Os prezos moderáronse lixeiramente no mes de abril en Galicia e o incremento interanual do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) situouse no 9,1%, por debaixo do 10,5% que se acadara en marzo, segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Trátase da primeira caída do IPC interanual dende febreiro do ano 2021, despois de encadear 14 meses consecutivos de subas. A contención do índice xeral de prezos pordúcese pola caída no prezo da luz, pero a maior parte do resto dos grupos, comezando pola alimentación, seguen cunha tendencia de encarecemento.
Trátase da primeira caída do IPC interanual dende febreiro do ano 2021, despois de encadear 14 meses consecutivos de subas
Ademais, o índice galego mantense moi por riba da media española. O IPC no Estado Español tamén cae en abril, dende o 9,8% de marzo ata o 8,3%, oito décimas por debaixo do dato galego. Dende o mes de xaneiro do ano 2021 o incremento interanual dos prezos en Galicia vén sendo todos os meses superior á media estatal. O incremento do IPC en Galicia só é superado polo de Castela-A Mancha, Castela e León e Aragón.
Dende o mes de xaneiro do ano 2021 o incremento interanual dos prezos en Galicia vén sendo todos os meses superior á media estatal
En realidade a variación mensual do índice xeral non experimenta cambios en Galicia, manténdose no mesmo nivel que en marzo. Porén, a mellora con respecto ao dato do mes de abril do ano 2021 fai que a inflación interanual se modere. No conxunto do Estado, en cambio, o dato de abril sí é negativo, cunha redución de dúas décimas nos prezos.
Fronte á moderación do índice xeral (derivada da contención dos prezos da electricidade), a inflación subxacente no conxunto de España (que non ten en conta o custo da enerxía nin dos alimentos non elaborados) aumenta un punto, ata o 4,4%, a taxa máis alta dende o mes de decembro de 1995.
En Galicia o custo de electricidade, gas e combustibles caeu un 14,5% en abril. A taxa interanual segue amosando un incremento notable (45,5%), pero moi inferior ao 83% de marzo
O prezo da electricidade moderouse de forma importante en abril, grazas en parte ás medidas adoptadas polo Goberno central, reducíndose un 26,9% no último mes no conxunto do Estado. A variación interanual pasou de ser do 107,8% en marzo ao 34,9% en abril.
En Galicia o custo de electricidade, gas e combustibles (que seguen en prezos máximos) caeu un 14,5% en abril, principalmente pola rebaixa do prezo da luz. A taxa interanual segue amosando un incremento notable (45,5%), pero moi inferior ao 83% de marzo.
No mes de abril o custo da alimentación foi un 9,4% superior ao de hai doce meses, o que supón o maior incremento nos últimos 20 anos
Fronte á moderación do prezo da electricidade, outros grupos de produtos e servizos seguen a encarecerse de forma moi importante en Galicia. No mes de abril o custo da alimentación foi un 9,4% superior ao de hai doce meses, o que supón o maior incremento nos últimos 20 anos. Os grupos de vivenda, luz e gas (+23,4% nos últimos doce meses) e de transportes (+13,4%) seguen a ser os principais responsables da suba do IPC, pero os seus valores están moi por debaixo dos datos de marzo.
Os alimentos que máis están a encarcerse son os aceites (+15% no último mes e +48% no último ano), as legumes e hortalizas (+7,7% en abril e +11,1% no último ano) e o pan e os cereais (+4,4% en abril e +12,1% nos últimos doce meses).
Aceites, legumes e hortalizas e pan e cereais son os alimentos que máis se encarecen
Ademais da alimentación, o grupo de restauración e hoteis (+7% no último ano) e o de mobles e artículos para o fogar (+6,4%) son os que máis están a subir na actualidade. En ambos os dous casos estamos antes a maior suba de prezos nas últimas dúas décadas.