No verán de 2014 varios dos puntos de peaxe da autoestrada AP-9 volveron rexistrar as súas habituais escenas de atascos quilométricos ás horas de retorno das praias durante as fins de semana. A empresa, ignorando peticións da Xunta e das persoas usuarias, negábase a erguer as barreiras malia non prestar o servizo para continuar cobrando e o Ministerio de Fomento abriu, como xa fixera en anteriores ocasións, un expediente informativo.
No verán de 2014, Pastor alegou como titular de Fomento que transferir a AP-9 a Galicia era ilegal
Diante daqueles acontecementos, a daquela titular do departamento -actual Ministerio de Transportes-, Ana Pastor, foi cuestionada pola posibilidade de que as competencias sobre a AP-9 fosen traspasadas á Xunta. Pastor respondera que traspasar a AP-9 era ilegal alegando que se trataba dunha vía de interese xeral por conectar con Portugal, malia non ser certo.
Para sortear esa legalidade habería que modificar a lexislación en materia viaria, argumentaba Pastor. Aproveitando a tramitación da nova lei de estradas do Estado, en 2015, o BNG presentara unha emenda na liña que apuntara o propio PP, que a rexeitou. Poucos meses antes, os votos dos populares tombaran no Congreso unha lei formulada polo propio Bloque para pedir a transferencia remitíndose, precisamente, á inminente aprobación da lei de estradas.
"Temos palabra, non mentimos á xente" e "comprometémonos, por suposto" co traspaso da AP-9, afirma a agora candidata do PP por Pontevedra ao Congreso
Case unha década despois daqueles acontecementos, Pastor volve ser cabeza de cartel do PP ao Congreso por Pontevedra. Este mércores, nunha entrevista co Faro de Vigo, asegura que se os populares volvesen gobernar en España transferirían a AP-9 á Xunta porque "nosotros no somos como Sánchez, tenemos palabra, no le mentimos a la gente". "¿Se comprometen, entonces a traspasar la AP-9 a Galicia?", repregunta o xornalista. "Nos hemos comprometido y nos comprometemos, por supuesto", responde Pastor.
Pero os atrancos da man de Pastor para o traspaso da AP-9 non se limitaron á súa etapa como ministra. En xullo de 2016 era elixida presidenta do Congreso dos Deputados cos votos do PP e Ciudadanos. Entre as materias pendentes daquela lexislatura estaba a tramitación da lei remitida polo Parlamento de Galicia para traspasar a AP-9. Escasos meses despois, o Goberno de Rajoy en funcións comezou a manobrar para vetar a lei galega apoiándose no artigo da Constitución que permite ao Executivo frear leis no lexislativo que obriguen a modificar os orzamentos do ano en curso.
Alén de incluír cálculos abertamente erróneos sobre o custo dun eventual rescate da autoestrada, o veto gobernamental á tramitación da lei era irregular. Así o consideraron pouco despois os letrados do propio Congreso, que nun duro informe advertían o gabinete de Rajoy de que non tiña "un dereito de veto ilimitado que poida cercenar a iniciativa lexislativa do Congreso" e instábano a "interpretar a Constitución no seu contexto actual". Malia esta advertencia, en setembro de 2017 a propia Pastor volveu avalar o veto como presidenta do Congreso aínda que a argumentación do Goberno incluíse datos cada vez máis erróneos.
Dende a presidencia do Congreso, Pastor avalou o veto do Goberno do PP de Rajoy a tramitar a lei da AP-9 aínda que se basease en datos erróneos e, segundo os letrados da Cámara, fose irregular
Foi a finais de 2018, tras a moción de censura, cando o Goberno xa presidido por Pedro Sánchez levantou o veto e permitiu tramitar a lei galega, que decaeu pola convocatoria das xerais de 2019. En febreiro de 2021, o pleno do Congreso deu o seu visto e prace á súa toma en consideración por ampla maioría absoluta, pero acto seguido tanto PSOE como PP rexistraron emendas ao texto orixinal.
As sucesivas ampliacións de prazos na Mesa do Congreso para tramitar esas emendas non remataron ata a pasada primavera e o pasado xuño, pola nova convocatoria electoral, a lei quedou oficialmente caducada. Esta caducidadeobriga a un novo reinicio da petición por parte do Parlamento galego.