O paro no transporte continúa a provocar atrancos nas estradas, dificultades para a distribución de numerosas mercadorías e a ausencia de determinados produtos para o consumidor final. A medida de presión, impulsada pola denominada Plataforma Nacional, que di representar a un número indeterminado de transportistas individuais e pequenas empresas, foi motivada polo forte aumento dos prezos do gasóleo (un 50% dende o nivel previo á pandemia).
"España no seu conxunto ten un problema, un problema que non é só de transporte, senón que é moito máis profundo. As medidas teñen que ir destinadas a que sexa viable economicamente producir"
Nos últimos días, a pesar das propostas de solución lanzadas polo Goberno central -e aínda non completamente detalladas- máis entidades profesionais e empresariais se uniron ao paro, aínda que as asociacións máis representativas continúan sen facelo, apelando ao diálogo en marcha dende hai meses. Entre elas está a galega Fegatramer, organización maioritaria no Comité Galego do Transporte, que considera "un erro" o paro indefinido impulsado pola Plataforma, e que fai un chamamento ás administracións para que adopten
"Os 500 millóns de euros de axuda, que é unha medida moi semellante á adoptada en Francia, son unha iniciativa importante, pero pode que non sexa suficiente. Dependerá da forma en que se concrete o 'como'"
Falamos con Jose Carlos García Cumplido, secretario xeral de Fegatramer, que pide que os "cargadores" (as empresas que contratan os servizos de transporte) absorban o incremento dos custos, pero que se arbitren medidas que compensen a suba dos dos prezos e que permitan a todos os sectores traballar e seren competitivos. García Cumplido subliña que o aumento dos prezos do gasóleo "non é un problema do transporte", senón de todos os sectores que se vén afectados.
Que valoración facedes do anuncio do Goberno central de destinar 500 millóns de euros para compensar o aumento de prezos do gasóleo? É suficiente?
O anuncio é un paso adiante, dende logo, aínda que é insuficiente e tardío, porque son medidas que deberan estar previstas e adoptadas hai xa dúas semanas. Mañá xoves [por este xoves, 24 de marzo] hai reunión do Comité coa Ministra, unha xuntanza que estaba prevista para o venres pero aceptou adiantala a mañá para concretar as medidas. Os 500 millóns de euros de axuda, que é unha medida moi semellante á adoptada en Francia, é unha iniciativa importante, pero pode que non sexa suficiente. Dependerá da forma en que se concrete o 'como'.
"O anuncio é un paso adiante, dende logo, aínda que é insuficiente e tardío, porque son medidas que deberan estar previstas e adoptadas hai xa dúas semanas"
Pero aínda que isto se aprobe agora, o problema segue estando aí, sobre todo se se mantén a situación en Ucraína e se manteñen os prezos altos. O custo do gasóleo e os produtos enerxéticos viñan subindo de forma importante xa antes da guerra. Co inicio da guerra, os prezos disparáronse e isto fixo que o transporte reaccionase porque non consegue que os seus "cargadores" lle paguen os prezos necesarios para absorber ese custo.
"Primeiro, quitemos os piquetes das estradas. Segundo, os "cargadores" teñen que absorber o aumento dos custos derivado da suba dos prezos do gasóleo. E, polo tanto, necesitamos medidas transversais e de fondo que permitan producir a todos os sectores e ser competitivos"
Que medidas sería necesario aplicar, ao voso xuízo?
Dá a impresión que nin a opinión pública nin o Goberno teñen claro cal é o problema e cal é o enfoque. Porque parece que este é só un problema do transporte, pero hai que lembrar que a flota pesqueira está amarrada porque non pode pagar os actuais prezos do gasóleo, Alcoa ou Megasa están pechadas porque non poden pagar estes prezos da electricidade. España no seu conxunto ten un problema, un problema que non é só de transporte, senón que é moito máis profundo. As medidas teñen que ir destinadas a que sexa viable economicamente producir. Medidas de impacto inmediato, por suposto, pero hai que traballar nas solucións a medio prazo, nas cuestións de fondo e estruturais.
Ademais, dende Fegatramer lembrades que xa están en marcha medidas, aprobadas previamente en negociacións co Ministerio e que se acaban de publicar, que “suporán un cambio substancial no sector”. De que se trata?
