Os ataques de Trump a España pola guerra de Irán afondan na división política da UE

Merz e Trump, na Casa Branca o pasado 3 de febreiro de 2026 © Goberno Federal de Alemaña / Guido Bergmann

O silencio cómplice do chanceler alemán durante o ataque de Donald Trump a España por non permitir o uso das bases de Morón e Rota para bombardear Irán e a ameaza de suspender as relacións comerciais, sumadas ás palabras posteriores de Friedrich Merz asegurando que "están a tentar convencer a España para alcanzar o 3,5% [do PIB en gasto militar], acordado na OTAN... España ten que cumprir con iso", inciden na xa de seu danada unidade europea ante calquera crise internacional.

O chanceler alemán compartiu as críticas do presidente dos EUA ao baixo orzamento militar español mentres poucos países da Unión demandan priorizar a diplomacia

Francia, segunda potencia da UE e o outro vértice do gran eixo sobre o que pivota o proxecto comunitario, si saíu en apoio de España e da postura reafirmada este mércores polo presidente Pedro Sánchez. Emmanuel Macron telefonouno para "expresar a solidariedade europea de Francia en resposta ás recentes ameazas de coerción económica". Os exabruptos de Trump xeraron máis apoios de líderes comunitarios. O presidente do Consello, António Costa, confirmou tamén unha conversación telefónica co xefe do Executivo porque "a UE sempre garantirá que os intereses dos seus Estados membros estean plenamente protexidos" á vez que reafirmaba o "firme compromiso cos principios do dereito internacional e coa orde internacional baseada en normas en todo o mundo".

Na Comisión Europea, o mesmo día dos duros reproches da Casa Branca, o voceiro de Comercio declaraba que se solidarizaban "totalmente con todos os Estados membros e todos os seus cidadáns", reafirmando á vez que Bruxelas "sempre garantirá a plena protección dos intereses da Unión Europea", á vez que rexeitaba un embargo individual a España debido ao acordo arancelario asinado este verán entre a UE e os Estados Unidos. "Esperamos que EUA cumpra os seus compromisos en virtude da nosa declaración conxunta", engadiu. E o propio vicepresidente da Comisión, Stéphane Sejourné, o home de Macron en Bruxelas, lembrou a Washington que "calquera ameaza comercial dirixida contra un Estado membro é por definición unha ameaza contra a Unión Europea" e quixo ser "moi claro" en que as ameazas de Trump a España non eran só "unha ameaza a un país en particular".

Fragmento da declaración institucional de Pedro Sánchez en resposta ás ameazas de Trump, resumindo a posición do Goberno de España cun "non á guerra" CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional La Moncloa

Con todo, estas mostras de solidariedade contrastaron co silencio doutros líderes da Unión, nunha evidencia da división entre os 27 ante as crises internacionais que rodean o continente, neste caso o incendio prendido en Irán polos Estados Unidos e Israel que se estende por Oriente Medio. Unha división patente nas primeiras reaccións aos ataques aéreos, cando a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, falou de "acontecementos" para referirse ao seu inicio militar e apostou por unha "transición crible en Irán" como "urxentemente necesaria", mentres a Alta Representante Exterior, Kaja Kallas, pactou un comunicado cos 27 nun ton máis moderado onde pedía "a máxima contención".

A división europea sobre a guerra en Irán

Tras a reunión na Casa Branca, o chanceler Merz debeu emendar lixeiramente as súas palabras sobre España ante a obviedade de que un socio europeo non pode ser sancionado individualmente a nivel comercial por un terceiro país, aínda que se trate dos Estados Unidos. "Levamos a cabo as negociacións con Estados Unidos de maneira conxunta ou non as levamos a cabo en absoluto", recoñeceu o alemán.

