Esta semana coñecemos os datos da Enquisa de Poboación Activa correspondente ao primeiro trimestre, que recolle os primeiros efectos da crise económica provocada polo coronavirus. A perda de emprego será moito maior, pero estas primeiras cifras xa revelan a destrución de 13.000 postos de traballo. De igual xeito, os datos do paro do mes de marzo, difundidos hai unhas semanas, amosaban un incremento de 8.000 no número de persoas desempregadas, un indicador que empeorará moito máis nos nas cifras de abril, que coñeceremos nuns días.
Pero como adoita suceder, a crise non afecta a todo o mundo por igual, sufrindo uns determinados sectores sociais unha perda do emprego moi superior á doutros. As cifras coñecidas ata agora, que haberá que complementar coas que se vaian difundindo nas vindeiras semanas, amosan que a maior parte dos postos de traballo destruídos corresponden a mozos e mozas, a empregos precarios (maioritariamente no sector sevizos, sobre todo contratos temporais, poucas persoas con educación superior....) e moito máis a mulleres que a homes.
A maior parte dos empregos que se perden en Galicia corresponden ao sector servizos, o maioritario, pero tamén o máis precarizado e feminizado
Tanto se comparamos os datos co trimestre anterior, como se o facemos coas cifras de hai un ano (para evitar nesgos de estacionalidade nalgún sector), a maior parte dos empregos que se perden en Galicia corresponden ao sector servizos, o maioritario, pero tamén o máis precarizado e feminizado. Durante o primeiro trimestre deste ano o emprego no sector primario case non experimentou cambios e o industrial mesmo aumentou, mentres que o da construción sufriu un pequeno descenso. O groso da destrución correspondeu ao sector servizos (25.770 dos 26.259 afiliacións perdidas).
E o mesmo sucede se analizamos os datos dos últimos 12 meses, nos que todos os sectores perden traballadores e traballadoras en Galicia, pero nos que foi o sector servizos o que concentrou a destrución do emprego.
As caídas máis importantes no número de traballadores e traballadoras prodúcense nas xeracións máis novas, especialmente nos menores de 30 anos, con perdas superiores ao 7%
As diferenzas de idade poden observarse claramente nos datos de afiliacións á Seguridade Social no primeiro trimestre. En termos porcentuais, as caídas máis importantes no número de traballadores e traballadoras prodúcense nas xeracións máis novas, especialmente nos menores de 30 anos, con perdas superiores ao 7%. Entre os 40 e os 65 anos as variacións son moi leves.
Unha parte destas variacións teñen que ver co progresivo envellecemento da poboación galega, que fai que ano a ano a proporción de traballadores e traballadoras mozas diminúa, incrementándose as cifras de afiliados e afiliadas de maior idade. Porén, observando a evolución do emprego no primeiro trimestre do 2019, vese que as diferenzas por xeración son moito máis pequenas que as detectadas na actualidade.
O emprego máis precario, o primeiro en ser destruído
Dos ao redor de 13.000 empregos menos existentes en Galicia, 10.700 eran de mulleres e só 2.300 de homes
Outros indicadores -estes correspondente á última EPA- confirman que os empregos destruídos en primeiro lugar correspondentes aos grupos máis precarizados. A inmensa maioría dos postos de traballo perdidos foron contratos temporais e só unha pequena parte procederon de empregos indefinidos.
De igual xeito, dos ao redor de 13.000 empregos menos existentes en Galicia, 10.700 eran de mulleres e só 2.300 de homes. Hai tamén grandes diferenzas en canto ao nivel de estudos das persoas que perderon o seu emprego: dos 13.000 empregos destruídos, 12.100 eran persoas con estudos secundarios e unicamente 1.700 eran persoas con estudos superiores.
As zonas costeiras, as máis afectadas
Revisando os datos de afiliacións á Seguridade Social no primeiro trimestre pódense tamén establecer algúns patróns xeográficos, por concellos. Con todo, dado que polo de agora só se recolle unha parte pequena do impacto do coronavirus sobre o emprego (apenas dúas ou tres semanas de marzo) haberá que agardar ás cifras dos vindeiros meses para tirar conclusións máis firmes.
Se comparamos a evolución que do emprego no primeiro trimestre de 2019 e no primeiro trimestre de 2020, observamos diferenzas moi notables nos datos de boa parte dos concellos costeiros, especialmente nas Rías Baixas, o Barbanza, Muros e Noia e Ferrolterra. E, en cambio, as variacións son moi pequenas nas provincias de Lugo e Ourense. Por exemplo, O Grove pasou de gañar 300 empregos nos tres primeiros meses de 2019 a perder 113 no primeiro trimestre deste ano. O mesmo se pode dicir de Sanxenxo (de +227 a -320), Cambados (de +146 a -318)
De igual xeito, as zonas urbanas destrúen emprego por riba da media. Mentres que no conxunto de Galicia se perdeu o 2,65% dos postos de traballo neste trimestre, Ferrol ou Fene perderon máis do 5%, Vilagarcía, Arteixo ou Narón ao redor do 4% e Vigo e A Coruña por riba do 3%.