O heteroxéneo paro no transporte recrúa: das peticións de axuda á esixencia de dimisión de Sánchez con raíces en Galicia

Un camión de recollida de leite con escolta da Garda Civil, nunha imaxe divulgada pola Delegación do Goberno de España en Galicia este 21 de marzo CC-BY-SA Del.Goberno de España en Galicia

Un paro que son moitos e unha sensación de excepcionalidade e bloqueo que vai a máis. O xermolo do actual paro -que non folga- no sector do transporte está na Plataforma para la Defensa del Sector de Transporte de Mercancías por Carretera Nacional e Internacional. Trátase dunha entidade con sede social nunha área de servizo do concello lucense de Baamonde existente dende hai máis dunha década, pero practicamente descoñecida para a opinión pública ata os últimos meses, cando comezou a advertir da súa intención de convocar un paro xa baixo unha denominación acurtada: Plataforma Nacional.

A organización convocante ten a súa sede social nunha área de servizo de Baamonde e existe dende hai máis dunha década, pero foi case descoñecida para a opinión pública ata hai semanas, agora baixo a denominación Plataforma Nacional

A táboa reivindicativa desta organización combina esixencias máis ou menos xerais, como "prohibir por lei" que os "pequenos transportistas" poidan traballar a perdas, o "pago por lei" nun máximo de 30 días ou a xubilación aos 60 anos con outras, máis recentes, centradas nas protestas pola suba de prezos dos combustibles. Dende que comezou a ameazar cun paro indefinido, o Goberno de España veu advertindo do seu carácter minoritario e non representativo ao non ter asento no Comité Nacional de Transporte por Estrada, foro de interlocución das empresas do sector co Ministerio de Transportes.

Transportistas e mariñeiros, concentrados ante a Delegación do Goberno de España en Galicia, na Coruña este 22 de marzo de 2022 CC-BY-NC-SA Marea Atlántica

Ao non ser parte dese Comité, a denominada Plataforma Nacional asegura non sentirse vinculada polos acordos acadados polo Goberno de España nese mesmo foro co sector o pasado decembro, cando as organizacións que si son consideradas representativas accederon a desconvocar o paro que ultimaban. Aquel pacto incluía diversas medidas, dende a prohibición de que condutores e condutoras tivesen que realizar a carga e descarga de mercadorías ata o mantemento das bonificacións ao gasóleo profesional ou o acondicionamento de novas áreas de servizo e descanso para transportistas profesionais.

Co paso dos días, a mobilización reborda os marcos da plataforma convocante no contexto de alza xeral dos prezos e, ao tempo, o seu impacto multiplícase co bloqueo de diversos sectores económicos

Con este pano de fondo, o pasado 14 de marzo comezaba o que esta plataforma convocou como "paro nacional", o Goberno de España sinalou a proximidade política dalgúns dos seus líderes coa extrema dereita. Sendo certo o apoio aberto de Vox ao paro nos seus primeiros momentos -e en Galicia, tamén de diversos cargos do PP-, non o é menos que co paso dos días a mobilización rebordou os marcos da propia plataforma.

Así, comezou a virar nunha protesta máis ou menos xeral polas subas do combustible ou a carestía da vida, en ocasións combinada con esixencias de dimisión do Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos como as escoitadas este martes na Coruña. Pero noutras ocasións, tamén apoiada por formacións da esquerda a título individual ou colectivo.

Escolta policial a un convoi de camións este 21 de marzo, en imaxes divulgadas pola Delegación do Goberno de España en Galicia

Nesta liña, nos últimos días foron varias as cidades galegas nas que se desenvolveron marchas de camións e outros vehículos profesionais, algunhas delas secundadas tamén por tractoristas. Así sucedeu o luns en Santiago ou Vigo e así volveu acontecer este martes na Coruña ou en Lugo, onde á caravana de camións tamén se uniron taxistas.

Diversos sectores advirten dun bloqueo crecente e Transportes ofrece 500 millóns en axudas directas para os combustibles dos camións

Ao tempo, son diversos os sectores económicos que advirten dun bloqueo crecente: o peixe acumúlase nas lonxas e o leite reborda nunhas granxas xa abafadas economicamente e que agora ven como non lles dá chegado o penso para os animais. Ao tempo, nalgúns supermercados comezan a verse andeis baleiros con determinados produtos pola combinación dun subministro escaso e de acaparamentos de bens de primeira necesidade por parte dun sector da clientela.

Mentres todo isto sucede, o Ministerio de Transportes reitera que continúa negociando coas organizacións ás que si considera representativas. Nesta liña, o pasado luns anunciaba unha inxección de 500 millóns de euros en axudas directas para os combustibles do sector do transporte e mentres, en Galicia, a delegación gobernamental aseguraba que redobrará os esforzos das escoltas policiais dos transportistas que non se adhiren ao paro e desexan seguir traballando. Ao non tratarse dunha folga, non existen os servizos mínimos. A mobilización tampouco se encadra nos supostos recollidos pola lei para os peches patronais.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.