Aprobouse a aplicación de sancións ás empresas que excedan un prazo máximo de pago de 60 días, o pago das paralizacións de máis dunha hora, a prohibición de participación dos condutores de vehículos pesados na carga e descarga dos camións ou unha cláusula obrigatoria de revisión de prezos en función da evolución do prezo do gasóleo. Estas son as medidas que necesitamos para o sector, pero necesitamos medidas transversais para solucionar o problema que están a sufrir todos os sectores. Nós traballamos para mellorar as condicións do transporte, que é un piar fundamental para o funcionamento da economía e de todos os sectores.
"O paro indefinido non era o camiño e segue sen selo. O único que conseguimos é que os nosos clientes que si poden pagar os prezos do transporte estean máis afogados economicamente e que, polo tanto, xa non nos poidan pagar"
Fegatramer non se uniu ao paro. É posible que o apoie no futuro?
O paro indefinido non era o camiño e segue sen selo. Nós dixemos dende o primeiro día que entendiamos as protestas, pero que o paro non era a solución. O único que conseguimos é que os nosos clientes que si poden pagar os prezos do transporte estean máis afogados economicamente e que, polo tanto, xa non nos poidan pagar. Ese slogan que manexan algúns por aí de 'como eu estou fodido, que se fodan os demais' pois non o comparto. Esnaquizando a economía de toda a sociedade ou prexudicando ao do lado non imos saír desta situación.
Primeiro, quitemos os piquetes das estradas, porque non ten sentido que non teñamos a liberdade cada un de parar ou de traballar. E, en segundo lugar, os "cargadores" teñen que absorber o aumento dos custos derivado da suba dos prezos do gasóleo. E se non poden pagalo, son eles os que deben pedir axudas ou reclamar medidas, non o transporte. Polo tanto, necesitamos medidas transversais e de fondo que permitan producir a todos os sectores e ser competitivos"
"Eu non podo identificar cunha cor política os transportistas galegos que están parados. Tamén criticamos que se empregue a manipulación e a demagoxia para levar á xente a realizar accións violentas ou coactivas"
É un erro a politización que se está producindo deste conflito, por un lado co Goberno insinuando que detrás do paro está Vox e polo outro aproveitando a situación dende distintos ámbitos para desgastar ao Executivo?
Si, por suposto. Eu non entendo que neste conflito se mesture a política de partido, máis aló da política económica ou de transporte. Por unha banda, eu non podo identificar aos transportistas galegos que agora están parados cunha cor política de ningún tipo: hainos seguro de esquerda e de dereita. Pola outra, tamén criticamos que se empregue a manipulación e a demagoxia para levar á xente a realizar accións violentas ou coactivas.
"A 'Plataforma' din ser a organización representativa dos pequenos transportistas, pero nos últimos anos en ningún momento acreditou contar con esta representatividade"
En que medida é representativa do sector a 'Plataforma' que impulsou o paro, que di ser a voz dos pequenos transportistas?
Case todas as organizacións do transporte teñen unha representatividade coñecida e os seus dirixentes, que responden polas súas accións, son igualmente coñecidos. Pero non podemos dicir o mesmo da Plataforma. Non sabemos como se elixiu aos seus dirixentes nin a quen representan. Din que son a organización representativa dos pequenos transportistas, pero nos últimos anos en ningún momento acreditou contar con esta representatividade.
Cando se fala da 'gran patronal', hai que ter claro que a CETM é grande polo número dos seus asociados, non porque as empresas sexan grandes. O sector está moi atomizado: en Galicia cada empresa ten unha media de tres camións e pico e no conxunto de España a media é de case catro camións. Aquí non hai grandes multinacionais do transporte, por desgraza.
"Necesitamos reconducir a situación. Nós temos en Galicia 21.000 camións. Cada día que pasa significa que cada un destes camións perde 200 ou 300 euros por estar parado. Temos que comezar a traballar con liberdade xa"
Sodes optimistas en que a actual situación se poida reconducir e normalizar?
Máis que ser ou non optimistas, o que temos claro é que necesitamos reconducir a situación. Nós temos en Galicia 21.000 camións. Cada día que pasa significa que cada un destes camións perde 200 ou 300 euros por estar parado. Os números do que está a perder o sector por esta situación son polo tanto moi fáciles de facer. Cada día que pasa as nosas empresas, que xa estaban mal, teñen un problema maior. E os nosos "cargadores", que xa estaban mal, teñen un problema maior. Temos que comezar a traballar con liberdade xa. E iso non quere dicir que deixemos as mesas de traballo e negociación ou que deixemos que presionar aos nosos "cargadores" para que nos paguen o que nos teñen que pagar.