O mercado enerxético volveu saltar polo aire a pasada fin de semana, dando inicio a unha escalada de prezos que afectará máis pronto ou máis tarde á cidadanía. O mercado do petróleo foi o primeiro en dispararse este sábado, tras o ataque conxunto dos EUA e Israel sobre Irán, pero a medida que pasan os días foi o mercado do gas o que máis se viu afectado porque o corte do Estreito de Ormuz deixa a Europa sen acceso aos metaneiros qataríes. O prezo do gas natural repuntou un 35% nun só día, o que se acabará traducindo tamén nunha suba do prezo da electricidade.
Qatar, segundo maior exportador de gas licuado, paraliza a produción de combustible tras sufrir dous ataques de Irán, que se defende dos EUA e Israel atacando infraestrutura de gas e petróleo
O estourido do conflito non pillou desprevido ao sector enerxético porque o presidente estadounidense, Donald Trump, levaba días anticipando un ataque na rexión, pero o peche de Ormuz e a resposta de Irán bombardeando diferentes países do Golfo desataron o caos nos mercados.
O evento chave que disparou as alarmas foi o ataque con drons sobre dúas instalacións de QatarEnergy deste luns, que obrigou a paralizar as exportacións de gas natural licuado (GNL) desta compañía, a maior exportadora de GNL do mundo, que cobre aproximadamente unha quinta parte da subministración mundial de gas que viaxa por barco, segundo Bloomberg.
Este evento, xunto co bombardeo tamén este luns da maior refinaría de Arabia Saudita (Ras Tanura), era o peor escenario que manexaban os expertos porque demostra que estas infraestruturas son un obxectivo prioritario para Irán, e se son danadas ou destruídas, os problemas de subministración de enerxía poderían demorarse durante meses.
O Goberno de España subliña que "só o 5% do petróleo e o 2% do gas" que chega ao Estado atravesa o estratéxico estreito de Ormuz
"Os ataques contra as infraestruturas enerxéticas do Golfo están a cruzar novas liñas vermellas", escribiu este luns Ben Cahill, experto en Enerxía e Oriente Medio na Universidade de Austin, na rede social X. "Nos últimos anos houbo unha reticencia xeneralizada a atacar directamente infraestruturas críticas (grandes refinarías e complexos petroquímicos, plantas de licuefacción, plataformas marítimas). Os ataques de Ras Tanura e Ras Laffan [en Qatar e Arabia Saudita] empurran a situación cara a unha nova e preocupante dirección", engadiu. Ademais de Cahill, diferentes expertos profundaron na idea de que estes bombardeos estratéxicos supoñen un punto de inflexión para o mercado enerxético.
A ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, subliñou este luns que "só o 5% do petróleo e o 2% do gas [que chega a España] atravesa Ormuz", e restou importancia ao que este conflito pode supor para os consumidores españois. Segundo datos de Enagás, só o 1,5% do GNL que chegou nos últimos 12 meses a España provén de Qatar.
No entanto, cando o prezo do combustible sobe globalmente, todos os países quedan afectados directa ou indirectamente, e Qatar é o segundo maior exportador de GNL do mundo. A maioría do gas licuado que exporta vai parar a Asia, pero os expertos destacan que se países como China, Xapón ou Corea do Sur perden un gran provedor como Qatar, terán que buscar alternativas no resto do mundo, competindo cos compradores europeos.
Así o explicaba este luns o analista en enerxía Simone Tagliapietra, do centro de análise Bruegel: "Se se reducen os fluxos de GNL a través do Estreito de Ormuz, a dispoñibilidade global de gas ao contado [o que se compra cada día con acordos puntuais] redúcese inmediatamente. Europa veríase entón obrigada a competir con compradores asiáticos por cargamentos flexibles no mercado ao contado, algo que se observou durante a crise enerxética de 2021-2023", escribiu o experto.
Ormuz, outro factor clave
O peche do Estreito de Ormuz, indispensable para que os países do Golfo saquen o petróleo e o gas por barco a mar aberto, é outro dos responsables do pico de prezos. Por ese paso de menos de 100 quilómetros de ancho discorre cada día o 20% do GNL e o 20% do cru global, e aínda que non foi pechado oficialmente, o tránsito de barcos caeu en picado desde o sábado por medo a que os navíos sexan atacados.
Diversas voces expertas coinciden en que o gran beneficiado desta crise é Donald Trump e os produtores de gas estadounidenses
Se a subida do gas natural foi brutal, a do petróleo foi por agora máis comedida. Por Ormuz só transita ao redor do 7% do cru que importa a Unión Europea e neste momento hai unha importante sobreprodución de petróleo no mundo, o que contivo o shock inicial. No entanto, importantes analistas, entre eles Goldman Sachs, predín que se o conflito continúa, o barril podería superar os 100 dólares, un limiar que só se bateu temporalmente en 2022, pero que non se viu de maneira regular en máis dunha década. O barril Brent, de referencia en Europa, cotizaba este luns a case 80 dólares tras unha subida diaria de case o 8%.
Tamén é certo que o encarecemento abrupto destes días non é un evento histórico. O custo do gas está moi lonxe dos peores días de 2022, cando o prezo do gas natural de referencia en Europa (o TTF) se mantivo durante un ano ao redor dos 100€/MWh, cun pico de máis de 200€/MWh. Hoxe ese gas cotiza a 43€/MWh, a metade que neses meses. Pero tampouco pode considerarse barato, nin moito menos: o TTF cotizaba en 2020 a menos de 10€/MWh.
Nunha chamada con xornalistas este luns, diferentes expertos analizaron as implicacións para o mercado enerxético do conflito, e un dos puntos máis repetidos é que o gran beneficiado desta crise é Donald Trump e os produtores de gas estadounidenses. "O gran gañador é Estados Unidos porque os compradores de gas catarí irán ao mercado ao contado, e Estados Unidos [o maior exportador de gas do mundo] é o único que ten capacidade para ocupar o seu lugar", dixo Sab Kennedy, experto en enerxía de Energy Flux.
"Non sei cantas crises precisamos para darnos conta, debemos reducir a dependencia de combustibles de terceiros países e apostar polas renovables"
Os analistas tamén insistiron en que esta nova crise evidencia que a Unión Europea, tras sufrir a dramática inflación da invasión de Ucraína, segue apostando erroneamente por importar combustibles fósiles. "Supúñase que o gas e o petróleo nos daban liberdade e seguridade, pero isto é unha ilusión. Non sei cantas crises necesitamos para darnos conta. Se queremos reparalo debemos reducir a dependencia de combustibles de terceiros países e apostar polas enerxías renovables", opinou Pauline Heinrichs, do King's College London
Unha subida da luz para as tarifas PVPC
O máis preocupante desta siba é que o custo do gas ten unha relación directa co da luz, como demostrou a guerra de Ucraína, e se o conflito continúa podería traducirse proximamente en subidas no recibo eléctrico. A boa noticia é que a primavera é o período do ano coa luz máis barata porque as enerxías renovables funcionan a pleno rendemento e este factor equilibra a balanza.
Aínda que é certo a subida da luz só afectará os consumidores cunha tarifa regulada (PVPC), a que ten un prezo distinto para a enerxía cada 15 minutos que se establece nunha poxa diaria. Mentres que quen ten unha tarifa libre podería sufrir unha subida cando caduque a oferta que ten contratada.