Un tenente de navío admite "contactos físicos non consentidos" cunha alumna á que dixo "estás moi boa, fodíate", no que supón un novo caso con responsabilidade civil do Estado porque os implicados estaban de uniforme na cantina da escola
O pasado 11 de novembro, logo de que o Poder Xudicial fixese pública a daquela última sentenza, Praza.gal recompilou os cando menos tres casos de agresión sexual con condena firme rexistrados nos últimos anos na Escola de Especialidades da Armada Antonio de Escaño de Ferrol. Apenas uns días despois, e ás portas deste 25-N, día internacional contra a violencia contra as mulleres, o Poder Xudicial vén de facer pública unha nova sentenza firme, a cuarta en tres anos, esta por acordo entre acusado e Fiscalía, que condena un tenente de navío e comandante de brigada por "contactos físicos non consentidos" cunha alumna á que dixo "estás moi boa, fodíate".
Como nos casos anteriores, a sentenza tamén condena o Estado como responsable civil subsidiario do pagamento da indemnización á vítima. Se noutros casos estableceuse esa responsabilidade malia que os feitos sucederon fóra da escola porque a xustiza considera que os alumnos seguen estando de servizo, este caso ocorreu na cantina do recinto militar e cos implicados vestindo uniforme.
Caso de xaneiro de 2024
A sentenza feita pública nas últimas horas polo Poder Xudicial ten data do pasado 2 de xullo e foi emitida polo Tribunal Militar Territorial da Coruña tras unha conformidade entre o acusado e a Fiscalía, polo que xa é firme. Segundo os seus feitos probados, na tarde-noite do domingo 14 de xaneiro de 2024 o tenente de navío agora condenado invitou "a unhas cervexas, e despois a cear" na cantina da escola a dous mariñeiros alumnos, unha muller e un home, da brigada da que era comandante.
A ela dirixiulle comentarios como "estás moi boa, te follaría... cal é a túa especialidade?", colleuna "varias veces da cintura", deulle "varios bicos na meixela" e chegou "a introducir a súa man por baixo do colo da camisa" sacando unha cadea que levaba. Ao outro mariñeiro díxolle "que bo que estás, se fose maricón te follaría".
Estes feitos probados ocorreron, segundo salienta o tribunal, "sen que en modo algún [o tenente de navío] obtivera permiso ou consentimento de dita muller para tales contactos físicos non desexados por esta, nin para que esta (ao igual que o outro aspirante) recibira comentarios e insinuacións claramente sexuais, condutas todas elas que segundo a doutrina xurisprudencial antes referida integran un delito de agresión sexual".
A eses feitos o tribunal engade unha atenuante de intoxicación por alcol, e remata impoñendo unha multa de 3 meses por un delito de abuso de autoridade na súa modalidade de agresión sexual previsto e penado no Código Penal Militar, e multa de 5 meses por delito de agresión sexual do Código Penal ordinario, en ambos casos con cota diaria de 3 euros, o que supón unha multa total duns 720 euros. A ela engádese unha indemnización de 1.109 euros.
A xustiza vén establecendo a responsabilidade de Defensa sobre os delitos cometidos por militares porque "todo aquilo que realicen durante o período de descanso, aínda no exterior das instalacións do centro docente, farano estando de servizo"
No que ten que ver coa indemnización, e como tamén estableceu o Tribunal Supremo nos casos previos que analizara, a nova sentenza dita novamente a responsabilidade civil subsidiaria do Ministerio de Defensa, neste caso porque os feitos ocorreron na cantina do recinto militar cos implicados vestindo de uniforme. Porén, en casos previos o Supremo considerou que mesmo en agresións sexuais ocorridas fóra das instalacións da escola os alumnos seguen ligados "ao exercicio das súas funcións" e "todo aquilo que realicen durante o período de descanso, aínda no exterior das instalacións do centro docente, farano estando de servizo".
Caso de comezos de 2023
A anterior sentenza feita pública polo Poder Xudicial, do Supremo e con data do 16 de outubro, ratificou como feitos probados que un mariñeiro condenado mantiña unha relación de amizade cunha compañeira cando a comezos de 2023 tentou que pasase a máis sen que ela así o quixese. Nese momento o mariñeiro comezou a ser "insistente e reiterativo nas súas comunicacións telefónicas", e atopándose cun grupo de compañeiros nun bar tocoulle as nádegas "en repetidas ocasións".
Dos catro casos condenados en firme en Ferrol, dous foron agresións de superiores a subordinadas e dous de compañeiros
A vítima marchou do local pero o home volveu coincidir con ela e de xeito agresivo díxolle "filla de puta, voute matar", ante o que outros mariñeiros a acompañaron á súa casa. En meses posteriores o condenado dirixiuse tamén á parella da vítima con expresións ofensivas.
Por estes feitos o home foi condenado por delitos de agresión sexual e coacción, primeiro polo Tribunal Militar Territorial da Coruña o 12 de febreiro de 2025, sentenza que hai un mes ratificou o Tribunal Supremo. A condena, de dous anos e medio de cadea por agresión sexual e coaccións, incluíu unha indemnización por dano moral de 5.000 euros con responsabilidade civil subsidiaria do Ministerio de Defensa.
Caso de outubro de 2021
Antes desa sentenza, o 19 de xuño de 2023 o Supremo ratificou outra condena por abuso sexual doutro mariñeiro da mesma escola Antonio Escaño de Ferrol por feitos cometidos contra outra compañeira en outubro de 2021. Nese caso os feitos probados sinalaron que, tras consumir alcol nun local con outros compañeiros, o home levou a vítima á súa casa. Alí tivo con ela "sen o seu consentimento", pola súa "fonda embriaguez", "un acceso carnal, téndoa á súa mercé, consistente en penetración vaxinal".
Por eses feitos o home foi condenado primeiro polo Tribunal Militar da Coruña o 1 de decembro de 2022, sentenza que o Supremo ratificou en xuño de 2023. Nese caso, ademais de sete anos de cadea, foi establecida unha indemnización de 25.000 euros con responsabilidade subsidiaria do Estado.
Caso de maio de 2021
O Supremo xa se pronunciara tamén sobre un terceiro caso, ratificando o 11 de maio de 2023 outra condena por agresión sexual dun sarxento alumno de terceiro curso por violar unha subordinada de primeiro curso nas propias instalacións do centro militar en maio de 2021.
Nese caso agresor e agredida iniciaran por mutua vontade un encontro sexual nun salón común da escola militar. Ata que outro compañeiro entrou na sala a recoller un ordenador e os interrompeu, momento no que a vítima "decide poñer fin ao encontro". Pero o agresor "non acepta a negativa" e "contra a súa vontade, é penetrada vaxinalmente". Despois o agresor envioulle unha mensaxe ameazante: “Entérate mañá, máis che convén non dicir nada, canto menos saiba a xente mellor”.
Por eses feitos o home foi condenado a sete anos de cadea primeiro polo Tribunal Militar da Coruña o 17 de xuño de 2022, sentenza que o Supremo ratificou en maio de 2023. Nese caso tamén se estableceu unha indemnización de 30.000 euros con responsabilidade civil subsidiaria do Estado.