A pandemia do coronavirus pasa por riba das fronteiras e a infección pode acabar afectando a todo o mundo, pero os seus efectos son distintos para uns e para outros colectivos. A enfermidade e os seus efectos entenden de clases sociais (como xa alertaron algúns informes nos Estados Unidos ou no Reino Unido) e tamén de xénero.
O Instituto da Muller subliña a necesidade de ter en conta esta perspectiva de xénero para evitar o aumento das desigualdades, tanto nestas semanas coma nos vindeiros meses
O Instituto da Muller, dependente do Ministerio de Igualdade, vén de elaborar un informe, titulado 'A perspectiva de xénero, esencial na resposta á COVID-19' que subliña a necesidade de ter en conta esta perspectiva de xénero para evitar o aumento das desigualdades, tanto nestas semanas coma nos vindeiros meses, nos que boa parte da poboación sufrirá os efectos da crise económica provocada pola epidemia.
O documento destaca especialmente algúns aspectos que afectan particularmente ás mulleres, dende a sobrecarga do traballo sanitario e servizos esenciais ou a maior responsabilidade nas tarefas domésticas e de coidados, ata a maior pobreza e precariedade laboral que sofren as mulleres, pasando polo aumento do risco de sufrir violencia de xénero.
Sobrecarga laboral e precariedade
As mulleres asumen a maior parte do traballo doméstico e das tarefas de coidados, o que se viu agravado co peche de centros educativos e o teletraballo
Segundo a EPA, as mulleres representan o 66% do persoal sanitario. En concreto, son o 51% entre o persoal médico, o 84% en enfermaría, o 72% en farmacia, o 82% en psicoloxía e o 84% do persoal de residencias para maiores e persoas dependentes. O persoal sanitario é o que máis está sufrindo o golpe directo da enfermidade, tanto en sobrecarga de traballo coma nos propios milleiros de contaxios de coronavirus que seguen a producirse.
O Instituto da Muller lembra, así mesmo, que as traballadoras son maioría en sectores do comercio de alimentación e dos servizos de limpeza hospitalaria e de residencias que son esenciais para o mantemento das poboacións. A estes colectivos profesionais súmanse as empregadas de fogar e coidadoras, que asumen unha importante parte dos coidados das persoas dependentes.
As traballadoras representan o 66% do persoal sanitario
O informe tamén salienta que no ámbito privado, as mulleres asumen a maior parte do traballo doméstico e o 70% das tarefas de coidados, unha circunstancia que se viu agravada co peche de centros educativos e o teletraballo, "aumentando a sobrecarga neste ámbito". Especialmente afectadas víronse as familias monoparentais, das que 8 de cada 10 están encabezadas por mulleres, engade o documento.
As traballadoras son as que están nunha peor situación para afrontar unha nova crise, pois os sectores máis afectados, como o comercio, turismo e hostalaría, están altamente feminizados
O Instituto da Muller subliña igualmente que as traballadoras son as que están nunha peor situación para afrontar unha nova crise, pois os sectores máis afectados, como o comercio, turismo e hostalaría, están altamente feminizados. Os primeiros datos laborais da actual crise revelan que mocidade, mulleres e empregos precarios son os máis prexudicados en Galicia.
O Instituto da Muller alerta de que en canto ás traballadoras do fogar, a existencia do despedimento por desistimento, a falta de acceso á prestación por desemprego e tamén o seu elevado nivel de exposición ao contaxio convérteas nun dos colectivos máis vulnerables, sobre todo considerando a elevada porcentaxe delas que permanecen na economía informal.
Violencia de xénero
O confinamento tamén incrementou o risco de que moitas mulleres sufran violencia de xénero, estando obrigadas a permanecer pechadas no fogar cos seus maltratadores
O confinamento tamén incrementou o risco de que moitas mulleres sufran violencia de xénero, estando obrigadas a permanecer pechadas no fogar cos seus maltratadores, nunha situación ademais na que os malos tratos son menos visibles e máis dificilmente denunciables. Os datos de chamadas e consultas online ao teléfono 016 durante o período de confinamento, difundidos pola Delegación de Goberno contra a Violencia de Xénero, son unha manifestación deste impacto.
No conxunto do Estado, durante a primeira quincena do mes de abril produciuse un incremento do 48% no número de chamadas con respecto á primeira quincena do mes de marzo, un aumento que ascende ata o 733,3% no caso das consultas online. E comparando o período do 14 de marzo ao 15 de abril de 2020 con respecto ao mesmo en 2019, os incrementos foron do 31% no número de chamadas e do 443,5% no de consultas online.
Durante a primeira quincena do mes de abril produciuse un incremento do 48% no número de chamadas con respecto á primeira quincena do mes de marzo, un aumento que ascende ata o 733% no caso das consultas online
Outra dimensión que merece atención é a vivida polas vítimas de trata e explotación sexual. O seu estado de irregularidade administrativa, na gran maioría dos casos, fai que teñan dificultades para acceder ao sistema público de saúde. A cifra de vítimas de trata humana identificadas en Europa case se duplicou nos últimos anos e témese que os datos reais superen estas cifras.
O Ministerio de Igualdade, ante este aumento do risco debido ao confinamento polo estado de alarma, puxo en marcha o Plan de continxencia contra a violencia de xénero. Así mesmo, puxo en marcha outro Plan para garantir os dereitos das vítimas de explotación sexual e en contexto de prostitución, con dificultades para acceder ao sistema público de saúde.