A rebaixa de taxas á pesca que anunciou Feijóo hai un mes segue en trámite mentres o Estado xa a ten en vigor polo triplo de tempo

Feijóo paseando xunto ao porto de Porto do Son coa conselleira do Mar e outras autoridades o pasado mércores CC-BY-SA Xunta de Galicia

O 17 de marzo o presidente anunciou unha subvención para compensar un mínimo de dous meses as taxas que cobra Portos de Galicia, que as paralizou á espera de concretar a medida, mentres o Goberno central xa eximiu o pago nos seus portos desde hai 20 días e durante 6 meses

Durante toda a pandemia da COVID parte da estratexia comunicativa do Goberno galego e do seu aínda presidente, Alberto Núñez Feijóo, consistiu en adiantarse a anunciar medidas cuxa entrada en vigor en ocasións se produciu á vez noutros territorios. “Galicia adiantouse” vén sendo unha frase que o presidente repite para múltiples cuestións aínda que o adianto se producise só no anuncio das medidas e non na súa aplicación. É o que vén de pasar na actual crise de prezos.

Tras o Consello da Xunta do 17 de marzo o propio Feijóo anunciou “unha subvención que compense os profesionais do mar do pago como mínimo de dous meses de taxas portuarias en todos os portos de titularidade autonómica”. En días sucesivos o propio Feijóo volveu salientar reiteradamente esa medida ao tempo que reprochaba a suposta inacción do Goberno de España ante a crise de prezos. Pero a subvención segue sen concretarse un mes despois e Portos de Galicia limítase a non emitir as liquidacións correspondentes para que os afectados non as teñan que pagar mentres non se remata a modificación normativa que active a axuda. Pola contra, nos portos de titularidade estatal xa está en vigor, desde o 31 de marzo e durante 6 meses, unha exención da taxa sobre a pesca fresca, medida con menos requisitos para os afectados que unha subvención.

Feijóo nun acto nun porto galego nunha imaxe de hai ano e medio CC-BY-SA Xunta de Galicia

Feijóo non só anunciou persoalmente a “subvención” das taxas portuarias que paga a pesca tras o Consello da Xunta do 17 de marzo senón que insistiu nesa medida nos días seguintes como exemplo da celeridade do seu executivo ante a crise de prezos fronte á suposta inacción do Goberno de España. Aquel día 17 presentou a medida como unha decisión xa tomada: “acabamos de decidir unha subvención que compense os profesionais do mar”, dixo, para engadir algo máis tarde que esa era unha medida “dende xa” fronte a outras que estaban en estudo.

Feijóo chegou a comparecer por sorpresa no Parlamento para detallar as axudas anunciadas pola Xunta fronte á suposta "inacción do Goberno" de España 

Porén, aquela “decisión” non se correspondeu con ningún decreto ou acordo efectivamente aprobado naquel Consello da Xunta senón cun informe, documento propagandístico sen efectos legais, que a Consellería de Facenda presentou “sobre o paquete de medidas que porá en marcha a Xunta para paliar a alza de prezos”, en futuro. Entre esas medidas estaban tamén que a Xunta adiantaría pagamentos da Política Agraria Común (PAC), axilizaría as axudas para pagar facturas enerxéticas ás familias máis necesitadas ou inxectaría tres millóns de euros ás concesionarias do transporte interurbano en autobús.

Catro días máis tarde o propio Feijóo insistía en salientar a medida sobre as taxas portuarias nun acto con empresarios, na que volvía presentala como “unha subvención que compense aos profesionais do pago de, como mínimo, dous meses das taxas portuarias dos portos de titularidade autonómica”.

E ese mesmo día 21 de marzo o vicepresidente económico, Francisco Conde, advertía da “inacción do Goberno” de España e volvía contrapoñer as “medidas para compensar o importe das taxas portuarias” xa “acordadas” pola Xunta.

Feijóo na comparecencia no Parlamento o 22 de marzo na que volveu citar como medida xa tomada por Galicia a subvención para as taxas portuarias © Parlamento de Galicia

Un día máis tarde, o 22 de marzo, Feijóo levaba a súa campaña para facerse coa presidencia do PP ao Parlamento de Galicia e comparecía por sorpresa cunha intervención na que se centrou en ditar ao Goberno de España as medidas que ao seu xuízo debía acometer e na que lembrou as que supostamente xa tomara a Xunta. “Galicia está a disposición do Goberno para axudar nun momento crítico como o que vivimos e de feito nós xa adoptamos medidas para aliviar cargas a moitas familias e sectores produtivos”, dixo Feijóo, para enumerar a continuación medidas como a “subvención” para as taxas portuarias. 

Dous días despois, o xoves 24, tras unha nova reunión do Goberno galego, a Xunta insistiu en lembrar que “o Consello aprobou o establecemento de medidas para compensar o importe de taxas portuarias”. 

A exención estatal, á espera de que se concrete a subvención galega, contempla compensacións para as autoridades portuarias que máis pesca moven, como as de Vigo e A Coruña, que poden verse afectadas pola redución de ingresos

Un mes despois do primeiro anuncio de Feijóo do 17 de marzo esas subvencións non foron aínda publicadas no Diario Oficial de Galicia. Praza.gal preguntou este luns á Consellería do Mar pola situación desas axudas e a resposta que obtivo é que aínda está a tramitarse a modificación normativa que requiren. Mentres, Portos de Galicia “está aprazando os pagos” e “non se están emitindo liquidacións” polas descargas de pesca para que o sector non teña que pagalas aínda. 

A consellería non detalla como se concretará finalmente a “subvención” anunciada por Feijóo pero asegura que suporá unha “bonificación do 100%” das taxas cuxo cobro de momento Portos está aprazando. Isto é, Portos, que se autofinancia co que recada polos seus servizos, non está a cobrar de momento a taxa pero si a cobrará con efecto retroactivo cando os usuarios xa teñan á súa disposición a axuda da Xunta.

BOE do 30 de marzo coa exención da taxa á pesca fresca nos portos de titularidade estatal CC-BY-SA Praza Pública

Fronte ao sistema que aínda ten pendente de concretar o Goberno galego un mes despois de botarlle en cara ao central a súa inacción, este segundo xa ten en vigor unha exención, non unha subvención, da taxa sobre a pesca fresca nos portos de titularidade estatal. Foi incluída no real decreto-lei de medidas económicas urxentes que se publicou no Boletín Oficial del Estado (BOE) o 30 de marzo e que entrou en vigor ao día seguinte. No seu artigo 38 dise que “estarán exentos da taxa da pesca fresca (T-4) durante un período de seis meses, desde a entrada en vigor deste real decreto-lei, o armador do buque ou embarcación pesqueira, e o seu substituto, no caso de que a pesca fresca acceda ao porto por vía marítima”.

Como ao igual que no caso de Portos de Galicia tamén as autoridades portuarias estatais se autofinancian co que recadan polos seus servizos, o texto estatal contempla os prexuízos que a exención directa pode ter para eses entes, en particular para os que máis pesca moven, os de Vigo, A Coruña, Avilés, Pasaia, Xixón e Cadiz. A perda de ingresos que sufran os portos pola exención da taxa sobre a pesca fresca “terase en conta como criterio” no reparto dun fondo de compensación que priorizará a aquelas autoridades portuarias máis afectadas.

No caso de Galicia, un mes despois do anuncio do presidente aínda están pendentes de concretarse todos estes detalles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.