Nin Lehman Brothers nin subprime, nin Trump nin Ormuz: Touriño e Sánchez

Feijóo, nunha comparecencia de prensa como líder da oposición en Galicia e nun mitin recente á fronte do PP estatal, sobre unha imaxe os altos prezos dos carburantes que o partido atribúe a Sánchez CC-BY-SA PPdeG | PP

Onde hai case vinte anos estaban acusacións de "luxo asiático" e "desbalde" contra o Goberno de PSdeG e BNG para explicar a crise económica, agora o ex-presidente personaliza como líder do PP o obvio agravamento da crise de prezos no titular do Goberno de España 

A quebra do xigante financeiro estadounidense Lehman Brothers en setembro de 2008 en pleno rebentón das. hipotecas de alto risco ou subprime quedou considerado como inicio definitivo da crise económica internacional e da gran recesión que marcou o remate da primeira década do século e gran parte da segunda. Colapsos bancarios, paro disparado, caída abrupta da recadación pública combinada con crise de débeda e polo tanto, recortes de orzamentos para servizos esenciais, a consabida austeridade.

Aquel foi un fenómeno internacional que implicou consecuencias e características locais. Por exemplo, no caso español, o picazo definitivo da burbulla inmobiliaria e, ligado con el canda outros factores, en Galicia trouxo consigo a quebra e rescate da entidade resultante da fusión forzada das noutrora grandes caixas de aforro galegas, Caixa Galicia e Caixanova

Malia a obvia xénese internacional, naqueles anos quen a finais de 2008 era líder do PPdeG e da oposición e meses despois novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teimaba en atribuír a crise e as súas consecuencias, fundamentalmente, á xestión do Goberno galego de PSdeG e BNG encabezado por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. En combinación, insistía, con decisións do Goberno de España de José Luis Rodríguez Zapatero, quen no inicio da gran recesión teimara en restar gravidade á situación para acabar asumíndoa dous anos despois, en 2010, co primeiro gran paquete de recortes. 

"No verán foi a gasolina no outono é a compra e en decembro será a calefacción", acusa Feijóo a Sánchez en referencia ao incremento dos custos dos combustibles fósiles con orixe nos ataques dos EUA e Israel contra Irán

Case dúas décadas despois Feijóo e o seu gabinete, agora á fronte do PP estatal repite a estratexia ante a obvia crise inflacionaria derivada do panorama bélico internacional. Onde hai case vinte anos estaban as acusacións de gusto polo "luxo asiático" e o "desbalde" contra o Goberno de PSdeG e BNG -esgrimindo cuestións como a realización de obras no complexo administrativo de San Caetano- para explicar a crise económica, agora o ex-presidente personaliza no titular do Goberno de España o obvio agravamento da crise de prezos.

"Señor Sánchez, veña comigo á rúa a ver se atopamos unha familia normal que soporte todo isto", retaba o pasado domingo Feijóo durante un mitin para, acto seguido, responsabilizar o presidente do Goberno de España do que "no verán foi a gasolina no outono é a compra e en decembro será a calefacción". "Aquí non hai quen viva", proclamou prometendo solucionar a suba dos prezos dos combustibles con políticas contrarias ás do Executivo do PSOE e Sumar.

Como é sabido, a actual escalada dos prezos das enerxías fósiles e por extensión, da inflación en xeral desencadeouse a finais do pasado inverno, cando os Estados Unidos e Israel comezaron os seus ataques contra Irán. Entre as consecuencias da guerra provocada polas decisións dos gobernos de Trump e Netanyahu estivo o bloqueo do Estreito de Ormuz, enclave estratéxico para o tráfico global de hidrocarburos que continúa sometido á tensión bélica mentres, dende hai uns días, na guerra do Iemen os Ansar Alá (os hutíes) lograron contrlar o estreito de Bab el-Mandeb, condicionando aínda máis as exportacións de petróleo e disparando os custos esixidos polas aseguradoras coas que contratan os barcos mercantes que por alí transitan.

Segundo a dirección estatal do PP os actuais prezos dos combustibles fósiles, que levan a que nalgúns puntos do Estado as distribuidoras cobren gasolina e gasóleo por riba dos 2 euros o litro, son produto da "España de Sánchez". Así deu en sintetizalo a través das redes sociais o 'número dous' estatal do partido, Miguel Tellado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.