O Índice de Prezos de Consumo (IPC) volve dispararse en Galicia, cun incremento en maio que volve roldar o 10%, ata o 9,6% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, nove décimas máis que a da media estatal (8,7%), segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estadística (INE).
O IPC dispárase en Galicia cun incremento do 9,6% en maio con respecto ao pasado ano, nove décimas máis que a media estatal
Ademais, o IPC medrou un 1,1% en Galicia con respecto ao mes de abril, unha suba que é tamén lixeiramente superior á do conxunto do Estado, onde quedou no 0,8%.
De novo, é a forte suba de electricidade, gas e combustibles o que está a disparar o gasto nos fogares e na economía galega, impactada agora si de cheo pola guerra na Ucraína e polos efectos da invasión rusa, a dependencia enerxética do gas, o encarecemento do petróleo e os seus efectos no importe da factura da luz ou á hora de botar gasolina.
De feito, o prezo medio dos principais combustibles en Galicia nesta altura supera todos os récords. A gasolina 95 sitúase nos 2,166 euros por litro, mentres que o gasóleo A supera os 2 euros, ata os 2,018. A escalada é practicamente constante desde a Semana Santa e en moitos casos a suba comeu xa os descontos aplicados polo Goberno central.
Dende o pasado 1 de abril está en vigor o desconto xeral nos combustibles aprobado polo Goberno de España para tentar conter a crise de prezos. A bonificación supuxo a aplicación directa dunha rebaixa de 20 céntimos por litro nos principais combustibles (engadida a outras bonificacións para colectivos específicos, coma o transporte profesional de mercadorías) e foi recibido por sectores empresariais do sector das petroleiras con diversas protestas e augurios de peches.
O prezo medio dos principais combutibles supera os 2 euros por litro e é o máis alto desde que existe a bonificación
Máis de dous meses despois do comezo destes descontos, os datos oficiais do Ministerio para a Transición Ecolóxica indican que, no caso de Galicia, o prezo medio dos principais combustibles é o máis alto dende que existe a bonificación.
En consencuencia, e respecto a hai un ano, a inflación na electricidade, gas e outros combustibles é do 41,5%, cinco puntos superior á que se dá no conxunto do Estado. Son valores aínda elevadísimos, pero lonxe do pico de máis do 80% de incremento interanual dos prezos que se deu no pasado mes de marzo.
Xa que logo, a utilización de vehículos persoais viu tamén incrementada a inflación un 18,6% interanual, unha das subas máis importantes xunto coa dos alimentos, dun 11,2% con respecto a hai un ano, o mesmo incremento que a nivel estatal. Tamén destaca a suba do 6,8% das bebidas non alcohólicas, o 7% en restauración e comedores, o 6,9% nos paquetes turísticos ou o 14,5% nos servizos de aloxamento.
A escalada de prezos derivado do mercado enerxético arrastra tamén a conservación e reparación de vivendas (+6,5% de suba interanual), os mobles e artigos para o fogar (+9,4%) ou a adquisición de vehículos (+6,5%).
Esta suba continuada dos prezos provocou xa que un terzo dos fogares galegos reducise o seu gasto de roupa e calzado, transporte, gas ou electricidade no primeiro trimestre do ano. É a porcentaxe máis elevada dende o ano 2013, cando aínda se vivían os peores momentos da gran recesión.