Propoñémoslle que afaste por un momento a ollada da voráxine da actualidade e nos acompañe a un punto informativamente remoto: o luns, 14 de novembro de 2022. Hai sete días.
A pasada semana comezou política e informativamente marcada sanidade pública e o aniversario do Prestige, dous asuntos incómodos para o PP que desapareceron con celeridade da cúspide da axenda política e mediática
Aquela semana comezou entre ecos do vixésimo aniversario do comezo da catástrofe do Prestige, con amplos despregamentos informativos en boa parte dos medios de comunicación. Tamén neste. A lembranza polos vinte anos do naufraxio compartía espazo na axenda informativa xeral coa gran manifestación na defensa da sanidade pública organizada en Madrid por diversos colectivos e forzas políticas críticas coa xestión do Goberno do PP nesa comunidade.
A marcha de Madrid espertou en Galicia ecos de abondosas mobilizacións pola sanidade pública. Das do pasado recente, das do presente continuo e do futuro inmediato nun outono marcado pola acumulación de infeccións respiratorias infantís que contribúe á sobrecarga do sistema dende os centros de saúde aos hospitais e agrega tensión, sobre todo, a unha moi presionada Atención Primaria.
Ningunha das dúas cuestións, nin o aniversario do Prestige nin a saturación da sanidade, son asuntos cómodos para o PP que goberna en Galicia e fai oposición no Estado encabezado por un Alberto Núñez Feijóo que acumulaba neses días varios esvaróns consecutivos. Destacadamente, a ruptura das conversas para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, operación na que o criterio da dirixente madrileña Isabel Díaz Ayuso primou sobre o do ex-presidente da Xunta, tal e como o seu equipo se encargou de facer saber. Nesta liña, o actual Goberno galego optou por desaparecer da efeméride do petroleiro.
A expectativa dunha suba das peaxes na AP-9 tivo na conversa pública galega un efecto moi semellante ao das revisións de condenas ao abeiro da lei de liberdade sexual a nivel de Estado
Pero ambos asuntos desapareceron con celeridade da cúspide da axenda política e mediática. A nivel estatal, a publicación das primeiras informacións sobre reducións de condenas por sentenzas revisadas tras a entrada en vigor da nova lei de liberdade sexual contribuíron a afastar do foco a cuestión sanitaria dende o martes, día 15, xornada na que se confirmaba que un dos temas da semana, definitivamente, non ía ser un novo paro de transportistas, desconvocado ao segundo día polo seu escaso seguimento.
A cuestión da lei do si é si estaba xa en primeiro plano o mércores, día 16, xornada na que o diario impreso con maior difusión en Galicia, La Voz de Galicia, abría a súa edición sinalando que "as peaxes da AP-9 subirán un 9%", en referencia aos cálculos elaborados polo xornal a partir da da suba interanual do IPC no peche de outubro -referencia para as peaxes- e o 1% adicional co que conta Audasa para compensar as últimas grandes obras de ampliación. Esa contorna do 9%, estimaba, sería a referencia que o Ministerio de Transportes recibiría da concesionaria para a súa autorización en 2023, ano no que remataría a concesión de Audasa se o Goberno do PP de José María Aznar non a prorrogase ata 2048 pouco antes de privatizala e no que seguirán vixentes as subvencións estatais do 50% ás peaxes, cun custo duns 50 millóns de euros públicos.
A expectativa desa suba das peaxes na AP-9 tivo na conversa pública galega un efecto moi semellante ao do si é si no seu equivalente a nivel de Estado. O propio día 16 o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lanzaba ao Goberno de España a esixencia de frear unha suba "histórica" que deu por feita e defendeu como produto dunha decisión "política", mentres agromaban titulares ao respecto en varias cabeceiras. Na mesma xornada a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, de visita no hospital de Monforte para un acto centrado nos problemas da Atención Primaria, lanzaba ao Estado a petición de que que non autorice este novo "sablazo". O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, tamén secundou a petición.
Rueda apresurouse en esixir ao Goberno de España frear a eventual suba das peaxes da AP-9 e tamén BNG e PSdeG se pronunciaron ao respecto en días en que programaran actos centrados na sanidade. O domingo, mentres se celebraban concentracións para reclamar máis persoal médico, a Xunta confirmou que o presidente escribira a ministra de Transportes sobre os prezos da autoestrada
Ao día seguinte, xoves 17, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, comparecía ante os medios para ofrecer unha comparecencia centrada na sanidade e na esixencia de que o Sergas non manteña Puntos de Atención Continuada (PAC) sen persoal médico, atendidos só por persoal de enfermaría. Ao termo da intervención foi tamén cuestionado pola AP-9, a cuxa concesionaria reclamou "sensibilidade" ante a situación das familias galegas, ademais de lembrar o "esforzo enorme" que para o Orzamento do Goberno que encabeza Pedro Sánchez supón a bonificación das peaxes vixente dende 2021.
O venres, día 18, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anunciaba que o seu partido forzará votacións no Parlamento, en todos os concellos e nas catro deputacións, mediante mocións nas que esixirá "limitar as subas das peaxes" en autoestradas de titularidade estatal, o cal presentou nun marco de aldraxe a Galicia. Simultaneamente, Rueda atendía os medios de comunicación durante un acto na cidade de Lugo -provincia con cero quilómetros de autoestrada- para anunciar que vai "pedir á ministra de Transportes que rectifique a suba dos peaxes da AP-9" asumindo con fondos públicos o posible incremento, como fará a Xunta nas dúas autoestradas da súa titularidade.
O domingo, día 20, a Xunta confirmaba que Rueda realizara esa petición mediante unha carta á ministra, Raquel Sánchez. Mentres, en Viveiro, Santiago, Sanxenxo, O Grove, Cee ou Cangas desenvolvíanse novas mobilizacións para reclamar máis persoal médico en Atención Primaria, especialmente nos servizos de Pediatría, con accións como a colocación de bonecos ás portas de centros de saúde. Ademais, a plataforma SOS Sanidade Pública avanzaba que ultima máis protestas coa vista posta nunha nova manifestación unitaria para o vindeiro febreiro. A cuestión terá, no entanto, que volver buscar oco nunha axenda na que entra con forza a AP-9. Como na vella expresión dos bandoleiros que disque daban a elixir entre a bolsa ou a vida tras daren o "alto!" ás súas vítimas, o foco político e mediático máis potente terá que elixir entre volver á AP-9 ou centrarse na sanidade.