O 30,24% dos fogares viuse obrigado a recortar nos últimos tres meses "gastos comúns" distintos da alimentación, como roupa e calzado, transporte ou gas e electricidade
A suba dos prezos da electricidade e dos combustibles hai tempo que comezou a notarse tamén noutros elementos de consumo diario, comezando pola alimentación. Estes incrementos están xa provocando prexuízos aos consumidores, como revela a última entrega da Enquisa conxuntural aos fogares, publicada este luns polo IGE. A enquisa amosa que case un terzo das familias galegas viuse obrigado a recortar nos últimos tres meses "gastos comúns" distintos da alimentación, como roupa e calzado, transporte ou gas e electricidade.
A gráfica amosa a enorme diferenza entre o comportamento das familias nestes últimos tres meses en relación aos trimestres anteriores. De feito, este 30,24% de fogares que recortou gastos básicos é a porcentaxe máis elevada dende o ano 2013, cando aínda se estaban a vivir os peores momentos da gran recesión. A porcentaxe duplica o dato do último trimestre do 2021 e case multiplica por catro o dato do trimestre anterior.
É a porcentaxe máis elevada dende o ano 2013, cando se vivían os peores momento da gran recesión
Os restantes indicadores que ofrece a enquisa, no entanto, non revelan unha mala situación económica xeral. Si aumenta lixeiramente a porcentaxe de fogares que cambiou os seus "hábitos de compra" mercando marcas brancas ou produtos en oferta, que pasou do 9,3% ao 12,6% en seis meses, pero diminúe o número de familias que recibiron axuda económica ou que recorreron a "medidas financeiras" (préstamos, por exemplo) ou a traballar máis horas.
Aumenta a porcentaxe de fogares que din chegar a fin de mes con moita dificultade (6,72%)
De igual xeito, a enquisa amosa que nos últimos tres meses aumentaron as familias que realizaron "extras" tanto en alimentación (un hábito ligado ás festas de Nadal) ou á hora de saír cear fóra da casa ou a acudir ao cine ou o teatro. A porcentaxe de familias que conseguiron aforrar diminúe lixeiramente (41,8%) pero mantense en niveis altos.
En cambio, si diminúe de forma importante o número de fogares que puideron nestes últimos tres meses "facer fronte a imprevistos ou grandes compras".
Tamén medra a proporción dos que chegan a final de mes con "facilidade" ou "moita facilidade" (49%)
En canto á situación económica xeral das familias galegas, aumenta a porcentaxe de fogares que din chegar a fin de mes con moita dificultade (6,72%). Pero tamén medra a proporción dos que afirman facelo con "facilidade" ou "moita facilidade" (49%), situándose no seu máximo dende antes do inicio da pandemia.