A Comisión, o presidente do Consello e Francia defenden que o Goberno español non pode sufrir represalias de Washington por non permitir utilizar as bases de Andalucía para atacar Irán

Berlín, a pesar de todo, non está a liderar como principal potencia continental o debate nin a resposta política da UE. Merz non é a chanceler Angela Merkel nin Gerhard Schröder, que se opuxo á guerra de Iraq xunto ao presidente Jacques Chirac. O actual Goberno alemán aínda estuda se involucrarse na defensa de Chipre, como xa confirmaron Francia ou Grecia. Avións de combate, fragatas e sistemas antiaéreos galos e helenos están a ser despregados cara á illa para frear os mísiles ou drons de Irán [o Ministerio de Defensa do Reino Unido confirmou que o dron que explotou contra unha base militar británica instalada alí "non foi lanzado dende Irán", contra o considerado iniciamente]. O que si fixo Alemaña é ofrecer a Estados Unidos a súa base en Ramstein para as súas operacións áreas contra Irán.

España, ademais de pechar as súas bases militares para a ofensiva, é o único socio comunitario que abertamente criticou a guerra iniciada polos Estados Unidos e Israel contra Irán, avogando por unha solución diplomática para frear o programa nuclear dese país e non por unha militar. O 'Non á Guerra' declarado polo presidente Sánchez é unha illa na UE, aínda que outros países tampouco se mostren favorables á escalada bélica en Oriente Medio.

maxes do ataque a Irán divulgadas polos EUA © U.S. Central Command

Theo Francken, ministro de Defensa do Goberno de dereitas de Bélxica, rexeitou que o seu país vaia ofrecer apoio militar á operación estadounidense e israelí, á vez que insistía en que "Ucraína segue sendo a prioridade militar". Bélxica si axudará a Chipre, como Estado da UE, se necesita máis medios para a súa defensa ou a países como Xordania ou Emiratos Árabes Unidos, baixo a premisa de que a lei internacional permite asistir a territorios agredidos.

Sen tampouco condenar a intervención militar, Irlanda é outro dos socios comunitarios que aposta por unha saída diplomática e non por avivar as ascuas bélicas en Oriente Medio. O seu primeiro ministro prefire "o multilateralismo, a orde internacional baseada en regras" e pediu "unha desescalada do conflito en Oriente Medio e particularmente en Irán". A postura a favor de reducir o conflito para evitar unha proliferación rexional é tamén compartida por pequenos países como Luxemburgo, Croacia ou Eslovenia.

A escalada do conflito entre Estados Unidos e Israel contra Irán é xa totalmente rexional. Os bombarderos e a resposta poden arrastrar aínda máis a toda Europa cara a un conflito non desexado

Fóra das fronteiras comunitarias, aínda que tamén no continente europeo, é outro aliado de Estados Unidos o que xestiona unha situación complexa: Reino Unido. Os británicos subscribiron un comunicado con Francia e Alemaña condenando "os ataques con mísiles desproporcionados e indiscriminados lanzados por Irán contra varios países na rexión", porque a resposta da República Islámica ía contra "aqueles non inicialmente involucrados nas operacións militares de Estados Unidos e Israel", nunha clara alusión ás bases norteamericanas en Oriente Medio. Londres, ademais de prometer xunto a París e Berlín "tomar medidas para defender os nosos intereses", ofrecíase a traballar conxuntamente cos Estados Unidos. Con todo, o Goberno do laborista Keir Starmer nega a Washington o uso da base conxunta na illa de Diego García no Índico para bombardear Irán. E por iso, o británico, igual que Sánchez, sufriu as críticas públicas de Trump desde o Despacho Oval.

A escalada do conflito entre Estados Unidos e Israel contra Irán é xa totalmente rexional despois de que as defensas antiaéreas da OTAN en Turquía destruísen este mércores un mísil balístico iraniano. Ankara non solicitou activar a cláusula de mutua defensa recollida no artigo 5 do Tratado da Alianza, pero no seu territorio hai tropas e equipamento militar de países como España protexendo precisamente esa fronteira. Os bombardeos de Washington e Tel Aviv e a resposta de Teherán poden arrastrar aínda máis a toda Europa cara a un conflito non desexado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.