Dende o pasado 1 de abril está en vigor o desconto xeral nos combustibles aprobado polo Goberno de España para tentar conter a crise de prezos. A bonificación, incluída no paquete de medidas validada a finais dese mesmo mes no Congreso, supuxo a aplicación directa dunha rebaixa de 20 céntimos por litro nos principais combustibles (engadida a outras bonificacións para colectivos específicos, coma o transporte profesional de mercadorías) e foi recibido por sectores empresariais do sector das petroleiras con diversas protestas e augurios de peches.
A nova escalada nos prezos de gasolina e gasóleo comezou cadrando coa Semana Santa
Algo máis dun mes despois do comezo dos descontos, os datos oficiais do Ministerio para a Transición Ecolóxica indican que, no caso de Galicia, o prezo medio dos principais combustibles é o máis alto dende que existe a bonificación. Tras dúas semanas de leves descensos, a remonta comezou cadrando coa Semana Santa, época de abondosos desprazamentos, e continúa ata agora.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o prezo da gasolina 95 e do gasóleo A está en máximos malia á lixeirísima relaxación dos últimos días. Ambos sitúanse na contorna dunha media de arredor de 1,9 euros o litro, o que os deixa un chisco por riba dos 1,7 euros, unha vez aplicado o desconto estatal. Os importes bonificados son -sempre en termos medios-, de media, semellantes aos dos primeiros días da invasión rusa da Ucraína, cando comezaron a dispararse de vez. Nesta liña, unha análise de elDiario.es para todo o Estado vén de concluír que máis do 60% das gasolineiras subiron os prezos neste tempo, diluíndo o desconto.
Visto e prace da UE ao tope do prezo do gas
O acordo dos gobernos español e portugués coa Comisión Europea implica fixar o prezo máximo do gas en 50 euros o megavatio / hora durante un ano
Mentres isto sucede cos combustibles, a Comisión Europea vén de dar o que vén ser o seu visto e prace político definitivo ao pacto ibérico para limitar o prezo do gas e así propiciar unha caída inmediata dos custos da luz. O primeiro ministro portugués, António Costa, avanzaba este martes en Bruxelas a aceptación final da iniciativa conxunta dos gobernos de España e Portugal, polo que só restaría a súa aprobación nos respectivos Consellos de Ministros, o cal está previsto que suceda decontado, mesmo esta mesma semana.
Horas despois, diversos medios españois recolleron consideracións da CE segundo as cales o que se produciu foi unha aceptación preliminar do acordado. A efectos prácticos, a luz verde definitiva será sobre os textos aprobados nos Consellos de Ministros de España e Portugal, que agardaron a ratificar a medida ata que Bruxelas a aceptase.
Finalmente, o acordo co Executivo comunitario fixa o límite ao prezo do gas nunha media de 50 euros o megavatio / durante un ano -España e Portugal propuñan 30-, comezando por 40. Calcúlase que, con este mecanismo, o prezo da electricidade no mercado maiorista baixe dos arredor de 200 euros MWh actuais ata arredor de 130 ou 140, incluíndo xa o custo dos dereitos de emisión de CO₂. O Ministerio para a Transición Ecolóxica di estimar que o recibo da luz descenderá arredor dun 30% para a poboación acollida á tarifa regulada, a mesma á que recentemente o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, cualificou de "parvos".