A principios de agosto de 2021 o litro de gasolina 95 roldaba en Galicia os 1,44 euros e o de gasóleo A estaba na contorna dos 1,30. Un ano despois, o prezo medio de venda ao público é un 34% superior, no caso da gasolina, e está case un 50% por riba, no gasóleo. Estas fortísimas subas están amortecidas polo desconto xeral de 20 céntimos aplicado polo Estado dende o pasado 1 de abril, no marco do primeiro paquete de medidas contra a crise de prezos agudizada polas consecuencias internacionais da invasión rusa da Ucraína e das sancións comunitarias impostas en resposta pola UE contra o Goberno de Vladimir Putin.
Tendo en conta o desconto, o gasóleo é agora un 30% máis caro que hai un ano e a gasolina, arredor dun 20%. Isto sucede nun contexto no que, tras algo máis dun mes de leves baixadas, agosto comeza cos combustibles nos seus prezos máis baixos en practicamente medio ano. Sono malia superar os 1,7 euros por litro tanto de gasolina como de gasóleo unha vez aplicado o desconto, isto é, malia estaren por riba dos 1,9 euros.
Os datos máis recentes que recompila o Ministerio para a Transición Ecolóxica sinalan que o prezo medio do litro de gasolina pechou xullo en Galicia arredor dos 1,93 euros, isto é, 1,73 tendo en conta o desconto estatal. No caso do gasóleo, está un chisco por baixo dos 1,71 euros unha vez aplicado o desconto. A gasolina chegou a estar a 2,18 euros o litro, de media, a mediados do pasado mes de xuño, cando o prezo medio do gasóleo superaba os 1,9 antes do descoto.
O petróleo cotiza nun 12% menos que no inicio da guerra da Ucraína, pero o litro de gasolinas e gasóleos é arredor de 10 céntimos máis caro que daquela
Visto en perspectiva, o prezo que pagan agora as persoas consumidoras polo combustible é agora semellante, tras aplicar o desconto, ao que as petroleiras cobraban nos primeiros días de marzo, cando aínda non existía a bonificación estatal e había apenas unha semana que comezara a invasión rusa na Ucraína. En poucos días, tanto gasolina como gasóleo superaran a barreira dos 1,8 euros o litro e foi nese contexto no que o Estado aprobou o desconto, despois renovado.
A cotización internacional do petróleo
Naqueles primeiros días de marzo, ao fío do estourido bélico, o petróleo Brent -referencia en Europa- chegou a cotizar nos mercados internacionais por riba dos 125 dólares o barril. A súa cotización finalizou xullo arredor dun 12% por baixo da acadada daquela -na contorna dos 110 dólares-, pero o prezo de venda ao público de gasolinas e gasóleos está agora uns dez céntimos por riba do cobrado daquela.