Illa Bufarda e Arabías presentan un proxecto liderado por mulleres de San Sadurniño, As Pontes e Moeche que pon en valor os relatos de sete referentes locais femininos que mandan unha mensaxe as xeracións novas para que reflexionen sobre a importancia dos dereitos gañados
"Diríalles ás novas xeracións que se ven algún maltrato que non esperen á segunda vez. A miña loita foi moi grande e se puidera seguiría hoxe axudando" (María del Carmen Calvo López). É un dos testemuños que forman parte de Hai que verse nelas!, un proxecto que as cooperativas Illa Bufarda e Arabías fan público a poucos días da celebración do 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Trátase dunha iniciativa de intervención artística colectiva para prever violencias machistas, "un exercicio de memoria individual e colectiva que amosa a resiliciencia das mulleres e a fraxilidade dos dereitos conseguidos". O proxecto está composto por unha exposición fotográfica composta de sete retratos de veciñas de San Sadurniño, Moeche e As Pontes que se poden ver na web e tamén na Casa da Cultura de San Sadurniño ata final de ano.
As imaxes están acompañadas dun audio no que Charo Cuba Penabad, Josefa Fernández Couce, Laura Díaz León, María del Carmen Calvo López, Maricarmen Otero González, Remedios Hernández Adega e Silvia Caffaro Napoli contan a súa historia e tamén a súa visión sobre a situación na actualidade dos dereitos da mulleres
As imaxes están acompañadas dun audio no que Charo Cuba Penabad, Josefa Fernández Couce, Laura Díaz León, María del Carmen Calvo López, Maricarmen Otero González, Remedios Hernández Adega e Silvia Caffaro Napoli contan a súa historia e tamén a súa visión sobre a situación na actualidade dos dereitos da mulleres. A este respecto, Charo Cuba Penabad é clara: "Non se pode dar nada por adquirido. O activismo e as reivindicacións son indispensables para rematar coa postura cómoda que ten o patriarcado".
As protagonistas do proxecto destacan o valor do voto e da democracia na defensa destes dereitos e cóntannos como viviron a experiencia de exercer este dereito por primeira vez ou a vulneración do mesmo. Para Illa Bufarda estas mulleres "son referentes, pola súa valentía e polo seu activismo na vida cotiá a través de pequenas, pero importantísimas, loitas que fan posible avanzar cara unha sociedade máis xusta".
Estas mulleres "son referentes, pola súa valentía e polo seu activismo na vida cotiá a través de pequenas, pero importantísimas, loitas que fan posible avanzar cara unha sociedade máis xusta"
Ao longo de trece sesións de traballo o grupo de mulleres traballou arredor de temáticas como o feminismo, os dereitos das mulleres, as violencias machistas, os coidados, a representación das mulleres na fotografía ao longo da historia ou o retrato fotográfico. "Na escola non se falou o suficiente da historia. As mulleres non podiamos ter unha conta bancaria ou facer trámites. É moi importante que as mulleres non nos sometamos nunca", subliña Maricarmen Otero González.
O proxecto está composto por unha exposición fotográfica composta de sete retratos de veciñas de San Sadurniño, Moeche e As Pontes que se poden ver na web e tamén na Casa da Cultura de San Sadurniño ata final de ano
O grupo de mulleres que liderou a creación desta exposición está conformado por: Lucía Ríos Dopico, Maca Rego Piñeiro, Silvia López Rodríguez, Raquel López Piñeiro, María Filgueiras García e Susana Vilaboi Cabarcos. "A través da exposición estas mulleres mándanlle unha mensaxe as xeracións máis novas para que boten a mirada atrás e reflexionen sobre a importancia dos dereitos gañados, as loitas que conseguiron esta conquista e o fácil que sería perdelos nun futuro", conclúen as impulsoras do proxecto.
Laura Díaz León afirma neste senso: "A xente que non vota que pense primeiro o que está pasando, que se informe e vote con conciencia. Os nosos dereitos están en perigo e custounos moito conseguilos".
Hai que verse nelas! é un proxecto impulsado por Arabías e Illa Bufarda, acollido por O Lavadoiro, coa colaboración dos Concellos de San Sadurniño e As Pontes e financiado polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade ao abeiro da convocatoria 2025 de subvencións para o fomento da igualdade de xénero destinadas á promoción, creación, produción e difusión artística e cultural.