Dende hai anos son habituais as críticas pola falta de seguridade que sofren as mulleres en moitos lugares dos campus composteláns da Universidade de Santiago, especialmente no Campus Sur. Houbo, ademais, numerosas denuncias de agresións e acoso, que unidas á sensación de perigo nestas zonas fan que moitas mozas eviten camiñar por determinados espazos despois do solpor.
A iniciativa 'Campus do Medo' denunciou no ano 2019 a falta de seguridade que sofren as mulleres en moitos lugares do campus compostelán
Esta situación foi subliñada pola campaña Campus do Medo, que no ano 2019 (e seguindo o exemplo do Mapa do Medo) buscaba facer visible esta realidade e reclamar á propia universidade e ao Concello de Santiago a adopción de medidas para solucionala. A campaña comezou con varias asembleas nas que participaron ducias de estudantes da universidade e pola recollida de testemuños de incidentes, de situacións nas que unha moza fora acosada, agredida ou, simplemente, non se sentira segura, unha inseguridade ou ameaza que non sofren os varóns. Cómpre lembrar que entre 2016 e 2019 os delitos contra a liberdade sexual duplicáronse en Galicia.
Entre outros aspectos, alertábase da falta de iluminación en moitos lugares do campus, a ausencia dun servizo nocturno de autobús ou a escasa frecuencia de paso das patrullas de vixilancia, ademais da falta de formación en violencia de xénero do seu persoal. As denuncias chegaron á Valedora do Pobo, que despois de analizar o problema e realizar consultas ante a USC e o Concello, publicou unha serie de recomendacións, dirixidas a estas dúas institucións.
Pídelle ao Concello que "restableza de forma inminente o servizo nocturno de carácter urbano, con traxecto polo campus sen transbordos" e que inclúa na ordenanza de transportes un sistema de paradas anti-acoso
A Valedora insta a universidade e Goberno local que "leven a cabo a tramitación dos proxectos de estudo e execución relativos ao tratamento de problemas con directa incidencia na seguridade máis básica das mulleres". En concreto, pídelle ao Concello de Santiago que "restableza de forma inminente o servizo nocturno de carácter urbano, con traxecto polo campus sen transbordos" e que inclúa na ordenanza de transportes un sistema de paradas anti-acoso, co que xa contan outras cidades galegas, como Vigo (unha das pioneiras en todo o Estado) e A Coruña.
Así mesmo, recoméndalles ás dúas institucións que reforcen e solucionen "o problema da falta de iluminación no Campus". Nas consultas realizadas nos últimos meses, o Goberno local indicaba que o seu deseño fora realizado pola USC, reducindo os niveis de iluminación para non interferir co observatorio astronómico, que se sitúa na zona. A universidade destaca que en setembro do ano 2019 envioulle ao Concello o estudo luminoso encargado pala USC para reforzar o alumeado público do Campus Vida e mais o orzamento correspondente, elaborado por Ferrovial Servicios, concesionaria do Concello para o mantemento do alumeado público.
A Valedora recoméndalles ás dúas institucións que reforcen e solucionen "o problema da falta de iluminación no Campus" e tamén a mellora da 'senda segura'
Finalmente, a Valedora demanda á USC a mellora da 'senda segura', un itinerario presentado hai dous anos e no que se quería garantir, a través dunha mellor iluminación e máis vixilancia, un maior nivel de protección para as mulleres que camiñasen pola noite no interior do Campus Sur. Dende hai dous anos a Universidade reforzou o serivzo privado de vixilancia nestas rúas e, ademais, encargou a unha empresa a correcta sinalización da 'senda segura', que será instalada ao longo deste mes de abril.
A Valedora pide que se garanta "a percepción de seguridade nos espazos urbanos, establecer unha adecuada iluminación e a máxima visibilidade en todo momento"
Na súa recomendación, a Valedora subliña que "deben existir uns principios de ordenación urbana para que as cidades sexan seguras e sexan sentidas como seguras por todas as persoas", para evitar que esta percepción de inseguridade provoque "unha restrición do uso do espazo público por parte da cidadanía", o que deriva en que "especialmente as mulleres limiten a súa vida común".
A Valedora pide en consecuencia que se garanta "a percepción de seguridade nos espazos urbanos, establecer unha adecuada iluminación e a máxima visibilidade en todo momento, identificar lugares nos que as mulleres senten inseguras e implementar medidas para melloralos", ademais de "coidar especialmente da sensación de seguridade nos medios de transporte públicos".
En 1995 a Carta Europea da Muller na Cidade pedía "repensar totalmente" a seguridade nas cidades tanto de día como de noite "tendo en conta os puntos de vista das mulleres"
No documento a Valedora lembra que xa en 1995 a Carta Europea da Muller na Cidade pedía "repensar totalmente" a seguridade nas cidades tanto de día como de noite "tendo en conta os puntos de vista das mulleres" e incidindo en primeiro lugar na necesidade de contar cun "fácil acceso ao transporte público". "As mulleres que son excluídas social e culturalmente corren o dobre risco de quedar atrapadas no seu propio illamento", sinalaba a Carta Europea da Muller na Cidade, que denunciaba que "os espazos públicos e privados son concibidos e producidos esencialmente por homes ou baixo criterio masculinos"