Día 26 de febreiro de 2009. Faltan apenas catro días para as eleccións ao Parlamento de Galicia, as primeiras en vinte anos que o PP afronta dende a oposición. O candidato dos conservadores é Alberto Núñez Feijóo. O antigo conselleiro de Política Territorial e vicepresidente primeiro do derradeiro goberno de Fraga esixe con solemnidade que quen foi o seu sucesor como número dous da Xunta, o nacionalista Anxo Quintana, cabeza de cartel do BNG, sexa destituído de maneira fulminante polo presidente e candidato do PSdeG, Emilio Pérez Touriño.
Mentres nas cabeceiras da prensa de ámbito estatal agromaban as primeiras revelacións do que acabaría sendo a trama Gürtel, o motivo que Feijóo esgrime para esixir a caída de Quintana é unha fotografía. A imaxe é de hai varios anos e nela obsérvase a Quintana a bordo dun barco propiedade de Jacinto Rey, propietario da construtora San José, en compaña do empresario. A foto aparecera no seu momento en páxinas da prensa de verán sen maior eco, pero cabeceiras afíns á dereita recuperárana en campaña para relacionala co feito de que que unha das empresas do grupo de San José fora adxudicataria do concurso eólico da Xunta. Outra delas editaba un diario de liña editorial non afín aos populares, fundado poucos meses antes, o Xornal de Galicia.
Esa reclamación de Feijóo na campaña de hai máis de 13 anos ecoou nos últimos días nas súas palabras, agora como presidente do PP, dirixidas a Pedro Sánchez e poñendo no albo á ministra de Igualdade, Irene Montero. Como fixera con Touriño, o líder conservador insta o presidente socialista a destituír unha integrante do seu Goberno, membro do socio minoritario do mesmo. Neste caso, o motivo esgrimido é unha recente viaxe oficial realizada por Montero e membros do seu equipo aos EUA, descualificada por Feijóo como "turismo en Nova York" de "unha ministra e as súas amigas".
Feijóo pon no albo a ministra de Igualdade e esixe a Pedro Sánchez que a destitúa con fondo e formas semellantes ás empregadas contra Touriño e Quintana, aos que caricaturizara como amantes dos privilexios
O fondo e as formas de ambos episodios son semellantes. Non só por saíren do mesmo equipo do PP -Feijóo levou consigo para Madrid o círculo máis estreito de asesores que, comandado pola ex-secretaria xeral de Medios Mar Sánchez, o acompaña dende hai lustros-. Tamén polo contexto político, económico e mediático. A única diferenza substancial é que non se producen en plena campaña electoral.
Como daquela, Feijóo aspira agora a tombar á primeira un Goberno de coalición de esquerda. Igual que en 2009, faino nun contexto de fonda incerteza económica no plano internacional, pero que os argumentarios do ex-presidente da Xunta presentan como fondamente agravado por culpa practicamente exclusiva do presidente dese Goberno (daquela Touriño, agora Pedro Sánchez). O presidente é caricaturizado como sometido a socios extremistas (daquela o BNG, agora Unidas Podemos e outras forzas do Congreso) mentres gozan conxuntamente o que sinala como luxos e privilexios dos que esixe coñecer "facturas". Así sucedera tamén, por exemplo, coas bebidas servidas nun acto organizado pola Xunta na Feira do Libro de La Habana en 2008, onde Galicia foi país convidado, acudindo cunha trintena de empresas do sector. Os célebres mojitos.
Igual que naqueles días de febreiro de 2009, o episodio cadra coa publicación, cando menos nalgúns medios, de textos e imaxes cuxo contexto foi modelado ou subtraído. Quer a foto de Quintana e Rey, quer un vídeo manipulado para tentar facer ver que a propia ministra Montero se nega a dar a súa opinión sobre a cimeira da OTAN en Madrid e mesmo ten dificultades para expresar esa negativa ante os micrófonos.
Este ataque de Feijóo ao Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos garda máis paralelismos co manual de asedio que empregou mentres estivo na oposición en Galicia non só en campaña, senón dende pouco despois de asumir o liderado do PP en substitución de Fraga. Xunto coas acusacións directas do líder do partido, outros voceiros populares, as súas contas nas redes sociais e opinións divulgadas á prensa poñen o foco en que a ministra de Igualdade, o propio presidente ou outros membros do Executivo utilizan os medios de transporte oficiais que lles corresponden polos seus cargos.
O actual líder do PP identificara as obras de San Caetano cun suposto gusto de PSdeG e BNG co "luxo". Baxo o actual goberno popular, as remodelacións do complexo xa superan os 100 millóns de euros e antes da súa marcha a Madrid, Feijóo renovou o parque móbil da Presidencia
Boa parte destes argumentos non son moi diferentes á campaña contra outra coalición, a de PSdeG e BNG, por utilizaren vehículos oficiais propiedade da Xunta -algún deles usárao o propio Feijóo como conselleiro e vicepresidente-. Tamén por contrataren a compra dun novo automóbil para a Presidencia da Xunta, que deran en presentar como máis caro e blindado que o do presidente dos Estados Unidos (na altura, Barack Obama) malia non corresponderse coa realidade. Ou mesmo polo feito de que nun eles houbese unha pequena neveira para arrefriar botellas de auga, a cal fora sinalada polo PP como "un mini-bar" dun "coche oficial de súper-luxo".
