Os períodos de crise económica adoitan incrementar a desprotección das mulleres ante situacións de violencia de xénero. Así sucedeu durante a recesión iniciada no ano 2008, uns anos nos que diminuíu o número de denuncias presentadas, e así podería suceder de novo nun tempo marcado polos efectos sociais e económicos da pandemia de Covid-19.
A pandemia, ademais, engadiu un novo factor que agrava a situación que viven as mulleres vítima da violencia masculina: o confinamento domiciliario da pasada primavera recluíu durante semanas a moitas mulleres cos seus agresores e nos meses seguintes as distintas restricións aplicadas para conter a enfermidade limitaron os espazos públicos e primaron os espazos privados, alí onde as violencias non son visibles.
Estas realidades veñen sendo denunciadas nos últimos meses por entidades sociais, voces expertas e polas propias afectadas, que alertan do incremento da "dependencia económica" das mulleres vítimas de violencia machista cos seus agresores. Varios informes advertiron igualmente das fendas de xénero acentuadas polo coronavirus, en forma de sobrecarga de traballo para as mulleres, de maior precariedade laboral nos empregos feminizados e da propia violencia invisibilizada.
Algunha das estatísticas que xa comezamos a coñecer sobre a evolución des distintos indicadores ao longo do ano 2020 amosan ese agravamento de determinadas situacións. Un dos aspectos máis comentados nos últimos meses foi o incremento do uso do teléfono 016 (de información e de asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero) que se produciu durante o confinamento da pasada primavera.
Entre abril e xuño o número de 'chamadas pertinentes' realizadas dende Galicia ao 016 foi de 1.333, fronte ás 873 do ano 2019 nese mesmo período, un 53% máis
Entre abril e xuño o número de 'chamadas pertinentes' realizadas dende Galicia a este servizo foi de 1.333, fronte ás 873 do ano 2019 nese mesmo período, un 53% máis. En cambio, nos meses de xaneiro e febreiro e de novo entre agosto e decembro o número de chamadas ao 016 foi semellante ao que se producía nos anos 2018 e 2019.
Tamén se dispararon as consultas online (que nos últimos anos veñen desprazando progresivamente ás chamadas telefónicas ao 016). No primeiro mes de confinamento, entre o 15 de marzo e o 15 de abril, as consultas online medraron un 443,5% no conxunto do Estado con respecto ao mesmo período no ano 2019.
No que atinxe ás denuncias xudiciais presentadas, os datos coñecidos ata o momento están tamén moi marcados pola situación de confinamento que se viviu entre marzo e xuño. O número total de denuncias no primeiro e segundo trimestre foi inferior ao do ano anterior, en boa medida pola dificultade material de realizalas entre marzo e maio, pero seguramente pola situación de incerteza que se vivía neses momentos e as dificultades, por exemplo, para a procura dunha vivenda alternativa ou dun emprego.
Os datos do terceiro trimestre si amosan un incremento fronte aos datos do 2019 e convértense no segundo valor máis elevado da serie histórica nun terceiro trimestre. Haberá que agardar a coñecer os datos do derradeiro trimestre para realizar unha análise completa do ano. O número anual de denuncias en Galicia mantén dende o ano 2015 unha tendencia de ascenso.
Os servizos públicos que atenden ás vítimas da violencia machista experimentaron un notable incremento na demanda desde o mes de marzo, en comparación cos mesmos períodos de 2019
Na súa Declaración Institucional publicada con motivo do pasado 25 de novembro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia alertaba de que "as fendas de xénero afondaron ostensiblemente ao longo destes meses, e continúan profundando máis aínda, sen que teñamos un horizonte inmediato no que sexa previsible que se reverta a situación".
O Colexio advertía de que "o confinamento e as restricións posteriores crean as condicións idóneas para aumentar os conflitos, sumado ás tensións por motivos económicos, laborais, de saúde, etc." e subliñaba que "os servizos públicos que atenden ás vítimas da violencia machista experimentaron un notable incremento na demanda desde o mes de marzo, en comparación cos mesmos períodos de 2019".
