A variación interanual no transporte baixa no último mes coincidindo coa baixada dos combustibles, pero na alimentación segue medrando
Os datos feitos públicos este venres polo Instituto Nacional de Estadística (INE) sobre o Índice de Prezos de Consumo (IPC) correspondente ao mes de xullo deixan un novo máximo na cifra correspondente a Galicia, cun 11,5% de variación a respecto de hai un ano. É sete décimas superior ao 10,8% correspondente ao conxunto do Estado, catro décimas máis que o rexistrado hai un mes e sitúase en rexistros similares aos de 1984.
Por grupos de artigos de consumo, a alimentación e bebidas non alcólicas seguiron subindo lixeiramente no último mes en Galicia, ata o 12,8% a respecto dun ano antes e dúas décimas máis que un mes antes. Pola contra, o transporte sitúase no 15,9% de variación interanual, por baixo do 19,5% de hai un mes, coincidindo coa baixada dos combustibles ao menor prezo en medio ano en Galicia.