O custo dos combustibles é unha das claves da actual crise xeral de prezos, que vén derivando nunha forte inflación dende o remate dos meses con máis restricións por mor da COVID, agora agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína e das sancións a Rusia pola invasión. Tamén é un dos asuntos que esgrimen parte dos participantes no paro do transporte e do que veñen alertando as organizacións agrogandeiras polo seu impacto directo no custo de produción dos alimentos.
Actualmente, o prezo medio dun litro de gasolina 95 é en Galicia uns 50 céntimos máis elevado que hai un ano, arredor de 60 no caso do gasóleo A, o de uso máis habitual nos vehículos. Pero o incremento tamén é evidente ao realizarmos unha comparación máis precisa, isto é, con 2019, antes das distorsións do mercado provocadas pola pandemia ou, nomeadamente, polo confinamento que reduciu a mobilidade á mínima expresión.
Segundo a información máis recente das bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o prezo medio dos combustibles chegou a ser neste mes de marzo en Galicia practicamente un 50% superior ao que se pagaba antes da pandemia. Así, os 1,25 euros que custaba en marzo de 2019 un litro de gasóleo -de media- e os 1,29 dun litro de gasolina chegaron a roldar neste mes os 2 euros. Todos estes importes non teñen en conta a bonificación que se aplica sobre o gasóleo de uso profesional.
O prezo medio dun litro de gasolina en Galicia é agora uns 50 céntimos máis caro que hai un ano e os impostos que a gravan son os mesmos
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a parálise pola pandemia trouxo consigo unha inusual baixada dos prezos dos carburantes. No inicio do desconfinamento, o prezo medio tanto do gasóleo A como da gasolina 95 estaba pouco por riba dun euro, e era relativamente doado atopar estacións de servizo con importes por baixo dese limiar. Hai agora un ano, en marzo de 2021, os prezos medios xa roldaban os inmediatamente anteriores ao estourido da COVID-19 e, dende aquela, a alza non se detivo.
Pero estes importes medios, mes a mes, xa quedaron desfasados coa profunda alteración dos mercados neste mesmo mes de marzo. Entre ecos da guerra na Ucraína, a 1 de marzo as estacións de servizo galegas ofrecían a gasolina por arredor de 1,65 o litro e o gasóleo, na contorna dos 1,54 euros. Coa cotización internacional do petróleo disparada, foi arredor do día 10 cando pasou a ser practicamente imposible botar combustible por menos de 1,90 euros o litro. Os datos máis recentes, de comezos desta semana, apuntan a importes medios de arredor dos 1,80 euros tanto para a gasolina como para o gasóleo.
Como vén sendo habitual, a relativa relaxación dos prezos internacionais do petróleo Brent -o de referencia en Europa- non se trasladan mecanicamente os prezos de venda ao consumo, como si sucede coas subas. Mentres, o debate político continúa centrándose en boa medida nos impostos que gravan os combustibles, que se ben é certo que supoñen practicamente a metade do prezo final, non o é menos que non son a fonte dos incrementos dos últimos meses, toda vez que non foron modificados.
Case seis de cada dez euros do imposto de hidrocarburos financian servizos públicos das comunidades autónomas, titulares de competencias como sanidade, educación e servizos sociais. A Xunta ten previsto ingresar por este concepto en 2022 case 600 millóns de euros
Como explica a Asociación Española de Operadores de Productos Petrolíferos (AOP), patronal do sector no Estado, os impostos supoñen "entre o 46% e o 50% do prezo final", pero a súa variación é moito menor que na outra metade do importe. Esoutra metade, que depende do sector, está condicionado pola "cotización internacional" do petróleo (en torno a un terzo do prezo, calculan" e e o restante, pola "marxe bruta de distribución", isto é, polo que gañan as compañías das gasolineiras.
Os impostos que gravan os combustibles son dous: o especial sobre hidrocarburos e o IVE. O 58% de todo o recadado polo primeiro destes tributos serve para financiar servizos públicos prestados polas comunidades autónomas, titulares de competencias como sanidade, educación e servizos sociais. No caso galego suporá uns 555 millóns de euros neste 2022, segundo o proxectado nos Orzamentos Xerais da Xunta para este ano. No que atinxe ao IVE (21%), a metade do recadado fica nas arcas estatais e a outra metade volve ás galegas. Por este tributo a Xunta prevía ingresar neste 2022 1.797 millóns de euros netos (unha vez descontadas as devolucións de exercicios anteriores).