A proposta lanzada pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para que os supermercados ofrezan unha cesta da compra de produtos básicos a un importe conxelado e moderado ata despois do Nadal, bateu co rexeitamento da gran distribución e do pequeno comercio. No último dos casos polo temor a perder aínda máis cota de mercado a favor das grandes cadeas, e no caso destas últimas ao creren que "non resolve o problema de prezos" e advertir de que a suba dos custos enerxéticos failles traballar con "estreitas marxes comerciais netas do 1 ou 2%". Por iso, reclaman a baixada do IVE en produtos básicos, moratoria a impostos medioambientais ou apoio público para rebaixarlles a factura da luz.
No medio da polémica, os provedores: os agricultores e gandeiros que abastecen esas grandes cadeas e que reprochan que foran excluídos dun debate que esqueceu, segundo critican, "o elo máis débil da cadea e o que, posiblemente, acabe volvendo ser o máis prexudicado de todas estas iniciativas". Así o advirte Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA) ante a situación dun sector agrogandeiro que leva meses mobilizándose fronte á suba dos custos de produción, agravada pola crise enerxética tras a invasión rusa en Ucraína e a inflación disparada.
SLG e UUAA lamentan que o debate sobre a cesta da compra de alimentos a prezos conxelados deixe fóra os produtores, "o elo máis débil da cadea"
Tanto García como Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) coinciden en que o Goberno de España "debe facer algo" ante a escalada de prezos en produtos básicos de alimentación, pero non cren que "conxelar o importe dunha cesta da compra básica sexa a solución". Defenden ir á que consideran a cerna do problema e -tan sinxelo como irrealizable ata o momento- cumprir a lei da cadea alimentaria.
Para Vilalba o Goberno debe "actuar" porque "hai que garantir o acceso da cidadanía aos alimentos básicos". No entanto, advirte que desde o seu sindicato levan tempo alertando da "barbaridade" que supón que "o prezo a pagar en orixe e o prezo de venda final estea en mans de especuladores, fondos de investimento e grandes empresas".
"A solución non é ofrecer produtos a prezo conxelado, senón regular a cadea de valor: garantir que se cubran custos e ingresos dignos e evitar marxes abusivas"
"A solución é ofrecer uns produtos a prezo conxelado? Non, a cuestión é regular a cadea de valor, que se garanta un pago aos produtores que garanta as marxes necesarias para cubrir os ingresos de produción e ter uns ingresos dignos e que os outros elos da cadea fagan o mesmo, evitando marxes abusivas e especulativas, e máis neste tempo", insiste Vilalba, que advirte de incrementos de máis do 600% entre o prezo que se lle paga a algún agricultor ou gandeiro polo seu produto e o importe ao que se vende nun supermercado.
"Chama a atención que a parte máis afectada, aquela onde se descarga todo o peso das promocións e das ofertas por parte das distribuidoras, os produtores, non tivesen sido en conta para o debate", engade García, que lembra que son agricultores e gandeiros os únicos "que non facemos unha soa factura". "Fánnola os que nos compran e ata os que acaban vendendo o produto", denuncia.
Así, e segundo o IPOD (Índice de Prezos en Orixe e Destino) -elaborado pola COAG e organizacións de consumidores-, o prezo en orixe pagado aos agricultores en agosto polas cenorias en agosto no conxunto do Estado foi de 17 céntimos o quilo mentres que se venderon a 1,11 nos supermercados, un 553% máis. No caso da cebola, o incremento no que pagaron as consumidores con respecto ao recibido polo produtor foi do 463%, no allo do 648%, no porco do 260%, no coello do 194%, no polo de case o 130%, na tenreira do 280% e no leite de case o 100%.
Os sindicatos agrarios advirten do uso de alimentos de primeira necesidade como produto reclamo nos supermercados "con cargo aos produtores"
No mesmo mes, os datos da inflación sinalan o encarecemento dos ovos e o leite en arredor do 30% con respecto a hai un ano, do 20% en cereais e aceite e por riba do 10% en carnes de vacún e ave, legumes e hortalizas frescas.
