A inflación supera o 10% en Galicia impulsada pola luz e os carburantes, que subiron un 83% nun ano

Varios interruptores de aparellos eléctricos CC-BY-NC-ND Dominio Público

O IPC dispárase en Galicia cun incremento do 10,5% en marzo con respecto ao pasado ano

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) continúa disparado en Galicia, cun incremento en marzo que supera a barreira do 10%, ata o 10,5% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, sete décimas máis que a da media estatal (9,8%), segundo os datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estadística (INE). 

Ademais, o IPC medrou un 3,3% en Galicia con respecto ao mes de febreiro, unha suba que é tamén lixeiramente superior á do conxunto do Estado, onde quedou no 3%.

De novo, é a forte suba de electricidade, gas e combustibles o que está a disparar o gasto nos fogares e na economía galega, impactada agora si de cheo en marzo pola guerra na Ucraína e polos efectos da invasión rusa, a dependencia enerxética do gas, o encarecemento do petróleo e os seus efectos no importe da factura da luz ou á hora de botar gasolina. 

Luz, gas e combustibles incrementaron o seu prezo un 83% nun ano

Este encarecemento dos prezos débese, fundamentalmente, á espectacular suba da electricidade, gas e combustibles, cun incremento do 83% con respecto a febreiro de 2021 en Galicia, que tamén neste caso volve superar o incremento medio estatal, tamén moi alto pero que queda no 80%. Supón, outra vez, a maior suba interanual dos últimos vinte anos e suma o undécimo mes consecutivo por riba do máximo incremento da última década. Ademais, impulsa o IPC ao seu máximo en tres décadas, como xa fixera a principios no mes anterior

Ademais, e influído tamén pola folga que paralizou o sector durante varios días e as subas dos carburantes, o transporte subiu tamén unha importante suba do 19,1% interanual -un incremento de máis de seis puntos superior ao de febreiro-, acentuando a suba de prezos xeral no país. 

Xa que logo, e respecto ao pasado ano, a maior inflación volve darse no grupo que abrangue vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles, cun incremento de case o 40% (38,9%) máis de cinco puntos superior ao do conxunto do Estado. O aumento interanual foi de case o 43% en carburantes e combustibles e do 61,9% en produtos enerxéticos. Ademais, os bens industriais encarecéronse un 21% nos últimos doce meses, mentres que a utilización de vehículos persoais fíxoo en case un 25% 10%. 

A escalada de prezos derivado do mercado enerxético arrastra tamén a restauración e comedores (+5,3% de suba interanual), os alimentos (+6,8%), os mobles e artigos para o mantemento do fogar (+8,1%) e os restaurantes e hoteis (+4,2%). 

Ademais, encareceuse máis dun 5% todo o que ten que ver coa conservación e reparación da vivenda, un 4% os aparellos domésticos ou un 5% da adquisicón de vehículos, así como un 2,5% os libros e a prensa. 

Esta suba continuada dos prezos provocou xa que un terzo dos fogares galegos reducise o seu gasto de roupa e calzado, transporte, gas ou electricidade no primeiro trimestre do ano. É a porcentaxe máis elevada dende o ano 2013, cando aínda se vivían os peores momentos da gran recesión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.