O 'comodín Venezuela' atragóaselle a Feijóo tras unha década tirando del

Feijóo co líder opositor venezolano Edmundo González © PP

A desaparición de ETA e novas formas políticas na esquerda levaron o PPdeG a presentar calquera crítica como "bolivariana", pero o argumentario popular está a quedar descolocado ante o xeito en que Trump está a xestionar o descabezamento do réxime venezonalo

En 2011 ETA anunciou o cesamento definitivo da súa actividade armada e en 2018 a súa disolución. No que vai dunha data á outra o terrorismo vasco deixou de ter efectos como comodín de Alberto Núñez Feijóo e o PPdeG contra a esquerda e o nacionalismo. Pero a aparición tras o 15M de novas formas de organización na esquerda abriu a porta a outro comodín político para a dereita galega: toda forma de actuación política distinta á do PP era bolivariana e a esquerda quería converter cada vila galega nunha pequena Venezuela. 

Tras unha década de uso do comodín Venezuela, o descabezamento do país por Trump podería ser presentado por Feijóo como unha nova vitoria do "sentidiño" ante a suposta esquerda global. Pero o xeito en que Trump o está a xestionar, permitindo a continuidade do chavismo e poñendo o foco no narcotráfico e non na "ditadura", está a deixar descolocado o argumentario popular.

Delcy Rodríguez, vicepresidenta de Venezuela, asume o liderado do país © Con el mazo dando

As aparicións de Alternativa Galega de Esquerda, Podemos ou as mareas municipalistas foron o escenario no que o comodín ETA mudou en comodín Venezuela. O risco desas novas esquerdas en combinación co PSdeG ou o BNG fixo que Feijóo advertise nas municipais de 2015 de que calquera vila galega podía converterse "nun pobo de Venezuela".

Pola contra, se a Xunta era quen de garantir prestacións farmacéuticas era porque "isto non é Venezuela". Se toda oposición parlamentaria organizaba un foro de debate sobre melloras na sanidade, era "bolivariano". Se lle afeaban a pobreza infantil, Feijóo replicaba que era unha crítica inxusta porque "miles de venezolanos non poden comer". E se a petición era de maiores políticas de igualdade, a resposta que daba o presidente era que "en Venezuela tamén".

O comodín Venezuela non desapareceu coa marcha de Feijóo a Madrid. Hai apenas un ano o presidente Rueda tiraba del para retrucar ás eivas de xestión detectadas polo Consello de Contas no hospital de Vigo. Como era o BNG quen lle pedía explicacións por esa auditoría crítica, a súa resposta foi que o modelo nacionalista é "a sanidade de Venezuela".

Unha suposta lancha de narcotraficantes atacada polo Estados Unidos no Caribe © White House

O narcotráfico con orixe en Venezuela pode supoñer similares problemas para Galicia que para Estados Unidos, pero non semella que o PPdeG ou Feijóo queiran que o seu comodín Venezuela se asimile co narcotráfico

Venezuela vén de perder agora o seu xefe de Estado, pero o seu capturador, Donald Trump, non está a poñer o foco na lexitimidade democrática do réxime que encabezaba Maduro nin na pobreza e falta de servizos públicos da poboación. Trump non parece tan interesado en facer oposición da oposición galega como en defender determinados intereses afastados da legalidade internacional, segundo están a salientar a UE e os seus principais estados e partidos políticos. A operación militar dos Estados Unidos non foi para impoñer a democracia da man dos líderes opositores desexados polo PP de Feijóo senón, segundo Trump, para capturar un narcoterrorista.

O narcotráfico con orixe en Venezuela pode supoñer similares problemas para Galicia que para Estados Unidos. Pero non semella que o PPdeG ou Feijóo queiran que o seu comodín Venezuela se asimile co narcotráfico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.