O xiro de Von der Leyen contra a "vella orde" suporía desbotar seis referencias a Nacións Unidas nas leis da UE

Von der Leyen, intervindo na asemblea xeral da ONU en presenza de António Costa, presidente do Consello Europeo, en setembro de 2025 © Dati Bendo / Comisión Europea

Abrir a Unión a accións unilaterais, como suxire a presidenta da Comisión, implica unha reforma profunda do dereito comunitario, baseado na carta das Nacións Unidas

A presidenta da Comisión Europea xustificou este luns os ataques ilegais de Estados Unidos e Israel contra Irán. Non é a primeira vez que Ursula von der Leyen apoia unha arremetida militar contraria ao dereito internacional. En 2023, tras os ataques de Hamás en Israel que deron orixe ao xenocidio perpetrado por ese Estado contra os gazatíes que investiga o Tribunal Internacional de Xustiza -o tribunal da ONU- a mandataria europea trasladou unilateralmente ao primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, o apoio da UE a calquera resposta israelí a eses atentados, nunha actuación moi criticada daquela. Este luns, a presidenta do Executivo europeo animou a Europa a deixar de ser "gardiá da vella orde mundial". "Sempre defendemos e defenderemos o sistema baseado en normas [...] pero xa non podemos confiar nel como a única forma de defender os nosos intereses".

Con esas polémicas declaracións, moi criticadas, a presidenta vén expor que a UE se debe dotar de novos mecanismos que lle permitan actuar nun mundo multipolar no que as grandes potencias parecen abandonar os principios e obxectivos de Nacións Unidas. Un novo sistema global no que EUA ataca unilateralmente Venezuela ou Irán en guerras de agresión como a que tamén mantén desde hai catro anos Rusia coa súa invasión de Ucraína. Ou Israel causando en Gaza, un territorio administrado por Tel Aviv, un masacre de máis de 70.000 palestinos, entre eles decenas de miles de nenos e mulleres, con desprazamentos forzosos de decenas de miles de persoas e fame, sen o mínimo respecto polo dereito internacional humanitario.

Ursula von der Leyen e Donald Trump, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Fred Guerdin / European Union

Conseguir o que formula Von der Leyen -poder escapar do dereito internacional na relación con socios como Washington- non é unha tarefa doada. Porque a totalidade do complexo normativo europeo está informado polo sistema e os valores de Nacións Unidas. E a un nivel case constitucional. O seu tratado constitutivo, o Tratado da Unión Europea (TUE), refírese até en seis ocasiones a Nacións Unidas e a súa Carta, os principios e obxectivos da organización global xurdida tras a Segunda Guerra Mundial, e adóptaos como propios. Introducir certa marxe á unilateralidade da Unión Europea, como parece suxerir a presidenta da Comisión, implicaría unha reforma en profundidade do armazón xurídico comunitario na que os Vinte e Sete terían que porse de acordo.

Os principios reitores da acción exterior e da defensa común da UE deben orientarse ao mantemento da paz e da seguridade internacional

A primeira alusión á vella "orde de normas" á que se refire Von der Leyen e que conteñen os tratados atópase no artigo 3 do TUE. No seu apartado cinco establécese que o respecto á Carta de Nacións Unidas e ao desenvolvemento do Dereito Internacional serán dous dos principios que impulsen as relacións da Unión "co resto do mundo". Ese mesmo artigo recolle algúns dos valores que consagra esa Carta, como a paz, a seguridade, o respecto mutuo entre os pobos e a protección dos dereitos humanos -"especialmente os do neno"-. Con ese instrumento da ONU na man, guerras de agresión como a de Irán ou a de Ucraína son de todo punto ilegais e contrarias ao dereito internacional, e hai consenso entre os xuristas expertos na materia.

É o artigo 2.4 da Carta de Nacións Unidas o que prohibe aos seus membros "recorrer á ameaza ou ao uso da forza contra a integridade territorial ou a independencia política de calquera Estado, ou en calquera outra forma incompatible cos propósitos das Nacións Unidas", é dicir, o mantemento da paz e a seguridade internacionais. As dúas únicas excepcións a esa obrigación son facelo co aval do Consello de Seguridade, ou en uso do dereito de "lexítima defensa individual ou colectiva" de cada Estado. Neste último caso, as represalias adoptadas deben porse inmediatamente en coñecemento dese órgano da ONU.

Restos do hospital Gandhi de Teherán, bombardeado nos ataques de EUA e Israel CC-BY-SA Tasnim News Agency

A Carta volve aparecer no Título V do tratado da UE, o que regula a acción exterior da Unión e a política exterior e de seguridade común. O respecto aos principios que reflicte ese texto de Nacións Unidas tamén se contén no artigo 21.1, do mesmo xeito que outros que coinciden en parte cos da ONU, como a promoción da democracia, o Estado de dereito, os dereitos humanos, a dignidade humana e os principios de igualdade e solidariedade. Ese mesmo artigo volve referirse a ela ao expresar entre as finalidades da súa política exterior "manter a paz, previr os conflitos e fortalecer a seguridade internacional, conforme aos propósitos e principios" desa carta.

Unha hipotética acción militar europea no exterior do seu territorio só podería ampararse no Dereito Internacional e perseguir os seus fins pacíficos e de garantía dese "sistema de normas" no que deixou de confiar Von der Leyen

O tratado fundador tamén limita as operacións militares nas que pode actuar a UE no seu conxunto. "A Unión poderá recorrer aos devanditos medios [civís e militares] en misións fóra da Unión que teñan por obxectivo garantir o mantemento da paz, a prevención de conflitos e o fortalecemento da seguridade internacional, conforme aos principios da Carta de Nacións Unidas", establece o artigo 42.1 do TUE. Así pois, unha hipotética acción militar europea no exterior do seu territorio só podería ampararse no Dereito Internacional e perseguir os seus fins pacíficos e de garantía dese "sistema de normas", no que deixou de confiar Von der Leyen.

O sistema xurídico da organización internacional global tamén aparece no artigo do tratado europeo que establece a cláusula de axuda mutua en caso de agresión exterior a un membro da Unión. "Se un Estado membro é obxecto dunha agresión armada no seu territorio, os demais Estados membros deberanlle axuda e asistencia con todos os medios ao seu alcance, de conformidade co artigo 51 da Carta de Nacións Unidas". Este último artigo, o que permite a lexítima defensa como un "dereito inmanente" de cada Estado, é o que amparou o envío polo Goberno de España dunha fragata española a Chipre tras os ataques con drons nunha das bases británicas situadas no seu territorio [inicialmente foron atribuídos a Irán, se ben o Reino Unido confirmou que o dron que explotou "non foi lanzado dende Irán"].

O TUE contén unha sexta referencia ao sistema de Nacións Unidas, pero non para regular a súa acción exterior ou de defensa, senón como unha obriga interna dos seus membros na organización mundial. Atópase no artigo 34.2 e obriga a calquera membro europeo do Consello de Seguridade da ONU -a Francia, como único membro permanente, pero tamén a calquera outro que forme parte de forma rotatoria- a "concertarse entre si" e informar o resto dos Estados membros e ao Alto Representante para a Política Exterior e de Seguridade". Os membros europeos dese organismo de Nacións Unidas deben defender nese foro "as posicións e intereses da Unión".  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.