A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegura que o sector dos supermercados e hipermercados está aberto a impulsar unha "cesta da compra equilibrada e sa" de alimentos esenciais a un prezo accesible para aliviar os gastos das familias ata despois do Nadal en media dunha crise de prezos e coa inflación disparada.
Díaz, xunto co ministro de Consumo, Alberto Garzón, explicou a intención do Goberno de España logo de manter unha xuntanza con representantes das organizacións de consumidores e usuarios mais a Asociación de Supermercados Distribuidores (Anged) -onde se integra El Corte Inglés-, a Asociación de Cadenas Españolas de Supermercados (Alcampo ou Carrefour) e a Asociación Española de Distribuidores, Autoservicios y Supermercados (Asedas), que inclúe a Gadisa, Froiz, Mercadona ou Lidl.
Díaz agradeceu a actitude "construtiva" e as "achegas" de todas as partes na reunión no intento de facer algo ante o que, considera, "o gran problema do país" e no que "hai que traballar": o importante aumento dos prezos nos últimos meses, sobre todo tras a invasión rusa de Ucraína. Tanto a ministra como Garzón advertiron varias veces, ademais, que a medida é completamente legal ao tratarse da busca dun acordo e non unha intervención do mercado nin imposición ningunha. No entanto, a gran distribución apurou a rexeitar a medida e a pedir, pola contra, rebaixas de impostos.
Díaz aclara que a medida é "completamente legal" pero advirte que a lei do Comercio ten "excepcións" que permitirían limitar prezos
"É unha medida completamente legal que respecta o dereito da competencia", dixo Díaz que, con todo, tamén quixo deixar claro que a lei do Comercio contempla "excepcións" en caso de que a decisión fose limitar por lei os prezos. "E hainas porque hai países que están tomando medidas que xamais chegamos a pensar", insistiu, tras aclarar que será na seguinte reunión cando se poidan definir xa máis detalles sobre esta iniciativa.
"Estamos nunha liña positiva para poder limitar o prezo", engadiu Garzón. Segundo Díaz, as patronais da distribución comprometéronse a estudar a proposta que consistirían en ofrecer unha cesta da compra básica "de calidade, de produtos que garantan unha alimentación sa" e que "ten que conter produtos frescos, carne, peixe, ovos, hortalizas e lácteos", ademais doutra para persoas celíacas. A idea é impulsala canto antes e que estea dispoñible ata despois do Nadal.
A cesta da compra a un prezo accesible estaría dispoñible ata despois do Nadal e debería conter "produtos frescos, carne, peixe, ovos, hortalizas e lácteos"
A intención de propoñer esta medida fora adiantada por Díaz nunha entrevista en elDiario.es. Só uns días despois, o grupo francés Carrefour lanzo unha cesta rebaixada de 30 produtos a 30 euros que, segundo aclararon desde o Goberno de España, xa estaba pensada antes e non ten nada que ver coa proposta do Executivo, ao non incluír produtos frescos nin leite. Si leva pan de molde, chocolate branco, galletas ou albóndegas en salsa, ademais de lixivia, crema de dentes ou compresas, entre outras cousas.
Para premer neste sentido, Garzón asegurou que Consumo publicará nos vindeiros días unha guía de recomendación de alimentos equilibrados que levará á próxima xuntanza coas distribuidoras coa intención de que a cesta básica rebaixada inclúe este tipo de produtos. Non sería unha obriga pero si unha recomendación para que "as ofertas comerciais poidan promover os hábitos de consumo saudable".
Ademais, e respecto do rexeitamento por parte das patronais do pequeno comercio ante o temor de perder aínda máis cota de mercado en favor da gran distribución, tanto Díaz como Garzón advertiron que "quen ten marxe para poder practicar estes descontos son as grandes superficies": "A unha pequena tenda é moi difícil pedirlle esforzos que non pode facer".
"Pedimos esforzos aos que máis teñen"
"Isto non vai contra ninguén; o que facemos é pedir esforzos aos que máis teñen, como llelos pedimos aos grandes bancos ou ás enerxéticas, pero non a unha tenda de barrio", insistiu Díaz, que chamou tamén a "axudar" ao pequeno comercio comprando nel e mercando produtos de temporada. "A marxe maior pódena asumir as grandes distribuidoras porque teñen diferentes cotas de mercado e hai grandes empresas que tiveron centos de millóns de beneficios e mesmo reparten dividendos", engadiu Garzón.
Ademais, o ministro de Consumo tamén aclarou que nas negociacións abriuse a posibilidade tamén de que as empresas "inclúan diferentes dimensións, diferenciando renda ou familias numerosas". "Impulsamos que fagan ofertas que moderen os prezos", aclarou, para conseguir "diferentes con importes moderados".
"Non podemos aceptar o acordo dunha cesta da compra a prezos fixos", di a gran distribución, que pide baixadas de impostos
Alén disto, na reunión tamén se formulou a posibilidade de baixar o IVE en diferentes produtos, unha medida que só sería unha máis de varias que, segundo Díaz, está preparando o Executivo para diminuír o impacto da inflación. "Todo o Goberno está tomando todas as medidas necesarias para baixar os prezos", rematou, tras aclarar varias veces que tanto o presidente, Pedro Sánchez, como a parte socialista do Consello de Ministros apoia as iniciativas neste sentido.
Ás poucas horas, as asociacións que acudiron á reunión representando á gran distribución foron contundentes: "Non podemos aceptar o acordo dunha cesta da compra a prezos fixos". Ademais, cualificaron o acordo de "inviable e contraproducente" pero si aceptaron negociar a baixada do IVE en alimentos, unha moratoria a impostos medioambientais, o descenso do custo regulatorio ou a a redución con custo da enerxía.