Sindicatos e partidos celebran o Primeiro de Maio facendo fincapé nos colectivos máis golpeados pola crise

Acción dos traballadores de ambulancias neste Primeiro de Maio © CIG

O deste venres foi o Primeiro de Maio máis atípico das últimas décadas. Non houbo manifestacións nas rúas e a escasa actividade foi virtual. Con todo, sindicatos e partidos galegos da oposición elevaron as súas demandas e propostas a través das redes, nun momento ademais no que a crise provocada polo coronavirus comeza a amosar os seus efectos, que se prolongarán durante os vindeiros meses.

A CIG fixera un chamamento "a manter o carácter combativo e reivindicativo da data", a que se penduren das xanelas e balcóns "bandeiras da patria e vermellas" e a cantar a Internacional ás 12 horas do mediodía

A CIG fixera un chamamento "a manter o carácter combativo e reivindicativo da data", a que se penduren das xanelas e balcóns "bandeiras da patria e vermellas" e a cantar a Internacional ás 12 horas do mediodía. Así mesmo, Paulo Carril, secretario xeral do sindicato, alertou de que o impacto desta crise resulta especialmente virulento en Galiza, pois "xa estabamos a vivir unha auténtica emerxencia por causa dunha crise industrial, social e demográfica, con altos porcentaxes de emigración, precariedade, pobreza e desigualdade". 

Ademais, criticou que "ante as inxustas e insuficientes medida aplicadas" lamenta que o Goberno de Feijóo "siga máis preocupado por afondar nun modelo de dependencia a Madrid e a Bruxelas, por sacar rendemento electoral, que por frear os abusos patronais, reforzar os servizos públicos ou exercer as competencias, as capacidades propias que temos como pobo galego e como nación para afrontar esta situación".

Gonzalo Caballero mantivo unha xuntanza telemática cos secretarios xerais de CCOO e UGT en Galicia © PSdeG-PSOE

 CCOO-Galicia e UGT-Galicia emitiron un video.homenaxe ás traballadoras e traballadores destes sectores e, igualmente, un concerto dedicado aos traballadores e traballadoras dos servizos esenciais

Pola súa banda, CCOO-Galicia e UGT-Galicia levaron a cabo unha "manifestación virtual" entre 12:30 e 13:00, que acompañou a unha intensa actividade dos seus secretarios xerais, que emitiron senllas conferencias de prensa a través das redes sociais e, ademais, mantiveron o xoves un encontro telemático co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero. 

CC.OO e UGT dedicaron a convocatoria "ás persoas que están a traballar en primeira liña; sector sanitario, servizos de limpeza, forestais, loxística, supermercados, comunicacións, agricultores, pescadores, industria alimentaria, asistencia á domicilio e residencias". Así mesmo, as dúas centrais emitiron un video homenaxe ás traballadoras e traballadores destes sectores e, igualmente, un concerto homenaxe aos traballadores e traballadoras dos servizos esenciais.

PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que “neste momento de crise económica e social, é máis necesario que nunca defender os dereitos dos traballadores, un modelo produtivo acorde aos dereitos sociais e o estado do benestar”. A través dun vídeo que subiu ás súas redes sociais, o máximo dirixente do PSdeG sumouse así a unha celebración “distinta” do Día Internacional dos Traballadores por mor do confinamento.

Ademais, Caballero fixo especial fincapé no “compromiso” dos socialistas cos dereitos das mulleres traballadoras, que “sofren unha fenda salarial que evidencia a desigualdade” que aínda existe. Finalmente, o líder do PSdeG dedicou “un recoñecemento especial” aos traballadores e traballadoras da sanidade pública, que hoxe máis que nunca “están defendendo a nosa saúde”.

A CIG fixo un chamamento a pendurar bandeiras galegas e vermellas e a cantar a Internacional dende as fiestras © CIG

Galicia en Común

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, invitou á cidadanía a reivindicar “a solidariedade e a vida”. “Afrontemos unidas a necesidade dun modo de produción e de existencia máis humano, rematemos coa precariedade como forma de vida e explotación, e preocupémonos de coidar de quen nos coida”, dixo.

O voceiro da coalición lembrou ás miles de familias traballadoras e autónomas galegas “que non poden ir traballar porque a epidemia obrigou a pechar grandes e pequenas empresas e negocios”. E fixo unha mención especial para as traballadoras da sanidade e dos coidados, ás produtoras, transportistas e empregadas da cadea de distribución de alimentos.

 

BNG

Finalmente, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou derrogar as reformas laborais que precarizan o emprego e un “gran acordo de país” para saír da crise creando emprego de calidade. Pontón destacou que nestas últimas semanas "puidemos constatar como o emprego máis precarizado foi o emprego máis importante para enfrontar a crise e a maior parte dese emprego ocupado por mulleres no ámbito sanitario, nos supermercados ou no ámbito da limpeza e coidados". 

"Hai que traballar nunha alternativa social para superar a crise do coronavirus e facelo  confiando e apostando polas posibilidades e potencialidades  que ten Galiza", engadiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.