'En negro contra as violencias' segue removendo conciencias máis alá de Compostela

Uqui Permui, creadora da campaña 'En negro contra as violencias', presentando o proxecto na Semana internacional do deseño en Eindhoven © Uqui Permui

En negro contra as violencias é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas, creada pola deseñadora Uqui Permui, que naceu en Santiago de Compostela no ano 2015 co impulso do equipo municipal daquel momento, liderado por Compostela Aberta, con Marta Lois como concelleira de Igualdade. Unha proposta na que o deseño se converteu nunha canle de linguaxe crítica desde e coa sociedade. 

A súa accion principal consistiu en tinguir de negro os escaparates dos comercios, dos colexios e das empresas como un símbolo de loito polos feminicidios, pero tamén como unha chamada firme á loita e á denuncia social. A campaña medrou e chegou a outros moitos concellos do país, e mesmo a outros territorios da Península e ao outro lado do Atlántico, como é o caso da mobilización que propiciou na cidade mexicana Morelia. 

Uqui Permui, Marilar Aleixandre e Dolores Vilavedra na mostra de 'En Negro Contra As Violencias' © Consello da Cultura Galega

A campaña En negro contra as violencias non deixou de formar parte das accións de denuncia social contra as violencias machistas nestes anos, de feito, acaba de ser presentada na Dutch Design Week, a semana do deseño dos Países Baixos, a cita máis importante para o deseño europeo, que se celebrou en Eindhoven.

"A impresión que me levei é que a violencia machista aquí é un tema incómodo, non sempre se quere falar nin abordar publicamente", di Uqui Permui sobre o paso pola semana do deseño dos Países Baixos

Uqui Permui formou parte do equipo de deseñadores que representou a iniciativa From Spain With Design, da man do Ministerio de Cultura e READ (Red Española de Asociaciones de Diseño), e debullou o acadado con En negro poñendo o foco na necesidade de implicar ao conxunto da sociedade na prevención desta problemática, mesmo –ou sobre todo– cando abordala resulte incómoda.

"Foi moi interesante presentar alí En Negro, pero teño que dicir que resultou interesante sobre todo para as mulleres que estaban no foro. O feedback que recibín foi sobre todo das compañeiras mulleres", explica Permui, a quen preparar esta charla lle permitiu coñecer como é o contexto neerlandés. 

"Descubrín que os asasinatos de mulleres por violencia machista non están tipificados como tal, senón que se contabilizan dentro das mortes violentas en xeral. A impresión que me levei é que a violencia machista aquí é un tema incómodo, non sempre se quere falar nin abordar publicamente. Precisamente por iso creo que espertou interese entre as mulleres que asistiron ás xornadas", detalla a deseñadora. 

Uqui Permui e Marta Lois no Consello da Cultura Galega este xoves © Consello da Cultura Galega

"Isto confirma a importancia de compartir os proxectos de deseño social entre diferentes países porque abren oportunidades e crean pontes que ao mellor non percibimos, e iso dá unha proxección maior non só ao que facemos en Galicia, senón tamén para observar as diferenzas de enfoque ante os proxectos. Despois do paso por Eindhoven apetéceme facer máis traballo de deseño social", asegura Uqui Permui. 

A campaña En Negro volveu nos últimos días ao Pazo de Raxoi grazas a unha exposición que se pode visitar na sede do Consello da Cultura Galega

Precisamente, a campaña En Negro volveu nos últimos días ao Pazo de Raxoi grazas a unha exposición que se pode visitar na sede do Consello da Cultura Galega. A mostra pretende ser un percorrido desde a documentación, pero tamén unha instalación e unha acción desde as que realizar unha achega visual e documental deste proxecto, que se reflicte no espazo expositivo mantendo a súa filosofía de participación pública que transformou e segue transformando os espazos cotiáns en lugares de debate, reflexión, memoria e denuncia fronte á violencia contra as mulleres.

En Negro mantén a súa actividade durante todo o ano pero acada a súa máxima intensidade no mes de novembro, especialmente arredor do 25N, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. O seu obxectivo sempre foi situar a violencia de xénero no centro do debate público, procurando implicar activamente a todos os sectores da sociedade, incluíndo o tecido económico, educativo, deportivo, cultural e asociativo. 

A mostra En negro contra as violencias recompila a memoria gráfica dunha campaña pioneira no campo do deseño, que pretende poñer en valor a importancia da mobilización colectiva e da colaboración en rede. Pode visitarse no CCG ata o vindeiro 4 de decembro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.