É unha comunidade en rápido ascenso nos últimos anos. Das 18.820 persoas nacidas en Venezuela que residían en Galicia en 2011 pasouse a máis do dobre en 2021 (39.675) e ás máis de 60 mil na actualidade
En Galicia viven máis de 60 mil persoas nacidas en Venezuela (60.740). A comunidade con orixe do país sudamericano, estes días de máxima actualidade, é a meirande de Galicia entre todos os colectivos con orixe noutros países, duplicando a segunda (32.838 persoas nacidas en Colombia) e triplicando a terceira e seguintes (ao redor de 20 mil persoas naceron en Brasil, Arxentina, Portugal ou Cuba).
É unha comunidade, ademais, en rápido ascenso nos últimos anos. Das 18.820 persoas nacidas en Venezuela que residían en Galicia en 2011 pasouse a máis do dobre en 2021 (39.675) e ás máis de 60 mil na actualidade, cun aumento do 53% nos últimos catro anos.
É, ademais, unha comunidade de idade maioritariamente nova, como adoita suceder coas persoas con orixe no estranxeiro, con máis dun 40% dos seus integrantes por debaixo dos 35 anos (no conxunto da poboación a porcentaxe é do 29%) e case un 60% por debaixo dos 45 anos (42% no conxunto do censo).
Esta numerosa comunidade segue estes días con atención as últimas novas procedentes do seu país, participando nas mobilizacións convocadas para celebrar os bombardeos estadounidenses e as impulsadas para condenar o ataque militar.
Semella que unha parte maioritaria desta diáspora venezolana en Galicia é crítica co chavismo que goberna o país; con todo, a participación nas convocatorias que celebraron o secuestro de Maduro tampouco foi numerosa.
A comunidade galega de persoas nacidas en Venezuela, que supoñen o 2,24% da poboación total, é a terceira máis importante do Estado en termos relativos ao censo, só por detrás da existente en Canarias (3,92%) e Madrid (2,96%) e moi por riba da media española (1,41%)
Cómpre sinalar que a comunidade galega de persoas nacidas en Venezuela, que supoñen o 2,24% da poboación total, é a terceira máis importante do Estado en termos relativos ao censo, só por detrás da existente en Canarias (3,92%) e Madrid (2,96%) e moi por riba da media española (1,41%). En termos absolutos, tan só Madrid (210.488), Cataluña (89.465), Canarias (88.602) e Comunidade Valenciana (75.661) teñen máis persoas nacidas en Venezuela que Galicia.
Isto é rechamante se temos en conta que Galicia é un dos territorios con menos poboación con orixe no estranxeiro (12,23%, lonxe da media española: 19,26%), só por diante de Castela e León, Asturias e Estremadura.
A súa presenza é especialmente importante na Galicia urbana, encabezada pola Coruña (9.265), Vigo (9.201) e Ourense (5.159)
Como se distribúe esta ampla comunidade no país? Hai que dicir que o colectivo de persoas nacidas en Venezuela é un dos que de xeito máis amplo se esparexe polas distintas zonas de Galicia. A súa presenza é especialmente importante na Galicia urbana, encabezada pola Coruña (9.265), Vigo (9.201) e Ourense (5.159). Na Coruña representan o 3,7% da poboación total e en Ourense o 4,89%.
Concellos da área metropolitana da Coruña, como Culleredo, Oleiros, Arteixo, Sada ou Cambre suman case cinco mil persoas de orixe venezolana
As cifras son igualmente elevadas en Santiago (2.677), Lugo (1.958) e Pontevedra (1.823) pero tamén en concellos da área metropolitana da Coruña, como Culleredo, Oleiros, Arteixo, Sada ou Cambre, que suman case cinco mil persoas de orixe venezolana.
A súa presenza é tamén notable en Barbadás, Ames ou Vilagarcía e igualmente en cabeceiras comarcais como Lalín, Monforte, Ordes ou Melide.
Mención á marxe merece a presenza de persoas con orixe venezolana en concellos ourensáns como Celanova, onde representan case o 12% da poboación total, Ramirás (12,1%) ou Verea (9,8%). E igualmente, no Carballiño, onde supoñen o 8% do censo
Mención á marxe merece a presenza de persoas con orixe venezolana en concellos ourensáns como Celanova, onde representan case o 12% da poboación total, Ramirás (12,1%) ou Verea (9,8%). E igualmente, no Carballiño, onde supoñen o 8% do censo. Varias comarcas da provincia de Ourense foron zonas de numerosa emigración a Venezuela; emigrantes retornados e unha nova migración que escolle as terras dos seus pais e avós poden explicar estes datos.