O Tribunal Supremo ordena que a vicepresidenta exerza como encargada a Presidencia na "ausencia forzada" de Maduro
Delcy Rodríguez consolídase como a persoa clave das primeiras horas sen Nicolás Maduro, secuestrado polos Estados Unidos, como presidente de Venezuela. Máis ou menos ao mesmo tempo que Maduro chegaba esposado a Nova York desexando "Happy New Year", a Sala Constitucional do Tribunal Supremo de Xustiza de Venezuela ordenaba que a actual vicepresidenta asuma exerza como encargada a Presidencia na "ausencia forzada" do seu titular.
Rodríguez é, polo tanto, a nova líder do país, unha asunción do poder que se mestura coas pouco claras explicacións ofrecidas por Donald Trump na súa rolda de prensa sobre o xeito en que os Estados Unidos queren se leve a cabo a "transición" que buscan impoñer en Venezuela. Nesta intervención, na que só mencionou á oposición para descartar un papel relevante de María Corina Machado, si afirmou que "Venezuela ten unha vicepresidenta" e mesmo detallou que Delcy Rodríguez mantivera unha "longa conversa" co secretario de Estado Marco Rubio, na que se puxera "a disposición" de Washington. Algo que Delcy Rodríguez nega.
Rodríguez, de quen Trump afirmou que se puxera "a disposición" de Washington, denuncia que os EUA buscan "a captura dos nosos recursos enerxéticos, minerais e naturais" e reclama que Venezuela non é unha "colonia"
Nas súas primeiras intervencións á fronte do goberno venezolano, Delcy Rodríguez encabezou unha reunión de urxencia do Consello de Defensa da Nación no Palacio de Miraflores na que esixiu a liberación de Maduro e de Cilia Flores e afirmou que "aquí hai un só presidente e chámase Nicolás Maduro". Ademais, Rodríguez denunciou que o verdadeiro obxectivo desta operación é "o cambio de réxime en Venezuela" co que Estados Unidos buscarían "a captura dos nosos recursos enerxéticos, minerais e naturais", sinlando que Venezuela non é unha "colonia".
Rodríguez anunciou a activación dun decreto de "conmoción extrema" que fora previamente aprobado por Maduro e advertiu de que "o pobo de Venezuela activouse nas rúas", en referencia a un despregamento do exército e das milicias.
Reunión do Consello de Seguridade da ONU
O Consello de Seguridade da ONU reunirase este luns para analizar a situación creada en Venezuela
O Consello de Seguridade da ONU reunirase este luns para analizar a situación creada en Venezuela polo ataque militar dos Estados Unidos. De igual xeito, Brasil convocou unha reunión extraordinaria da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) para tratar o asunto.
Os bombardeos estadonidenses e o secuestro de Nicolás Maduro e Cilia Flores foron abertamente criticados por China, Rusia, Irán e por varios países latinoamericanos, como Brasil, México, Colombia, Chile, Uruguai ou Cuba.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez afirmou a través das redes sociais que "España non recoñeceu o réxime de Maduro. Pero tampouco recoñecerá unha intervención que viola o dereito internacional e empurra a rexión a un horizonte de incerteza e belicismo. A reacción da Unión Europea foi aínda máis morna, limitándose a representante para Política Exterior e Seguridadr Kaja Kallas a pedir "respecto" ao Dereito internacional e "moderación", pero lembrando que a posición oficial da UE é que Maduro "non ten lexitimidade" e que Europa aposta por unha "transición pacífica".