Tamén incide nesta análise un artigo publicado pola médica de familia Rosana Izquierdo Fernández en Cadernos de Atención Primaria. Izquierdo alerta de que a situación de confinamento incrementa os efectos da "pandemia na sombra" que supón a violencia de xénero, nunha "situación de illamento no fogar, onde o poder e o control por parte do maltratador campan ás súas anchas entre unhas paredes difíciles de traspasar".
A pandemia "vai ter unhas consecuencias que esixen que se fortalezan os mecanismos de atención"
O artigo conclúe que a pandemia "vai ter unhas consecuencias que esixen que se fortalezan os mecanismos de atención". "Será necesario volver a dimensionar o problema dándolle un novo enfoque con estratexias proactivas e universais para que a violencia contra a muller non permaneza nas sombras e que tras a detección poidamos dar unha resposta adecuada, protocolizada e coordinada", chamando a "aumentar a detección, para diminuír as consecuencias na súa saúde e axudar a diminuír o risco de novas agresións ou asasinato".
De momento, no ano 2020 varios indicadores dan conta dun agravamente da situación. É o caso do número de ordes de protección solicitadas por mulleres vítimas de violencia de xénero, que xa no primeiro trimestre do ano amosaban un incremento con respecto aos ano 2017, 2018 e 2019. As cifras descenderon no segundo trimestre, marcado directamente pola situación de confinamento, pero volveron dispararse no terceiro trimestre que, de feito, marcou un novo máximo na serie histórica.
No terceiro trimestre do 2020 incoáronse 595 ordes de protección en Galicia, fronte ás 530 do ano anterior e as 522 do 2018
No terceiro trimestre do 2020 incoáronse 595 ordes de protección en Galicia, fronte ás 530 do ano anterior e as 522 do 2018. Haberá que agardar aos datos do cuarto trimestre para comprobar se se mantén a tendencia. O terceiro trimestre, iso si, non marcou un máximo no número de ordes de protección adoptadas, pois a porcentaxe de ordes aprobadas foi unha das máis baixas dos últimos anos, apenas un 61,85%, lonxe do 73,88% do ano anterior.
Outro dos indicadores que experimentou un grande incremento no ano 2020 foi o do número de axudas concedidas en Galicia a mulleres vítimas de violencia de xénero ao abeiro do artigo 27 da Lei 1/2004. Mentres que ata o ano 2018 a cifra (sempre cunha tendencia de ascenso) nunca chegou a superar as cen axudas, no 2019 foron 189 e no 2020 chegaron a 340.
No 2020 disparouse o número de axudas concedidas en Galicia a mulleres vítimas de violencia de xénero
En cambio, o número de contratos bonificados (34) foi o máis baixo dende o ano 2014, moi por debaixo dos 71 do ano 2019 e dos 92 do 2018, unha mostra das dificultades en certos ámbitos laborais (especialmente os máis precarios e feminizados) neste ano 2020. Tamén descendeu de forma abrupta o número de axudas concedidas para cambio de residencia para mulleres vítimas de violencia de xénero, apenas 97 en toda Galicia, fronte ás 141 do ano 2019. A cifra foi a máis baixa dende o ano 2008. Outra mostra dos condicionantes de mobilidade e da incerteza dominante do momento actual.
O 2020 marcou un novo récord na cifra de casos activos de violencia de xénero (3.761) especialmente naqueles que requiren de protección policial (2.152)
Tamén continuou aumentando o número de casos activos de violencia de xénero, cun total de 3.761 casos en Galicia no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén), a cifra máis elevada da serie histórica, por riba dos 3.598 do ano 2019. Tamén se acadou un récord no número de casos considerados máis graves e que requiren de protección policial (2.152), fronte aos 1.978 do ano 2019.