"O que ten que facer Europa é prepararse, non estar a velas vir", reclama o presidente da Xunta
Hai menos dun mes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitía de xeito cauto a preguntas de Praza.gal que a relación entre Europa e Estados Unidos "non vai ser a mesma" tras a aprobación, días antes, da nova Estratexia de Seguridade Nacional de Donald Trump na que aposta por "corrixir" a Unión Europea. Desde aquela Estados Unidos bombardeou Venezuela para capturar o seu presidente Nicolás Maduro, e está a ameazar cunha intervención militar en Groenlandia, parte de Dinamarca, Estado membro da UE. A resposta agora de Rueda a estes novos feitos é máis contundente: "O que ten que facer Europa é prepararse, non estar a velas vir".
Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns sobre as últimas actuacións de Trump e nomeadamente sobre as ameazas en Groenlandia. "Non me gustan en absoluto as formas do presidente dos Estados Unidos", respondeu o presidente do Goberno galego, que engadiu que "afortunadamente, o estamos vendo, das ameazas actuais ao que logo sucede adoita haber variacións e esa variación é mellor", sen indicar a que cuestións concretas se refería.
"En todo caso o que ten que facer Europa é prepararse, non estar a velas vir, ter un protagonismo político e unha forza que na miña opinión estabamos perdendo e que debemos exercer, e temos capacidade para poder exercela", estendeuse Rueda. "Cando hai ameazas, e cando pode estar ameazada a soberanía dun país, o que temos que facer, para iso temos a Unión Europea, é saber defendernos e saber defender tamén a nosa posición", concluíu.