O Goberno galego argumenta que a pandemia e a alza de prezos provocou no sector unha diminución da actividade e un aumento dos custos
A Consellería de Infraestruturas publicou este venres no Diario Oficial de Galicia unha orde pola que aproba un aumento das tarifas dos taxis interurbanos que rolda o 9% nas súas principais variables a respecto da última revisión, aprobada a finais de 2013 e que entrou en vigor en 2014. O Goberno galego argumenta que “a situación provocada, primeiro, pola pandemia da COVID-19 e, posteriormente, como consecuencia da alza de prezos que se vén producindo nos últimos meses, provocan neste sector profesional tanto unha diminución da súa propia actividade profesional como unha alza significativa nas partidas máis relevantes da súa estrutura de custos”.
As tarifas urbanas dos taxis son definidas por cada concello, pero as interurbanas pola Xunta. Como os taxis dos concellos con menos de 10.000 habitantes non teñen obriga de dispoñer de taxímetro, os conceptos a facturar varían (pasos do taxímetro cada certos metros ou segundos ou custo por quilómetros cando non haxa taxímetro), pero o resultado final é o mesmo. Así, se ata agora o quilómetro interurbano de luns a sábado e de 6 a 22 horas custaba 1,10 euros, agora pasará a custar 1,20 euros, un 9% de suba. Nas noites, domingos e festivos, as tarifas, tanto antes como agora, increméntanse nun 20%.
As novas tarifas entrarán en vigor o 23 de maio e son aprobadas logo de dar audiencia ao Consello Galego de Transportes
Similar porcentaxe do 9% se rexistra no aumento de 3,30 euros a 3,60 euros no mínimo de percepción. E algo máis, un 9,8%, sobre o prezo por hora de espera, que pasa de 14,57 euros a 16 euros. As novas tarifas entrarán en vigor o 23 de maio e son aprobadas logo de dar audiencia ao Consello Galego de Transportes, o órgano de consulta entre a administración e o sector. Segundo a Xunta, con este aumento aténdese "a petición da Federación de Autónomos del Taxi de Galicia (Fegataxi), organización maioritaria no sectdor".