A moderación na suba de luz e gas frea a inflación mentres o prezo dos alimentos segue á alza co azucre disparado

O incremento do azucre é agora a principal orixe da suba xeral dos prezos dos alimentos inflación outubro 2022 CC-BY-SA Foto: Mae Mu / Unsplash | Montaxe: Praza.gal

Os sectores que nos últimos meses foron obxecto dunha maior intervención estatal para afrontar a crise de prezos foron a orixe fundamental da moderación da inflación no mes de outubro. O índice de prezos ao consumo (IPC) finalizou o primeiro mes completo do outono cunha suba do 7,8% interanual en Galicia (en setembro era do 9,2%) e do 7,3% na media do Estado (8,9% no mes previo). 

Ambos datos seguen sendo, en ambos casos, os maiores en máis de tres décadas, comparables aos rexistros de finais de 1989. Pero tanto o indicador galego como o estatal, segundo as cifras divulgadas polo INE este 15 de novembro, van deixando atrás os récords do pasado verán, cando a alza galega chegara a superar o 11%, un rexistro que non se producía dende 1984.

A letra pequena dos datos amosa que a explicación se atopa, sobre todo, no descenso do custo da luz e do gas. Trátase dunha baixada aínda máis brusca que a suba previa, pasando en apenas dous meses dun incremento interanual superior ao 57% en agosto a un 6% en outubro. Isto quere dicir, daquela, que luz e gas seguen sendo (sempre en datos medios) máis caros que hai un ano, pero cun incremento moito menor ao dos meses previos.

A alimentación é un 15% máis cara que hai un ano e xa é a principal fonte de incremento dos prezos. O dato xeral do IPC, malia caer dende setembro ata o 7,3%, é o máis elevado en Galicia dende 1989

Se abrimos o foco dende o ano previo á pandemia obsérvase con claridade como a evolución dos prezos da luz, do gas e outros combustibles mesmo transitaron por terreo negativo dende a primavera de 2019 e chegaron a ter unha evolución próxima ao -20% nos meses do confinamento pola COVID, coa caída global de demanda. Os prezos deste grupo regresaron a terreo positivo na primavera de 2021, cando comezou a erguerse o groso das restricións, e disparáronse por riba do 80% interanual a pasada primavera, tras a invasión rusa na Ucraína e o endurecemento das sancións a Rusia por este motivo.

Foi neste punto cando entraron en vigor medidas de intervención estatal e da UE para paliar a situación. Entre elas, rebaixas tributarias no recibo da luz ou, sobre todo, o tope ibérico ao gas en vigor dende o verán. No panorama global inflúe tamén a moderación dos prezos do gas nos mercados internacionais dende hai semanas tras meses de acumulación nas reservas europeas cara ao inverno.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, que representan a evolución dende 2019 dos prezos ao consumo dalgúns dos principais grupos de gasto, a mudanza da situación provoca que os prezos da enerxía xa non sexan os principais responsables do dato global da inflación. Agora sono xa os alimentos, que de media custan en Galicia un 15,2% máis que hai un ano, seis décimas menos que na media estatal, segundo o índice de prezos ao consumo por subgrupos que publica o INE.

Os prezos do azucre están case un 60% por riba dos de hai un ano, coas restricións ás exportacións da India entre as causas

Ao descendermos máis ao detalle observamos como aumentan os prezos de todos os alimentos, pero non todos na mesma medida. Se en meses anteriores o que máis incrementaba o custo da compra eran os ovos ou o leite, agora o que tira dos prezos é, sobre todo, o azucre, que duplica amplamente no último mes a súa suba interanual ata achegarse ao 60%. Diversas voces expertas sinalan entre as causas desta espectacular suba do azucre a nivel global ás restricións ás exportacións por parte da India, un dos principais produtores do mundo, que tamén o utiliza para elaborar combustibles.

A enorme suba dos prezos do azucre converte en comparativamente menores os que seguen sendo moi relevantes incrementos interanuais dos ovos (case un 30% máis caros que hai un ano malia á relativa moderación dende maio), do leite (+25,3% interanual), do aceite (por riba do 23%), dos cereais (+21%), das patacas (+18,7%) ou do pan, que se incrementa case un 15%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.