A mesma lóxica aplicaran á realización de reformas no complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta, que identificaran cun suposto gusto de socialistas e nacionalistas polo "luxo". Baixo o actual Goberno do PP en Galicia, os plan de reforma e ampliacións do noutrora deteriorado San Caetano xa superan os 100 millóns de euros e, pouco antes da marcha de Feijóo a Madrid como remuda de Pablo Casado, a Xunta renovou os vehículos oficiais do presidente e de todos os conselleiros e conselleiras.
Estas e outras ideas forza ecoaran aínda con máis intensidade durante a carreira electoral de 2009 nos mitins e declaracións de campaña do PP, que tiña como xefe ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na altura secretario xeral do partido. Pero tamén noutras accións das que os populares negaran ser autores.
Esas operacións comezaran co boicot a carteis electorais do PSdeG mediante cartelaría con textos como "Reformarías un despacho por dous millóns de euros? Touriño si". Continuaran, por exemplo, co envío de correos electrónicos de remitente descoñecido a aos medios de comunicación nos que se insinuaban acusacións de violencia machista dirixidas a Quintana, responsable como vicepresidente da área de Igualdade do Goberno galego, despois reproducidas en varios mitins polo daquela líder do PP en Ourense, José Luis Baltar.
Na campaña de 2009 agromaran acusacións sobre a vida persoal dos candidatos, supostas novas sobre falsos accidentes de tráfico, panfletos anónimos e boicots á cartelaría electoral da esquerda. O PP negara estar por tras
Nos mesmos días, tamén foi posta en circulación e remitida aos medios a falsa información da cancelación dun acto electoral do propio Quintana en Santiago por mor dun accidente de tráfico do daquela líder do Bloque que en realidade non sucedera. Estes e outros elementos da campaña sumiran no desconcerto e a impotencia a PSdeG e BNG, que ao mesmo tempo se ollaban mutuamente de esguello tras un final de lexislatura tan marcado pola incipiente crise económica como polas tensións entre os socios dun Goberno que prevía levar adiante algunhas das súas medidas estrela nun seguinte mandato.
Neste contexto, un día despois de que Feijóo esixise a Touriño a destitución de Quintana, o daquela vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco, dirixía varias preguntas ao daquela presidente do PP, Mariano Rajoy, ante os primeiros compases da Gürtel: "Quen paga a campaña sucia do PP en Galicia? Quen paga os panfletos sucios, as bandeirolas infames, o torpedeo das campañas publicitarias e os correos lixo?", cuestionara Blanco dende o seu blog e durante un mitin. Meses antes, no verán de 2008, Blanco propuxera a Touriño adiantar as eleccións para evitar a erosión da incipiente crise económica.
O 1 de marzo daquel 2009, día da cita coas urnas, PSdeG e BNG sumaron máis votos que o PP: 524.488 e 270.712 de socialistas e nacionalistas (en total, 795.200) fronte a 789.427 dos populares. Pero os de Feijóo lograron restarlle ao Bloque un deputado pola provincia da Coruña, o número 38 que equivale á maioría absoluta no Parlamento e polo tanto, á presidencia da Xunta.
Once días despois das eleccións, tras o primeiro Consello posterior á derrota, Touriño revelou datos sobre os coches oficiais do PP e do propio Feijóo e lamentou a súa "escasa estatura moral"
Once días despois, Touriño presidiu o seu primeiro Consello da Xunta en funcións e a continuación, ante a prensa, pronunciou a que posiblemente foi a súa intervención máis contundente contra Feijóo. O ex-presidente, que xa dimitira como secretario xeral do PSdeG polos resultados electorais, deu en revelar que cando o Goberno de coalición chegara á Xunta o parque móbil contaba con 32 coches da marca Audi e que nese momento tiña exactamente o mesmo número. Tamén desvelara que, como presidente, Fraga ordenara a compra de senllos Audi A8 (un deles, por 331.000 euros) e mais dun Volkswagen Touareg, este último sen concurso. E que Feijóo, como conselleiro e vicepresidente, "circulou polo país, inclusive en campaña electoral, subido a un Audi A8".
"Tanta demagoxia, oportunismo e falsidade acumulada non colle no edificio administrativo de San Caetano", concluíra Touriño en ton grave, mesmo amargo, antes de censurar a "escasa estatura moral" dese "señor" que o ía suceder na presidencia da Xunta. En campaña nunca o afirmara porque, xustificou, cadaquén ten o seu xeito de actuar e ese tipo de acusacións non encadraban no seu. Anos despois, nunha entrevista con Praza.gal, o antigo presidente deixaba esta reflexión: "Infravaloramos o PP e os seus aliados".