“Prefiro un fillo morto ou drogadicto que maricón”, “arriba España e morte aos maricóns” ou “a muller do posto” son expresións que segundo a sentenza dirixían ao axente, cuxo caso foi denunciado polo hospital de Santiago que o atendeu cunha crise de ansiedade
A Sala V, do Militar, do Tribunal Supremo vén de ratificar, nunha sentenza emitida este luns, a condena a dez meses de cadea a cada un dos catro gardas civís, un deles un cabo, que abusaron da súa autoridade fronte a un compañeiro do cuartel de Noia ao que vexaron e proferiron insultos homófobos. Os catro implicados foran condenados o pasado ano polo Tribunal Militar Territorial da Coruña e recorreron ao Supremo, pero agora este ratifica aquela sentenza, que incluía unha indemnización solidaria por 10.000 euros ao afectado, e engádelle que o Estado será o responsable civil subsidiario do seu pagamento en caso de que non o fagan os condenados.
Segundo o relato dos feitos que facía a primeira sentenza, e que agora o Supremo considera correctamente valorados, a vítima incorporouse ao posto da Garda Civil de Noia a mediados de 2010 e desde o comezo sufriu acoso, vexacións e insultos dos que se queixou sen éxito aos seus superiores pero sen denuncialos xudicialmente.
A situación, que mesmo se estendeu fóra do ámbito do corpo con comentarios que “chegaron a circular pola localidade de Noia”, mantívose “de forma ininterrompida” ata que a finais de 2014 a vítima foi atendida no centro de saúde de Bertamiráns por unha crise de ansiedade e derivado á unidade de psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) de Santiago, que foi quen alertou a un xulgado de instrución de Santiago que posteriormente derivaría as dilixencias á xurisdición militar da que depende a Garda Civil.
A sentenza agora ratificada consideraba que os feitos ocorridos “en conxunto e mantidos no tempo teñen un efecto pernicioso e demoledor para a persoa que o sofre”
Durante o tempo en que o axente estivo de servizo en Noia a sentenza relata non só insultos e vexacións senón tamén acusacións de falta de profesionalidade e intentos de desprestixio. Unha sucesión de feitos que dos que o tribunal militar considerou que “illadamente consideradas terían escasa importancia e mínima transcendencia legal”, pero dos que salienta que “en conxunto e mantidos no tempo teñen un efecto pernicioso e demoledor para a persoa que o sofre”.
Fronte á condena do pasado ano os acusados argumentaron ante o Supremo que se vulnerara o seu dereito á presunción de inocencia porque non houbera proba de cargo suficiente contra eles. Porén, o Supremo desestima os seus recursos ao salientar que o Tribunal Militar da Coruña realizara unha valoración “dun modo razoado e razoable” tanto da declaración da vítima como das testemuñas que corroboraron a mesma. Houbo, di “un gran número de testemuñas” que corroboraron a declaración da vítima “apuntalando a súa credibilidade”.
A sentenza anterior que agora fai firme o Supremo tamén estableceu, como pedira a Fiscalía, que se analice a nivel disciplinario a actuación dun subtenente por supostamente non actuar ante o ocorrido.