Regreso ao traspaso da AP-9 lonxe da unanimidade acadada en Galicia e coa fin da lexislatura estatal facéndoo perigar

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo © Miguel Riopa / Audasa

En febreiro de 2021 o Congreso deu o seu visto e prace por ampla maioría absoluta -257 votos a prol, todos os presentes agás Vox- a tramitar a lei promovida polo Parlamento de Galicia para traspasar á Xunta as competencias sobre a autoestrada AP-9. A Cámara Baixa xa aceptara esa tramitación máis de dous anos antes, a finais de 2018 despois da moción de censura, pero a fin da lexislatura estatal impedira continuala.

Dous anos despois do primeiro visto e prace do pleno do Congreso, a lei do traspaso da AP-9 é desbloqueada sen que isto implique necesariamente que chegue a ser aprobada e, menos aínda, que o faga nos mesmos termos cos que saíu de Galicia

Xa pasaron, daquela, algo máis de dous anos dende a aprobación da toma en consideración da lei, que defendera ante o pleno do Congreso unha delegación do Parlamento galego conformada por Diego Calvo -na altura deputado do PP e non conselleiro-, Ana Pontón , portavoz nacional do BNG, e Gonzalo Caballero -daquela, secretario xeral do PSdeG-. Neste tempo, o texto estivo embarrancado en sucesivas ampliacións dos prazos de presentacións de emendas. Esa dilación vén de chegar á súa fin, o cal non implica necesariamente que a transferencia chegue a ser aprobada e, menos aínda, que o faga nos termos aprobados por unanimidade en Galicia.

Diego Calvo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) defenden a lei para o traspaso da AP-9 no pleno do Congreso en febreiro de 2021

O que agora sucede é que comezan os traballos do relatorio da Comisión de Transportes que ten encomendada a redacción definitiva da norma. E nese punto o desacordo é patente: tanto PSOE como PP rexistraron emendas ao texto orixinal (tamén Vox, baleirándoa en boa medida de contido) en sentidos diferentes, o que a priori tería que dar lugar a unha negociación condicionada tanto polo actual período preelectoral cara ás eleccións municipais como, sobre todo, pola fin da lexislatura estatal prevista para o vindeiro outono.

O PSOE defende transferir as competencias de administración e explotación da AP-9, pero non a titularidade. O PP reclama impoñer ao Estado novas obrigas económicas. O BNG aposta por aprobar a lei sen emendas, segundo o acordado no Parlamento galego

O deputado do BNG, Néstor Rego, defende que a mellor vía "para sacar adiante a aprobación da lei no mellor tempo posible" é que populares e socialistas asuman sen cambios en Madrid o que xa asumiran en Galicia. Peroos partidos gobernantes en Galicia e no Estado manteñen vivas as súas modificacións. 

En esencia, as emendas socialistas defenden transferir á Xunta "as competencias sobre a administración e explotación" da AP-9, pero non a titularidade da infraestrutura. Así, o Goberno galego sería o responsable de iniciar os expedientes sancionadores a Audasa por posibles incumprimentos, pero sería o Estado o que os resolvería, e o Goberno de España non podería alterar a concesión en tarifas, prazos ou descontos sen contar coa Xunta. 

Do Estado tamén seguirían dependendo as subvencións ás peaxes xa comprometidas ata 2048. Trátase dos descontos derivados do pacto de investidura PSOE-BNG, que entraron en vigor mentres a lei era tramitada no Congreso e que implican descontos como a bonificación do 100% das viaxes de volta realizadas en menos de vinte e catro horas e abonadas con telepeaxe.

O PP, pola súa banda, emendou a lei galega mantendo o traspaso íntegro da titularidade da autoestrada á Xunta, pero engadindo que todas as obrigas económicas relativas á AP-9 seguirían nas mans do Estado. Inclúe, ademais, un catálogo de obras de ampliación que serían obrigatorias por lei e un detalle de descontos de peaxes actuais e futuros que sufragaría tamén o Goberno de España. Faino, di, para librar a Xunta de eventuais novos gastos e para que a transferencia chegase ben financiada.

Con estas posicións chegarán os grupos ao debate das emendas no relatorio, previsto para finais deste mes. Se chegase a haber un acordo para redactar a norma, esta aínda tería que ir de volta ao pleno do Congreso, onde sería imprescindible unha maioría absoluta a prol, dado o carácter orgánico. Co tempo e os desacordos en contra, comeza a ser plausible a hipótese de que tampouco nesta lexislatura chegue un traspaso que, no caso de chegar a concretarse, sería o primeiro en década e media. Non en van, a Xunta non recibe novas competencias dende xullo de 2008, aínda con Zapatero no Estado e co Goberno do PSOE e do BNG en Galicia.

Emendas dos grupos á lei do traspaso da AP-9, publicadas no Boletín Oficial das Cortes Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.