Morelia en Negro súmase a En Negro Contra as Violencias, unha iniciativa que agromou en Santiago de Compostela en 2015
″Cando cheguei a Santiago non tiña nin a menor idea do que era o feminismo, nin o que significaba o machismo, nin sabía nada sobre a igualdade de xénero″. Claudia Venegas viviu en Compostela en 2016 como estudante de intercambio de Relacións Internacionais. Viña de Morelia, a capital de provincia mexicana de Michoacán, unha cidade case cinco veces máis grande que a capital galega. En México, dez mulleres son asasinadas cada día polo feito de seren mulleres.
″Nos primeiros días en Santiago sorprendeume un cartaz negro nun bar que poñía ′espazo libre de violencias machistas′. Fun atopando máis, tamén na Facultade de Ciencias Políticas da USC e, no meu subconsciente, empecei a preguntarme por que os espazos tiñan que estar libres de violencias e, sobre todo, de violencia machista″, conta Claudia desde a súa cidade natal, onde logrou poñer en marcha a súa propia campaña de En Negro Contra As Violencias: Morelia en Negro.
"Tiñamos que facer algo por esas mulleres que seguen vivas pero non son libres", di Claudia Venegas
Claudia Venegas ten hoxe 24 anos e hai un que perdeu a unha das súas amigas. "Foi vítima de feminicidio", di por teléfono desde Morelia. O asasinato de Yunuén López (1996-2020) foi o que rematou por mobilizar a comezos de 2020 ao colectivo Global Shapers Hub Morelia, do que ambas formaban parte, que pertence ao Foro Económico Mundial. "Foi horrible ver tan de cerca o que supón un feminicidio. Sentín unha impotencia brutal e pensei que tiñamos que facer algo por esas mulleres que seguen vivas pero que non son libres e que en calquera momento poden ser vítimas", explica.
A través dunha compañeira da Universidade de Santiago de Compostela, Claudia Venegas contactou coa deseñadora gráfica Uqui Permui, que lle explicou como adherirse a esta campaña de sensibilización que agromou en Compostela en 2015, co impulso da equipa municipal daquel momento, e que hoxe conta coa participación das Deputacións de Lugo e Pontevedra, 140 concellos por toda Galicia, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino. Preto de cincocentos entes organizados nunha mesma plataforma: En Negro Contra As Violencias.
O obxectivo desta iniciativa é o rexeitamento colectivo das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas. E para iso, nestes anos trataron de implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía. En México aínda está a comezar, pero Morelia en Negro chegou a 23 locais e mantén a súa expansión. "Quixemos achegarnos primeiro a bares e restaurantes impulsados por mulleres e a acollida está a ser moi boa", celebra. Centráronse na zona vella de Morelia e xa están a moverse por locais doutras zona da cidade.
"Sete de cada dez mulleres en México experimentaron algún tipo de violencia ao longo da súa vida. Pero eu diría que son dez de dez porque hai moita violencia normalizada en todo o mundo. Hai demasiada xente que non sabe o que é o feminismo", relata Claudia Venegas. Michoacán, que é a provincia onde está Morelia, é a terceira de todo México con maior violencia sobre a muller. En 2020 contabilizáronse 300 mulleres vítimas de feminicidio alí. "Todas as cifras poderían ser realmente maiores porque en todo o proceso penal e xudicial aínda non hai perspectiva de xénero. Entón, hai moitos homicidios dolosos que non son tipificados como feminicidios", apunta Venegas.
"Pouco a pouco vaise creando unha conciencia colectiva", salienta Venegas
Hai dous anos México viviu a súa primeira manifestación feminista "masiva". Claudia Venegas conta que ata ese momento o movemento feminista estaba a ser "completamente silenciado" polos medios de comunicación locais e que desde aquela se nota unha maior apertura. Tamén desde as institucións públicas e o propio Goberno mexicano. "Pouco a pouco vaise creando unha conciencia colectiva. Creo que a xente se está a dar conta de que temos un problema e que esta campaña, Morelia en Negro, como é moi visual e nada agresiva, está a gustar moito", salienta.
"Cando expliquei esta campaña no meu colectivo, Global Shapers, no que estamos rapazas e rapaces, moitas non tiñan unha conciencia da igualdade de xénero. Pero elas soas foron acollendo a sororidade. Ver o cambio que a campaña En Negro nos está a deixar é moi bonito", engade Venegas, que gustaría de facer un mestrado de xénero en España.
"Está claro que falta concienciación sobre o recoñecemento da cultura machista. Eu sempre digo que recoñecer que moitos homes, e tamén mulleres, cando a través dos seus actos poñen en risco a integridade dunha muller, temos que chamarlle violencia por moi normalizado que esté ese acto".