A electricidade e a calefacción encareceron un 52% nos últimos 12 meses e os carburantes, malia ás baixadas dos dous últimos meses, un 27%
A crise de prezos que está a vivir Europa comezou hai un ano polo encarecemento da electricidade e do resto de produtos enerxéticos (gas e combustibles), nunha situación agravada polos efectos da guerra en Ucraína. Porén, hai xa varios meses que estes incrementos se trasladaron a outros produtos básicos, comezando polos alimentos.
A inflación descendeu un chisco no mes de agosto, debido en boa medida ao abaratamento da gasolina. Porén, os alimentos continuaron a encerecerse, nunha escalada que xa está a xerar grandes dificultades ás persoas e familias con menos recursos, unha situación ante a que distintas voces reclaman o establecemento de limitacións no prezo aos alimentos básicos ou unha proposta de "cesta sa e a prezo moderado".
Os alimentos son un 13% máis caros que hai un ano, os mobles un 11%, a roupa un 8% e a restauración un 9%
Neste gráfico pode verse a evolución no último ano e medio dos principais capítulos de gasto, entre os que destaca o encarecemento da electricidade e a calefacción, cun prezo que supera nun 52% o de hai 12 meses. O encarecemento interanual chegou a situarse no 75% en marzo, aínda que as medidas adoptadas polo Goberno central e a UE na primavera conseguiron frear un pouco a escalada. Con todo, dende maio o índice interanual volveu medrar de forma importante.
O outro capítulo que se encareceu de forma máis destacada no último ano é o dos carburantes, especialmente ata o pasado mes de xuño, momento en que o seu prezo medraba un 45% en termos interanuais. Porén, dende entón o prezo das gasolinas reduciuse ata un nivel máis baixo que o que se rexistraba no inicio da guerra de Ucraína, o que unido ás axudas do Goberno central conseguiu conter a suba, que neste momento se sitúa no 27% con respecto ao mes de agosto de 2021.
Neste verán tamén asistimos a unha escalada dos prezos ligados ao turismo, cunha suba do custo dos 'paquetes turísticos' dun 21% en termos interanuais e do aloxamento vacacional nun 12%
Con todo, a gráfica tamén amosa que o resto de capítulos de gasto (moitas delas producións ou servizos que dependen do custo da electricidade ou da gasolina) vén incrementando de forma sostida os seus prezos nos últimos meses. Destacan os alimentos, un 13% máis caros que hai un ano. Pero tamén a roupa e o calzado se encareceron un 8%, o alugueiro de vivenda máis dun 6% e os mobles un 11%.
Neste verán tamén asistimos a unha escalada dos prezos ligados ao turismo, cunha suba do custo dos 'paquetes turísticos' dun 21%, do aloxamento vacacional nun 12% e, relacionado co encarecemento dos alimentos, da restauración nun 9%.
Ovos e leite son un 30% máis caros que hai un ano
Pero entre todas as subas de prezo a que máis está a preocupar nos últimos meses, debido ao seu carácter de produtos de primeira necesidade, é o dos alimentos. Dentro deles, aínda que case todos están a incrementar o seu custo, destaca o caso do ovos e do leite, case un 30% máis caros que hai un ano. Os ovos levan xa uns meses moderando as súas subas, pero o leite suma doce meses consecutivos de incrementos, nunha escalada que xa levou o prezo do litro da maior parte das marcas por riba do euro.
Soben tamén o aceite (+22%), os cereais (+20%), o pan (+14%), as legumes e hortalizas (+14%) e as carnes, especialmente as de vacún (+12%) e o polo (+12%)
A guerra en Ucraína disparou na primavera o prezo do aceite de xirasol, e como efecto colateral, o de oliva, aínda que dende entón houbo mesmo unha baixada. Aínda así, o aceite é un 22% máis caro que hai un ano. Soben tamén os cereais (+20%), o pan (+14%), as legumes e hortalizas (+14%) e as carnes, especialmente as de vacún (+12%) e o polo (+12%).
Cómpre destacar a evolución nos últimos meses das patacas (+17%) e do azucre (+16%), cuxo prezo se disparou dende o mes de maio. Pola contra, a carne de porco, o peixe e a froita están entre os produtos que menos se encareceron dende agosto de 2021.
O gráfico anterior amosa a evolución dos prezos mes a mes. Vemos por exemplo como os ovos dispararon o seu custo en marzo, abril e maio, cun aumento do 22% en só tres meses, o mesmo que o aceite, que dende entón se abaratou. De igual xeito, o prezo das patacas medrou un 17% entre maio e xuño e o azucre aumentou un 11% en xullo e agosto. A carne acumula xa varios meses de incrementos sostidos, mentres que a froita, que subira moito no final da primavera, moderou o seu prezo no verán.
No que levamos de ano o prezo pagado aos gandeiros pasou de 35,5 a 44,7 euros por cada 100 litros de leite, un aumento obrigado polo incremento dos custos de produción
Mención á marxe merece o leite, cuxo prezo aumentou un 19% no que levamos de ano e un 13% só nos últimos catro meses. Cómpre salientar que, nesta ocasión, e por fortuna, o encarecemento para o consumidor final produciuse en paralelo cun incremento do prezo pagado aos produtores, que en xullo se situou nos 44,7 euros por cada 100 litros, segundo os datos medios dos prezos declarados polos compradores.
No que levamos de ano o prezo pagado aos produtores pasou de 35,5 a 44,7 euros, un aumento obrigado polo incremento dos custos de produción, comezando polo encarecemento de pensos e abonos, aos que se une o da electricidade. É o prezo máis elevado pagado aos produtores, cando menos, dende xaneiro de 2010.