A Xunta confirma que Feijóo e os conselleiros mudarán de coche oficial por vehículos DS, de alta gama

Un DS 9 similar ao que agora a Xunta confirma que será o novo coche oficial de Feijóo © DS Automobiles

O Goberno galego pon o foco en que “a renovación do parque móbil afecta non só a altos cargos” e di que agora hai un 89% menos con “coche e condutor en exclusiva” que durante a coalición de PSdeG e BNG

A Xunta confirma que os coches de alta gama que alugará no marco dun contrato de leasing ou arrendamento financeiro para renovar 191 vehículos de todo tipo do seu parque móbil irán destinados a uso do Goberno galego. “Entre eles inclúense 1 berlina DS9 de 5 prazas, para o presidente e 79 SUV tamén de 5 prazas, dos que 12 son DS7 para os conselleiros”, responde agora a Vicepresidencia primeira da Xunta, responsable do parque móbil, a preguntas deste diario.

A confirmación chega despois de avanzar Praza.gal que a mesa de contratación encargada de valorar as ofertas presentadas ao concurso público decantárase, nese lote, pola de PSA Financial Services Spain EFC -do grupo empresarial Stellantis que agrupou a Citroën e Peugeot-, que ofreceu vehículos da súa marca premium ou de alta gama DS.

Un DS 9 similar ao que agora a Xunta confirma que será o novo coche oficial de Feijóo © DS Automobiles

Tras avanzar Praza.gal que a oferta proposta polos técnicos como gañadora do concurso inclúe unha berlina de cinco prazas DS 9 E-Tense de 225 cabalos, dous DS 7 Crossback E-Tense de 300 cabalos e outros 10 vehículos do mesmo modelo pero de 225 cabalos, este diario preguntou ao Goberno galego a que fin destinará eses vehículos de alta gama e se serán para uso do presidente e dos conselleiros. Agora a Xunta así o confirma e engade que “só o Presidente, os Vicepresidentes, os conselleiros e os 5 delegados territoriais da Xunta, dispoñen de coche oficial e condutor en exclusiva, fronte aos 160 cargos que o tiñan no bipartito, o que implica unha redución do 89% fronte ao anterior goberno”.

Feijóo terá unha berlina DS 9 e os conselleiros vehículos tipo SUV do modelo DS 7 Crossback

O Goberno galego enmarca o contrato, que aínda non está oficialmente adxudicado nin formalizado, no que denomina III Plan de Reestruturación do Parque Móbil, aprobado o 15 de xullo, “que recolle, entre outras medidas, a renovación dos vehículos con máis de dez anos de antigüidade e/ou máis de 500.000 quilómetros”. “Con esta finalidade, a Xunta dotarase de 191 vehículos con menor consumo de combustibles fósiles e con menor gasto de mantemento, con baixas emisións de gases e partículas contaminantes ou de emisións cero, reducindo nun 32,2% as emisións de CO2 con respecto aos vehículos que van ser substituídos”, engade o executivo, que inclúe entre eles os coches de alta gama.

Un DS 7 Crossback similar aos que agora a Xunta confirma que serán os novos coches oficiais dos conselleiros © DS Automobiles

A Xunta di que “o Goberno galego ten coches que superan os 700.000 quilómetros, un deles incluso chega aos 800.000, polo que por seguridade é lóxico e necesario facer un cambio destes vehículos. Ademais de por seguridade, tamén polos elevados custes que teñen de mantemento e pola súa antigüidade, xa que algún deles é do ano 2001”.

O Consello de Contas non foi quen de "verificar, de forma precisa" canto aforraron as mudanzas no parque móbil 

Como avanzou Praza.gal, detallando a marca e modelo dos 191 vehículos que se alugarán, a Xunta lembra que “a renovación do parque móbil afecta non só a altos cargos, senón que se estende a toda a Administración co obxectivo de incrementar a seguridade dos desprazamentos do persoal, reducir os gastos correntes en combustible e reparacións e reducir as emisións ao medio ambiente de gases e partículas contaminantes”, di a Xunta, que remata salientando que “polo tanto, a maioría dos novos vehículos serán para desprazamentos do persoal da Xunta no cumprimento das súas funcións, e tamén para labores de repartición de correspondencia e portes”. En anteriores renovacións do parque móbil o Consello de Contas non foi quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.