O Exército israelí , que inicialmente informou dun "ataque preventivo" sinalou posteriormente que a ofensiva se produciu contra "decenas de obxectivos militares e levou a cabo como parte dunha ampla operación conxunta e coordinada contra o réxime"
Estados Unidos e Israel lanzaron na mañá deste sábado un ataque contra obxectivos en Teherán e outras cidades en Irán, que respondeu até o momento lanzando mísiles cara a territorio israelí e bases militares estadounidenses en toda a rexión.
Tras días de tensión ante unha operación que se albiscaba inminente a pesar do aparente progreso das negociacións en Xenebra entre iranianas e estadounidenses, a ofensiva foi finalmente lanzada o sábado e anunciada polo Ministerio de Defensa israelí ás 8:15, hora de Israel (6:15 GMT), segundo informa Infolibre.
O Exército israelí, que inicialmente informou dun "ataque preventivo" sinalou posteriormente que a ofensiva se produciu contra "decenas de obxectivos militares e levou a cabo como parte dunha ampla operación conxunta e coordinada contra o réxime".
Israel bautizou a súa campaña militar como 'Ruxido de León' e Estados Unidos como ´Furia Épica´, que busca acabar con "ameazas existenciais", no marco dunha acción coordinada co Exército estadounidense tras meses de planificación.
O presidente estadounidense, Donald Trump, anunciou nunha mensaxe colgada nas súas redes sociais unha operación militar "masiva" co obxectivo de "aniquilar" e "esnaquizar" ao réxime dos aiatolás en Irán, á vez que pediu ao pobo iraniano alzarse para tomar o control en todo o país.
"Imos destruír os seus mísiles e enterrar a súa industria de mísiles. Vai ser totalmente esnaquizada. Imos aniquilar á súa Armada", asegurou Donald Trump
"Estados Unidos está a levar a cabo unha operación a gran escala e continuada para impedir que a ditadura malvada radical ameace aos Estados Unidos e o núcleo do noso interese de seguridade nacional. Imos destruír os seus mísiles e enterrar a súa industria de mísiles. Vai ser totalmente esnaquizada. Imos aniquilar á súa Armada", asegurou.
O primeiro ministro israelí, Benxamín Netanyahun, afirmou que o ataque conxunto con EUUU lanzado este sábado contra Irán ten o obxectivo de "eliminar a ameaza existencial que representa" o réxime iraniano. "Chámovos, cidadáns de Israel, a escoitar as instrucións do Comando da Fronte Interna. Nos próximos días, na operación "o Ruxido do León", requiriremos que teñades resistencia e fortaleza", dixo o mandatario.
"Agradezo ao noso gran amigo, o presidente Donald Trump, polo seu liderado histórico", di nunha videomensaxe difundida coincidindo co aviso de que Irán respondeu con mísiles ao ataque israelí no seu territorio.
Os medios oficiais da República Islámica informaron a primeira hora de explosións en varios puntos de Teherán e noutras cidades como Isfahán, Tabriz, Karaj, Kermanshah e Ilam no marco dun "ataque aéreo estadounidense-sionista".
Na cidade de Minab, no sur do país, o ataque contra unha escola de nenas deixa 85 persoas mortas, segundo informa a axencia iraniana Mehr.