O pasado 1 de abril entrou en vigor o desconto xeral nos combustibles aprobado polo Goberno de España para tentar conter a crise de prezos, cunha inflación á alza tras a fin das restricións máis duras pola pandemia que se disparou de vez coas consecuencias da guerra na Ucraína e das sancións internacionais a Rusia por esta invasión. Despois de vinte días con esta medida en vigor, os importes medios dos principais combustibles mantéñense en Galicia en niveis semellantes aos dos días previos á guerra mentres as petroleiras retoman a alza dos seus prezos.
Nos días posteriores ao estourido do conflito bélico, o litro de gasolina 95 roldou en Galicia un prezo medio próximo aos 1,9 euros e o mesmo sucedeu co gasóleo A. Dende finais de marzo, os prezos comezaron a acougar pero volven subir dende mediados deste mes de abril, cando a cotización internacional do petróleo Brent (o de referencia en Europa) retomou tamén a suba, manténdose por riba dos 100 dólares por barril.
O litro de gasolina sitúase na actualidade en Galicia nunha media un chisco superior aos 1,60 euros, incluíndo o desconto. Son uns 30 céntimos máis que antes da pandemia
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, os descontos estatais -previstos, en principio, para tres meses- manteñen a gasolina en prezos medios semellantes aos de finais de febreiro, arredor dos 1,66 euros o litro no prezo de venda ao público, que nalgúns casos as empresas petroleiras ou as distribuidoras complementan con descontos de seu. No caso do gasóleo A, son importes parecidos aos de principios de marzo. Ambos están, en calquera caso, moi por riba do que se pagaba hai un ano e aínda máis lonxe dos niveis acadados en 2020, marcado por un forte descenso da demanda a causa da redución de actividade social e económica pola pandemia da COVID.
A diferenza tamén é notable se a comparación se realiza co prezos do combustible no ano previo á pandemia, en 2019. Sempre segundo as bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, en abril de 2019 o litro de gasolina custaba en Galicia unha media de 1,35 euros, tras varios meses de subas, e o gasóleo estaba na contorna dos 1,27. Isto implica que o prezo medio destes combustibles é na actualidade un 34% e un 44% superior, respectivamente, ao que se pagaba antes da pandemia.
Os combustibles, e con eles a luz, son os principais responsables da pronunciada suba de prezos ao consumo no país. Os datos máis recentes apuntan a que a inflación superou o 10% en Galicia o pasado marzo impulsada, precisamente, pola factura eléctrica e os carburantes, que subiron ata un 83% nun ano. A suba de prezos en Galicia é sete décimas superior que a media estatal.