"As marxes de beneficio que manexa a distribución son moi grandes, tamén no caso da industria, pero ese 1 ou 2% do que fala o sector, polo menos no que ten que ver coa alimentación, é unha falsidade", insiste Vilalba, que lembra como este verán froita fresca estivo a ser vendida a máis de tres euros o quilo cando os produtores cobraban 30 céntimos. "Compartimos a necesidade de regulación para asegurar ao acceso aos alimentos de toda a poboación, pero sen demagoxia, non impulsando unha cesta que compromete os produtores ou acaba incluíndo produtos de pésima calidade", explica.
Ademais, Roberto García advirte doutra derivada: "A experiencia dinos que os produtos de primeira necesidade sempre se utilizaron como produto reclamo por parte da distribución e sempre con cargo aos gandeiros e non ao seu orzamento ou beneficio". Ocorre acotío co leite e ocorreu hai pouco co polo cando unha cadea de supermercados en Lugo poñía á venda un polo de tres quilos a 2,59 euros, 90 céntimos por baixo dos custos de produción. "Nada nos fai pensar que os hipermercados e supermercados non vaian facer o mesmo se acaban ofrecendo cestas a prezos baixos", di.
Sindicato Labrego e Unións Agrarias apostan por aumentar o control para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e baixar os prezos: "Non confiemos no voluntarismo da distribución"
A clave, para o SLG e UUAA, que se cumpra a lei da cadea alimentaria e, sobre todo, que se establezan "os mecanismos, o control e as análises necesarias" para que se garanta o cumprimento da lexislación e, xa que logo, que non se poida vender a perdas, que se cubran os custos de produción dos produtores, que se eviten marxes especulativas de industria, intermediarios ou cadeas de destribución e que non se impulsen ofertas con produtos reclamo que se venden a importes irrisorios.
"Cada operador -sinala- deberá pagar ao (...) inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción" e ademais, "para protexer a capacidade de comercialización dos produtores primarios", os responsables da venda final ás persoas consumidoras (por exemplo, os supermercados) "non poderán aplicar nin ofertar un prezo de venda ao público inferior ao prezo real da adquisición do mesmo", di a lei tras a reforma aprobada polo Congreso en decembro de 2021. Establécense elevadas multas.
"Pero a lei está reducida a enunciados: di que é ilegal pagar por baixo dos custos de produción pero non se establecen cales deberían ser os prezos razoables. Sábese con claridade que se paga por moitos produtos menos dos que custa producilos, pero non hai mecanismos para actuar", di Vilalba que, como o sindicatos, leva tempo reclamando un observatorio público de custos de referencia.
O sector tamén reclama axudas para o pago das facturas eléctricas disparadas: "Paréceme ben que se peche o prezo do leite ou da carne, pero tamén habería que facelo, daquela, cos cereais, co millo ou co gasóleo"
"É preciso máis control para que se cumpra a lei da cadea alimentaria porque todos sabemos quen está gañando aquí e quen aplica marxes abusivas, que son denunciables se hai un abuso de poder dominante. Facendo as cousas ben, os prezos han baixar", di García, que rexeita a solución impulsada pola ministra Yolanda Díaz. "Non pode ser voluntaria, non se pode depender da solidariedade que queira aplicar unha gran cadea de distribución... Xa se ve o que acaba de facer Carrefour coa súa cesta: propaganda e publicidade", di, quen cre que a proposta que agora se debate supón "meter unha bomba no sistema de formación de prezos".
En resumo, como di Vilalba, "que se garantan marxes razoables pero non abusivos nin especulativos".
Ademais, tanto SLG como UUAA reclaman axudas para o pago das facturas eléctricas disparadas, igual que as solicitan as grandes distribuidoras ou que as gozan as propias compañías enerxéticas ou a industria electrointensiva. "Paréceme ben que se peche o prezo do leite ou da carne, pero tamén habería que facelo, daquela, cos cereais, co millo ou co gasoil, con todo aquilo que está a aumentar tanto os custos de produción", explica.
"Hai vías fiscais, como a baixada do IVE en produtos básicos, e legais para actuar, pero non confiar no voluntarismo ou nun camiño que pode deixar máis vítimas é un erro", remata. "A vía non pode ser unha frivolidade", conclúe Vilalba.