O pasado mes de decembro, a axente da Garda Civil Vanesa Fraga resultou gravemente ferida logo de intentar suicidarse na casa cuartel de Pontedeume. Segundo denunciou a súa familia, a muller actuou deste xeito debido á presión e ás "coaccións homófobas" que o capitán da comandancia da localidade lle realizara pola súa condición de lesbiana. Ocorreu logo de anunciar o seu casamento coa súa actual parella e asociacións de apoio a colectivos LGTB manifestáranse ante o cuartel onde residía na vila eumesa censurando o presunto "acoso" sufrido pola traballadora.
A familia da axente insiste en culpar ás "coaccións homófobas" do capitán da comandancia do seu intento de suicidio
Na actualidade, a Garda Civil leva a cabo un proceso de investigación interna para aclarar os feitos mentres Vanesa se recupera aínda das feridas e do impacto do suceso. Tan só uns meses despois daquel episodio, o escurantismo e a polémica que arrodean este caso volven á actualidade. A parella da garda civil e a Unión de Gardas Civís (UGC) de Galicia denuncian que a Federación Galega de Automobilismo (FGA) retirou á muller un galardón que lle concedera en setembro de 2015 pola súa actuación no grave accidente do Rally da Coruña, en Carral, que rematou con varios falecidos e múltiples feridos. E aseguran que deu marcha atrás polas presións de "altos cargos" da Benemérita que decidiron non só retirarlle o galardón senón retirarlle tamén o convite xa enviado para a gala que terá lugar o vindeiro día 13 de febreiro en Santa Comba.
A Federación Galega de Automobilismo (FGA) denegou á axente Vanesa Fraga un galardón que a mesma institución lle propuxera á Garda Civil en setembro de 2015 pola súa actuación tras o grave accidente do Rally da Coruña, agradecéndolle "a súa actuación auxiliando os feridos e axudando os equipos médicos". En decembro, poucos días despois do tráxico suceso no cuartel de Pontedeume, a FGA volvía informar á axente do recoñecemento, ao igual que a web da Federación. Pero semanas despois, o galardón recaeu no xeneral José María Feliz Cadenas, tal e como se indicou noutra documentación do 29 de xaneiro.
A Federación de Automobilismo retiroulle un recoñecemento e a UGC asegura que é debido ás "presións e ameazas" de altos cargos
A UGC asegura agora que "os poderes ocultos da Garda Civil seguen cunha campaña preocupante de desprestixio" á persoa de Vanesa, ademais de "poñer evidentes freos na consecución de recoñecementos públicos". Di tamén que tanto a organización como os avogados mantiveron unha conversa coa parella da axente afectada, onde lles aseguraría que un representante da FGA lle confirmou ter recibido "ameazas e presións de tal magnitude por parte dos altos mandos da Garda Civil que desde a Federación decidiron non entregar o premio para evitar represalias".
A organización de calquera competición automobilística por parte da FGA depende dun informe favorable e vinculante do sector de Tráfico da Garda Civil e fontes do caso vinculan case con toda seguridade as presións da Garda Civil con estas esixencias legais. Alén disto, a propia Federación, segundo a parella de Vanesa, tería chamado a axente para "desaconsellarlle a súa presenza na gala de Santa Comba" xa que non era benvida, menos aínda cando o galardón lle fora retirado.
A UGC denuncia a actuación "nada ética nin moral" por parte dos "altos cargos" da Garda Civil ao retirarlle o premio, pero non se manifesta sobre o fondo do caso: o presunto acoso e as coaccións que dirixentes do corpo realizaron sobre Vanesa pola súa condición sexual. "Será ela quen decida se isto é denunciable e se acode á xustiza", di un voceiro da UGC, que lembra que o caso non está aínda sendo investigado xudicialmente, senón que as pescudas limítanse ao ámbito interno da Benemérita. Fontes dos traballadores temen que o expediente, "como noutros casos semellantes, acabe sen responsables". E fan referencia a outro caso dun axente que intentou suicidarse en Melilla.
O seu intento de suicido segue a investigarse internamente na Garda Civil
No caso de que Vanesa decida acudir á vía xudicial para denunciar esas presuntas coaccións pola súa condición sexual, a UGC xa puxo á súa disposición un despacho de avogados. "É un tema complexo porque a axente está en plena recuperación e todas estas informacións sobre a retirada do premio non lle axuda nada nese proceso", din fontes coñecedoras do caso, que aclaran que xa houbo avisos de que a Garda Civil tomará medidas contra os axentes que impulsaron o manifesto da UGC e denunciaron as actitudes dos altos cargos nos medios.
Logo daquel incidente, a Asociación Unificada de Gardas Civís criticara a escasa efectividade dos protocolos antisuicidio do corpo e censurara as medidas de prevención insuficientes. Este diario púxose en contacto coa Garda Civil para coñecer a súa versión dos feitos e saber se ten previsto facer algunha aclaración, pero continúa sen recibir resposta. Ademais, todos os intentos por contactar coa Federación Galega de Automobilismo foron inútiles.