O PP pide máis subvención á peaxe da AP-9 no ano en que remataría a concesión se Aznar non a prolongase

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo © Miguel Riopa / Audasa

Os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 reservan case 70 millóns de euros para bonificacións de peaxes na autoestrada AP-9. O groso destes fondos, ata 56,4 millóns, financia as bonificacións implantadas polo Goberno de España en 2021, coas viaxes de volta gratuítas en menos de 24 horas como medida estrela dun plan que, segundo o propio Estado, custará uns 2.300 millóns de euros ata 2048, ano da fin da concesión da autoestrada. Nas últimas semanas, o PP vén reitarando a petición de incrementar esas subvencións con fondos públicos para 2023, ano en que remataría a concesión se o Goberno de José María Aznar non decidise prolongala.

Tras a prolongación do Goberno de González en 1994, a concesión da AP-9 chegaba a 2023. Pero a prórroga de Aznar no 2000, de cuxa legalidade dubida a UE, levouna ata 2048

Como é sabido, 2048 (concretamente, o 18 de agosto dese ano) non foi sempre o ano do remate da concesión que explota Audasa, actualmente unha filial do grupo Itínere. O Goberno da UCD ampliáraa en apenas un ano en 1977 (de 2012 a 2013) cando a infraestrutura nin entrara en servizo e, en 1994, o Executivo do PSOE de Felipe González estendeuna por unha década, ata 2023, a cambio de continuar a construción cara ao sur de Vigo e do levantamento de peaxes en varios treitos.

Fragmentos da publicación no BOE da extensión da concesión da AP-9 e da nota oficial da privatización, sobre unha imaxe da investidura de Aznar no ano 2000, lexislatura na que culminou a venda da infraestrutura CC-BY-NC-SA Foto: Congreso | Montaxe: Praza.gal

Se a prórroga de 1994, concedida a Audasa como compañía pública dentro da estatal Empresa Nacional de Autopistas (ENA) fose a última, á concesión da AP-9 quedaríalle agora menos dun ano e as barreiras das peaxes ergueríanse o 19 de agosto de 2023, igual que sucedeu nos últimos tempos noutras autoestradas construídas na mesma época. Pero isto non vai suceder porque, no ano 2000, o gabinete de Aznar decidiu aplicar a maior prórroga da historia da autoestrada, unha engádega de 25 anos como parte da negociación para que Audasa ampliase a autoestrada ata Ferrol tras o accidente do Discoverer Enterprise na ponte das Pías.

Os populares reclaman asumir con fondos públicos a eventual suba das peaxes pola inflación en 2023, ano no que os Orzamentos do Estado inclúen 70 millóns para bonificacións nesta autoestrada

Esa prórroga, que en 2021 foi considerada ilegal pola Comisión Europea (as autoridades comunitarias estiman que o Estado debeu sacala a concurso e non adxudicala directamente a Audasa nun proceso aínda aberto) foi aprobada polo Consello de Ministros que presidía Aznar apenas tres anos antes de privatizar Audasa xunto ao resto de concesionarias do grupo público ENA. 

O adxudicatario da privatización das autoestradas estatais fora un consorcio de empresas participado ao 50% pola construtora Sacyr e, en porcentaxes inferiores, por entidades financeiras encabezadas polo Banco de Santander (20%) e mais Caixa Galicia e Caixanova (20% cada unha). Tamén figuraba no accionariado Torreal, o fondo de investimento fundado polo empresario Juan Abelló.

Deputados do PP no Congreso polas circunscricións galegas, rexistrando o pasado novembro a petición de máis subvencións nas peaxes da AP-9 CC-BY-SA PPdeG

Con todo este pano de fondo chega neste 2022 a reclamación dos populares. Baseándose nos datos do IPC de novembro e en estimacións publicadas polo xornal La Voz de Galicia, os conservadores advirten de que as tarifas da AP-9 se incrementarán algo máis dun 8% en 2023 e consideran "cuestión de vontade política" que o Goberno de España non "adopte medidas como as que a Xunta vai facer nas autoestradas autonómicas" (a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor), isto é, asumir en 2023 con fondos públicos o impacto da inflación nas peaxes.

O PP realiza esta reclamación no Congreso e no Parlamento galego, pero Feijóo obviouna este luns na súa intervención no Senado para rexeitar os Orzamentos do Estado

O PP di considerar que "o Goberno de España está a tempo de limitar as subas da peaxes chegando a acordos coas concesionarias" na AP-9 e tamén na AP-53. Estes acordos, en calquera caso, sempre implican compensar as empresas polo que eventualmente deixen de cobrar directamente a quen circule pola autoestrada. 

Os conservadores formalizaron esta reivindicación nunha proposición non de lei no Congreso e presentarán unha nos mesmos termos en Galicia. Pola contra, na súa intervención deste luns no Senado para dar a réplica á ministra de Facenda, María Jesús Montero, no debate sobre os Orzamentos de 2023, Alberto Núñez Feijóo non mencionou a cuestión malia ser, ademais de líder do PP, senador en representación do Parlamento de Galicia. Como informa infoLibre, nese debate o ex-presidente renunciou a unha segunda quenda de intervención.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.