Sen entrar a facer unha análise do que está acontecendo en Irán estes días, desta volta, os medios de comunicación occidentais decidiron que estas son o que o escritor Edward S. Herman chamaba worthy victims. É dicir, vítimas que nos interesa contar, poñéndolles cara, nomes, apelidos e vidas
Esta semana entreguei a última práctica da materia Conflicts and Political Changes in the Middle East que estou cursando este semestre no grao de Relacións Internacionais. Nesta práctica, unha das tarefas era ver un documental chamado The War You Don’t See de John Pilger - quen fora reporteiro de guerra-. Este documental facía un repaso xustamente sobre iso, sobre a guerra que non vemos porque non nola mostran. Nel faise referencia, sobre todo, á época posterior ao 11S e á política do terror da administración Bush sobre Iraq e Afganistán, pero tamén sobre o trato mediático recibido neses conflitos polos medios occidentais en contraposición co que se recibiu durante o conflito palestino-israelí.
Pilger e as persoas que entrevistou facían referencia a contratos do Pentágono con medios de comunicación, a integración permanente de máis de 700 xornalistas nas formacións militares dos Estados Unidos durante a guerra de Iraq, ou episodios históricos como a caída da estatua de Saddam Hussein en Bagdad na que, como contan persoas que alí estiveron, foi algo preparado e para o que toda a prensa internacional foi convocada na terraza do Hotel Palestina. Non é algo novo, mais o que estaban facendo os estadounidenses era xustificar unha invasión - sen respaldo do Consello de Seguridade, por certo- a ollos da opinión pública apelando aos sentimentos das vítimas de atentados yihadistas e dos pobos que os sufriron. Con esta instrumentalización dos medios de comunicación mostrando repetidamente a imaxe dunha bandeira estadounidense tapando a cabeza da estatua de Hussein, os Estados Unidos conseguiron neutralizar a opinión pública, á vez que non se cuestionaba a masacre que estaban causando sobre a poboación civil iraquí.
Cando agora volvemos poñer o foco no posible número de mortos en Irán, penso en todos os civís que morreron en Afganistán e Pakistán, en Iraq, en Libia ou en Gaza, aos que se lles negaron e negan caras, nomes e vidas
Sen entrar a facer unha análise do que está acontecendo en Irán estes días, sobre o que sobrevoa unha posible intervención militar estadounidense, non imos negar que as cifras de vítimas que nos chegan dende as revoltas son elevadas, porque o son. O caso é que desta volta, os medios de comunicación occidentais decidiron que estas son o que o escritor Edward S. Herman chamaba worthy victims. É dicir, vítimas que nos interesa contar, poñéndolles cara, nomes, apelidos e vidas. Algo que lle negamos ás gazatís tras máis de dous anos de xenocidio retransmitido en prime time porque claro, elas son unworthy victims só polo feito de que queremos e necesitamos crer na narrativa israelí.
Por iso cando agora volvemos poñer o foco no posible número de mortos en Irán, penso en todos os civís que morreron en Afganistán e Pakistán, en Iraq, en Libia ou en Gaza, aos que se lles negaron e negan caras, nomes e vidas. Tamén penso en como a maquinaria occidental está preparando a xustificación dunha nova intervención militar en Oriente Medio, mentres Netanyahu campa ás súas anchas polo mundo e sen ser xulgado por xenocidio.
Non fai falta xustificación moral ningunha, só importa quen é útil e quen é sacrificable, entre vítimas dignas e vítimas prescindibles, construíndo así a guerra que non vemos
Mais tal vez, quizais, non sexa necesario preparar a opinión pública vendo como hai apenas dúas semanas, parte da poboación e da clase política española, aplaudía a intervención estadounidense en Venezuela véndoo como un movemento lexítimo e necesario para instaurar a democracia. Quizais o que non saiban é que a propia Estratexia de Seguridade da administración Trump recoñece que Estados Unidos non pretende promover a democracia nin cambios sociais que non se adapten aos seus intereses, senón actúar “without imposing on them democratic or other social change that differs widely from their traditions and histories”. Traducíndoo: non fai falta xustificación moral ningunha, só importa quen é útil e quen é sacrificable, entre vítimas dignas e vítimas prescindibles, construíndo así a guerra que non vemos.