Os prezos da electricidade bateron récords nos inicios deste 2022. Coincidindo coa invasión rusa na Ucraína, a tendencia á alza da luz levou o seu importe a cifras récord a principios de marzo, ata alcanzar os 545 euros/MWh de media nalgunha xornada.
O prezo da luz baixou este mércores a pouco máis de 85 €/MWh, o mínimo anual e o nivel máis baixo en seis meses
Nese mesmo mes, o importe medio achegouse aos 290 euros/MWh e 23 días dos 50 coa electricidade máis cara no último ano déronse durante marzo. No entanto, e coa chegada do mes de abril, a liña de prezos descendeu ata bater marcas polo baixo malia manter as oscilacións habituais.
Así, para este mércores 20 de abril, a tarifa regulada da luz (PVPC) baixará dos 100 euros de medio o megavatio hora e pagarase a 85,19 euros, segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). É o mínimo anual e o nivel máis baixo en seis meses. Ademais, nas horas máis baratas do día, entre as 16 e as 17, o prezo do MW/h quedou en 6 euros, mentres que nas máis caras, de 8 a 9 da mañá, situouse en 148.
Ese importe medio de pouco máis de 85 €/MWh é moi semellante aos 78,58 de hai xusto un ano, o 20 de abril de 2021, e supón un espectacular descenso respecto a hai unha semana, cando a electricidade se situaba nos 237,30 euros, e mesmo á mesma xornada de hai tres meses, cando superaba os 190.
A caída dos prezos vai colocando abril en niveis parecidos aos de xaneiro e febreiro logo dun mes de marzo que marcou un máximo histórico. As causas son variadas pero a irrupción da enerxía solar -que contribuíu a baixar os prezos nas horas centrais do día en moitas xornadas- e a proliferación da enerxía eólica lograron expulsar o gas da conformación de prezos nas horas punta ata practicamente rozar o cero durante algunhas horas do domingo 10 de abril.
A forte produción eólica e fotovoltaica logrou expulsar o gas da conformación de prezos e reducir a factura da luz
Nese día, nalgún tramo horario da tarde, a suma da eólica e a fotovoltaica supoñía arredor do 70% do total da enerxía producida, unha porcentaxe semellante á que se daba nas horas centrais do día este pasado martes, cos muíños de vento achegándose ao 40% da produción, unha situación que seguirá nos vindeiros días coa chegada dalgún temporal, ao que se engade o aumento das horas de sol en moitos puntos da Península.
Co descenso da demanda, pola suba das temperaturas, a eólica e o resto de enerxías limpas como a solar foron dabondo para desprazar outras máis custosas como o gas, que cotizaba este martes no Mercado Ibérico do Gas (Mibgas) a 64 €/MWh, un prezo máis alto que o do luns pero moi lonxe dos 200 aos que chegou en marzo tras o inicio da guerra na Ucraína, coas consecuencias que aquela alza supuxo na factura.
Ao introducirse primeiro as enerxías renovables no mercado marxinalista e ao non requerirse ningunha outra tecnoloxía para cubrir a demanda, o custo da electricidade chegou a roldar o cero nalgunhas horas dalgúns días de abril.
"As renovables, xunto coa nuclear, son prioritarias á hora de entrar no sistema e houbo xornadas onde nin gas nin carbón foron necesarias; con todo, aínda hai marxe para desenvolver e apostar máis pola solar porque hai moita capacidade: Alemaña é a primeira potencia solar europea e España, a quinta", lembra Rosa Regueiro, doutora en Economía, profesora de Economía Aplicada na USC e experta no sector enerxético. Ademais, lembra que o feito de non ter que tirar de gas ou carbón implica "non contaminar, polo que os dereitos de emisión de CO2 tamén baixan de prezo, o que recpercute no importe final".
A maior produción eléctrica con enerxía verde implica tamén non contaminar e a baixada dos prezos dos dereitos de emisión de CO2
A maior participación das renovables á hora de fixar os prezos é clave na baixada, máis alá das medidas impulsadas polo Goberno central para rebaixar o recibo da luz a través da modificación dos cargos do sistema eléctrico, un dos compoñentes da parte regulada da factura xunto ás peaxes. Reducíronse respecto aos aprobados a finais do pasado ano, o que baixará algo a factura final, ao igual que a prórroga da rebaixa do imposto eléctrico ao 0,5% ou o mantemento do IVE ao 10% ata o vindeiro 30 de xuño.
O tope ibérico ao prezo do gas
Pero para rebaixar aínda mais o recibo ata niveis xa case non lembrados, España e Portugal veñen de propoñer á UE establecer un prezo de referencia do gas de 30 €MWh, que permitiría abaratar ata os 100 euros o megavatio hora no mercado maiorista. A proposta, no entanto, debe ser aínda aprobada por Bruxelas, onde as presións das eléctricas e dalgún Estado contrario están a atrancar o visto e prace comunitario.
Con todo, nun mercado como o eléctrico, o simple anuncio das administracións para levar a cabo medidas no caso de non reducirse os prezos amainara xa un chisco o seu importe antes da proliferación das renovables. "As medidas anunciadas teñen un efecto choque, sobre todo cando a UE anunciou que ía fiscalizar os beneficios caídos do ceo que reciben as eléctricas; foi un tirón de orellas polas que algunhas reaccionaron, pero daquela maneira...", di Rosa Regueiro, que lembra que o mercado no sector "é peculiar e está viciado". "Os mesmos que ofertan electricidade son os que a compran; quen vende e compra domina un sistema que é moi endogámico e onde todo queda na casa", explica.
"Continuamos a poñer parches e remendos ante unhas distorsións que, aínda que agora acentuadas, xa ocorrían antes da guerra"
Porque o sistema de fixación de prezos, engade Regueiro, "segue sen mudarse, con todas as súas eivas". "Continuamos a poñer parches e remendos ante unhas distorsións que, aínda que agora acentuadas, xa ocorrían antes da guerra; o que ocorreu agora é que o vaso botou por fóra", di, quen cre que a proposta de España e Portugal de limitar o prezo do gas a 30 euros "debería defenderse con firmeza ou mesmo pensar se de verdade é o óptimo ou podería baixarse máis".
"As eléctricas nunca perden e a UE debería ser firme porque é aínda moi dependente dos combustibles fósiles", reflexiona quen aposta por der "seguridade e estabilidade" aos Estados. "Nun futuro, se cadra as renovables sexan suficiente, pero polo momento deben ser un complemento e aí está tamén a súa fortaleza: temos que ir desprazando a produción fósil para ter máis enerxía verde, sen desviarnos do camiño", remata.
Todo nun contexto no que os prezos do mercado maiorista repercuten de maneira directa na tarifa regulada ou PVPC, ao que se acollen case 11 millóns de consumidores en España, pero que serve tamén de referencia para os outros 17 millóns que contratan o subministro no mercado libre.