O consumo dos principais combustibles derivados do petróleo caeu un 30% en Galicia dende a crise de 2008

Indicador de combustible na reserva nun automóbil CC-BY-SA Erik Mclean / Unsplash

Este venres, 1 de abril, entra en vigor o plan co que o Goberno de España procura amortecer a crise de prezos que comezou a xermolar tras o levantamento das restricións máis intensas da pandemia e que deu en agravarse polas consecuencias da guerra na Ucraína e das sancións contra Rusia por esta invasión. Entre as accións máis destacadas deste decreto de medidas urxentes figura o desconto xeral de 20 céntimos por litro dos principais combustibles como gasolinas, gasóleos e gases licuados para automoción, polo momento ata o 30 de xuño.

Como figura no decreto, as empresas propietarias das gasolineiras deberán facer constar o prezo do produto antes e despois do desconto estatal e aplicalo dende este 1 de abril. A continuación, o Estado devolveralle o importe descontado, se ben tamén pode solicitar un anticipo do equivalente a ata o 90% das vendas medias mensuais do ano 2021.

Estas medidas chegan, no caso de Galicia, nun contexto no que os prezos medios da gasolina e do gasóleo están chegando a ser ata un 50% máis caros que antes da pandemia da COVID-19. Pero, botando a vista atrás, tamén chegan tras década e media de pronunciada redución no consumo dos principais combustibles derivados do petróleo, segundo datos do sector recompilados polo Instituto Galego de Estatística. 

Os algo menos de 2,4 millóns de toneladas destes combustibles consumidos en Galicia durante 2021 supoñen un 33% menos que no pico histórico de 2007. No 2019, previo á pandemia, consumírase un 27% menos que daquela

No ano 2021, en Galicia consumíronse algo menos de 2,4 millóns de toneladas destes combustibles máis utilizados: gasolina 95 e 98, gasóleos de automoción, agrícolas e de de calefacción e fuelóleos BIA -estes últimos son os destinados a grandes caldeiras, mecanismos de coxeneración eléctrica ou algúns fornos industriais, por exemplo-. Este consumo total é ata un 33% inferior do que foi o pico histórico previo á crise financeira internacional que estourou en 2008, se ben aínda está afectada tamén polo freo á actividade económica ligado á pandemia.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, estes combustibles tocaron teito en 2007, ano no que en Galicia se consumiron 3,57 millóns de toneladas. Dende aquela, comezou un descenso que se fixo máis abrupto a partir de 2010 e que freou en 2016, exercicio que finalizou con 2,48 millóns de toneladas. Dende aquela, o consumo destes combustibles comezou a medrar, pero a un ritmo moito máis pausado. O ano previo á pandemia, o 2019, finalizou con 2,58 millóns de toneladas consumidas, un 27% menos que naquel 2007. Os actuais son, daquela, niveis semellantes aos de finais do século XX.

Como amosan os datos sobre estas liñas, o gasóleo A segue sendo o gran protagonista no consumo destes hidrocarburos. Dende hai case unha década supón máis do 50% do consumo total mentres, pola súa banda os fuelóleos BIA perden peso sobre o consumo total.

Todo isto sucede nun contexto no que, á espera dos efectos das devanditas medidas gobernamentais, o prezo medio dos combustibles máis utilizados na automoción, o gasóleo A e a gasolina 95, segue superando os 1,8 euros por litro. A rebaixa de 20 céntimos sobre estes prezos suporía regresar á situación de principios de mes. No caso do resto dos gasóleos, o incremento foi superior, pasando de pouco máis dun euro o litro a principios de mes aos actuais 1,5 euros por litro, segundo os datos medios da base do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.