Vivir nunha gran cidade ou nunha determinada área urbana pode ser máis caro que facelo noutras localidades. O impacto do maior custo da vida nalgunhas zonas acaba por reducir a capacidade de compra da súa poboación e por disparar a pobreza. Porque un euro non vale -ou non permite mercar o mesmo- en todas as urbes.
Un estudo ten en conta a diferenza no custo real da vida entre os territorios e o seu influxo á hora de cuantificar o risco de pobreza
Ter en conta esta diferenza no custo real da vida, comparando a renda cos prezos, e o seu influxo no risco de pobreza de cada territorio -que non se inclúe nas estatísticas oficiais baseadas unicamente na renda monetaria- foi o obxectivo principal de varios investigadores do Institut d’Estudis Regionals i Metropolitans de Barcelona (IERMB).
No seu estudo Cost de la vida i risc de probresa a les comunitats autónomes, àrees motropolitanes i ciutats espanyoles advirten de que Madrid, Catalunya, Balears e Euskadi son os territorios onde o risco de pobreza aumenta en milleiros de persoas se temos en conta o custo real da vida, que nestas comunidades é máis elevado que no resto de España. Así, no conxunto do Estado a poboación pobre aumentaría en 650.000 persoas.
A pobreza increméntase un 10% en Vigo, un 8% en Santiago e un 4,2% na Coruña se temos en conta o custo de vida nelas, maior ao de Galicia e ao do resto de urbes
No caso galego, o menor custo da vida con respecto á media estatal provoca, segundo o estudo, que o número de persoas en risco de pobreza se reduza en case un 15% (-14,5%) no país -case 80.000 menos- respecto ás cifras oficiais. Así, mentres que a taxa de risco de pobreza se sitúa no 20%, coa estimación dese custo real da vida que aplica o estudo, a porcentaxe reduciríase ao 17,1%.
No entanto, hai moita diferenza segundo as cidades. De feito, e segundo a investigación, a pobreza dispárase en Vigo máis dun 10% e en case 5.000 persoas ao ter en conta o custo da vida, que nesta cidade, en Compostela e na Coruña é maior á media estatal. Na urbe viguesa serían unhas 54.000 persoas as que estarían en situación de risco de pobreza.
Pola súa banda, en Santiago, o maior custo da vida con respecto ao conxunto de Galicia e do Estado provoca que as persoas en risco de pobreza aumenten case un 8% (+7,9%), sobre un milleiro máis e ata as 14.460, mentres que na Coruña o incremento é do 4,2% e arredor de 1.700 cidadáns que ingresarían nunha lista que abrangue máis de 42.000 persoas.
Ferrol é unha das cidades de todo o Estado onde o custo de vida é menor con respecto á media
No resto de cidades galegas, acontece o contrario. O custo real da vida nelas diminúe respecto da media, reducindo tamén a pobreza real: un descenso do 2,6% e 400 persoas menos en Pontevedra; un -6% e -1.266 en Ourense ou un 9,4% menos e dous milleiros de cidadáns menos en risco de pobreza en Lugo.
A diferenza é máis grande en Ferrol, unha das cidades de todo o Estado onde, segundo o estudo, o custo da vida é menor respecto da media estatal. Neste caso, esta circunstancia provoca que o número de persoas en risco de pobreza descenda en máis de 2.000 (-16,8%) de ter en conta este impacto e non só a renda monetaria.
O estudo do IERMB vincula renda, custo de vida e pobreza, tendo en conta indicadores como o prezo da vivenda, entre outros, con datos de 2018, os últimos completos dispoñibles. E céntrase en ter en conta o diferencial na capacidade da compra da cidadanía segundo o lugar onde vive porque, de non facelo, pódese "ser impreciso á hora de comparar a cantidade de bens e servizos reais que se poden adquirir nos diferentes ámbitos territoriais, o que inflúe sobre as condicións de vida material das persoas".
É algo que se fai nos Estados Unidos, con informes oficiais sobre o custo da vida desagregada territorialmente, e que o Parlamento Europeo leva anos recomendando mesmo por ámbitos subestatais, de rexións, áreas metropolitanas ou cidades.
Só en Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana, Extremadura e Murcia o custo real da vida é menor que en Galicia
Neste traballo, emprégase o indicador de PPA (Paridade de Poder Adquisitivo), que a través dunha metodoloxía específica calcula o custo da vida en determinadas áreas, sendo no Estado Madrid (116,4), Catalunya (107,8), País Vasco (106,3) e Illes Balears (102,7) as catro comunidades que rexistran valores superiores a 100, que representa o valor medio do conxunto do Estado, o que implica que para poder comprar a mesma cesta de produtos cómpre unha cantidade de euros superior á media de España.
No ránking, Galicia queda no 93,3, só por riba de Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana, Extremadura e Murcia. Polo tanto, o custo da vida en Galicia é menor que a media e que na maioría de comunidades.
En canto á análise das áreas urbanas, todas as das grandes cidades galegas se sitúan por baixo da media agás a de Vigo (101,2), destacando a de Ferrol, que destaca como unha das zonas onde o custo da vida é menor no Estado, só por riba da de Alcoi, Lorca, Linares, Cartagena e Gandía.
Ao ter en conta só as cidades, Vigo (105,8), Santiago (104,3) e A Coruña (102,4) superan o custo medio real da vida, tanto de Galicia como do Estado, mentres que Ferrol (89,2) volve situarse entre as dez urbes co máis baixo, cunha diferenza notable non só con outras cidades do país, senón co valor medio na comunidade autónoma.
Nas súas conclusións, o estudo aclara que o custo da vida varía entre territorios, pero non só entre comunidades autónomas, senón tamén entre cidades e áreas urbanas. Así, destaca que o maior custo da vida no Estado dáse nas cidades de Madrid, Barcelona e Donostia, así como nas súas áreas.
Renda familiar dispoñible
Ademais, e respecto ás taxas de risco de pobreza corrixidas, Andalucía e Canarias terían os valores máis altos, fronte a Navarra e Euskadi, coas máis baixas.
Do mesmo xeito, aplicar o custo da vida á renda familiar dispoñible tamén muda os ránkings, tanto de comunidades como de áreas urbanas ou cidades. Segundo esta consideración, Galicia pasaría dos 11.218 euros aos 12.029.
Por cidades, Vigo pasaría dos 12.537 aos 11.850 euros; A Coruña dos 14.016 aos 13.687; e Santiago dos 13.950 a 13.380. No resto de urbes, a renda familiar dispoñible aumentaría: de 12.346 a 12.838 en Ourense; de 12.303 a 13.070 en Lugo; de 12.335 a 12.557 en Pontevedra; e de 12.384 a 13.886 en Ferrol.
Por último, e tal e como destacan os autores do informe, a actual inflación logo da crise xerada pola pandemia fai previsible que a fenda entre renda e custo da vida aínda aumentase máis e que -anos despois dos datos aos que fai referencia- a poboación aínda se empobrecese máis.