Condenados catro gardas civís de Noia por abuso de autoridade sobre un compañeiro con insultos homófobos e vexacións

Os feitos agora sentenciados ocorreron no posto da Garda Civil de Noia entre 2010 e 2014 CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Prefiro un fillo morto ou drogadicto que maricón”, “arriba España e morte aos maricóns” ou “a muller do posto” son expresións que segundo a sentenza dirixían ao axente, cuxo caso foi denunciado polo hospital de Santiago que o atendeu cunha crise de ansiedade

O Tribunal Militar Territorial da Coruña vén de condenar a un cabo e catro axentes da Garda Civil por abuso de autoridade sobre un compañeiro no cuartel de Noia ao que acosaron e vexaron con expresións como “prefiro un fillo morto ou drogadicto que maricón”, “arriba España e morte aos maricóns” ou “a muller do posto”. Cada un dos catro é sentenciado a dez meses de cadea e a indemnizar á vítima con 10.000 euros polos danos causados

A sentenza, emitida o pasado xuño e á que tivo acceso Praza.gal, foi avanzada por eldiario.es, que sinala que xa foi recorrida ante o Tribunal Supremo.

Relato dos feitos probados que fai a sentenza do tribunal militar CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a vítima incorporouse ao posto da Garda Civil de Noia a mediados de 2010 e desde o comezo sufriu acoso, vexacións e insultos dos que se queixou sen éxito aos seus superiores pero sen denuncialos xudicialmente. A situación, que mesmo se estendeu fóra do ámbito do corpo con comentarios que “chegaron a circular pola localidade de Noia”, mantívose “de forma ininterrompida” ata que a finais de 2014 foi atendido no centro de saúde de Bertamiráns por unha crise de ansiedade e derivado á unidade de psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) de Santiago, que alertou a un xulgado de instrución de Santiago que posteriormente derivaría as dilixencias á xurisdición militar da que depende a Garda Civil. 

A sentenza di que os feitos ocorridos “en conxunto e mantidos no tempo teñen un efecto pernicioso e demoledor para a persoa que o sofre”

Durante o tempo en que o axente estivo de servizo en Noia -segue de baixa e recibindo atención médica cun cadro crónico- a sentenza relata non só insultos e vexacións senón tamén acusacións de falta de profesionalidade e intentos de desprestixio. Unha sucesión de feitos que a sentenza di que “illadamente consideradas terían escasa importancia e mínima transcendencia legal”, pero dos que salienta que “en conxunto e mantidos no tempo teñen un efecto pernicioso e demoledor para a persoa que o sofre”. A sentenza tamén considera que houbo abuso de autoridade por ser un dos acusados superior e ter os outros tres máis antigüidade no posto de Noia que a vítima.

Vista xeral de Noia © Concello de Noia

A defensa dos catro condenados argumentou que o axente pretendía realmente “abandonar a Garda Civil cunha pensión” por enfermidade en acto de servizo, o que a sentenza desbota argumentando que non foi o axente o que denunciou o ocorrido senón os servizos de saúde. O xulgado tamén explica que “a conduta que estamos analizando é o cúmulo de moitas actitudes, a veces imperceptibles para os demais, que, illadamente consideradas, non serían merecedoras dun parte ou denuncia de feitos, xa que poderían entenderse como unha nimiedade, pero que poden acadar extrema gravidade se se contemplan todas xuntas con certa perspectiva temporal”. A sentenza di que “a conduta grupal de acoso quebra a dignidade persoal e profesional do suxeito, é unha conduta que, como norma xeral, se xesta co tempo e se estende e perfecciona co tempo”. 

Ademais de condenar aos catro gardas autores dos feitos probados, aos que rebaixa a pena a dez meses de cadea por dilacións indebidas no proceso xudicial, a sentenza tamén establece, como pediu a Fiscalía, que se analice a nivel disciplinario a actuación dun subtenente por supostamente non actuar ante o ocorrido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.