na xestión, mentres que a titularidade da autoestrada seguiría en mans do Estado. 

O acordo debe ser apoiado polo PP para a súa aprobación como lei orgánica e deixaría en mans da Xunta a negociación das condicións concretas co Estado

Agora o acordo entre PSOE, BNG e Sumar que permite desbloquear a situación consistiría en que a lei orgánica que aprobe o Congreso deixe as condicións concretas da transferencia en mans do que negocien Xunta e Estado, que sería o que finalmente debería publicar un real decreto coa transferencia. Socialistas e nacionalistas xa están facendo ver que un acordo así non debera ser rexeitado polo PP, cuxo voto sería necesario para a súa aprobación como lei orgánica, e que a posterior negociación quedaría en parte en mans do Goberno galego de Alfonso Rueda.

Este luns o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que hai uns meses viu como o seu partido a nivel estatal rebaixaba considerablemente as aspiracións galegas, insistía en que o seu "obxectivo prioritario" é a gratuidade da autoestrada. En similar liña, a de acadar a gratuidade, expresouse tamén o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que asegurou que o acordo agora acadado "respecta fundamentalmente as propostas do Parlamento da Galiza".

O nacionalista puxo tamén o foco en que o acordo agora acadado, a través dunha emenda transaccional á proposición de lei orgánica, establece salvagardas para que o Estado siga sendo responsable no futuro das posibles consecuencias de que a UE acabe anulando a prórroga da concesión a Audasa ata 2048 outorgada polo Goberno de José María Aznar. 

Proposición de lei orgánica para o traspaso da AP-9 acordada por PSOE, BNG e Sumar no Congreso

De darse esa circunstancia, sería o Estado como responsable de autorizar a prórroga o que asumise as posibles indemnizacións a Audasa se é anulada. Pola súa banda, a Xunta sería responsable de novos descontos que se apliquen nas peaxes unha vez que asuma a súa titularidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.