Os sindicatos manteñen as reivindicacións, dende o confinamento, no 1º de maio máis atípico

Este 1º de maio atípico desenvolverase sen manifestacións nas rúas CC-BY CIG
Publicidade
Publicidade

Este será un Primeiro de Maio completamente atípico, no que por primeira vez dende o regreso da democracia no ano 1977 non haberá manifestacións polas rúas, neste caso por mor do confinamento obrigado pola pandemia de coronavirus. Con todo, os sindicatos manteñen as súas reivindicacións, que expresan nesta xornada de loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras. 

CIG

A CIG pide que se penduren das xanelas e balcóns "bandeiras da patria e vermellas" e cantar a Internacional ás 12 horas do mediodía

A CIG celebra o 1º de maio baixo o lema “Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro” e fai un chamamento "a manter o carácter combativo e reivindicativo da data", a que se penduren das xanelas e balcóns "bandeiras da patria e vermellas" e a cantar a Internacional ás 12 horas do mediodía.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que aínda que a Covid-19 ataca a poboación en xeral, “o seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, non afecta por igual a todas ás clases sociais”, polas grandes desigualdades económicas e a inxustiza social, consecuencia “das devastadoras políticas neoliberais aplicadas desde a crise financeira”. Carril engadiu que "o que tamén demostrou esta crise foi que as profesións feminizadas resultaron servizos esenciais e imprescindíbeis para o sostén da vida”, e denunciou que “seguen a estar desvalorizadas, desenvolvéndose en condicións de precariedade e inseguridade”.

"O que demostrou esta crise foi que as profesións feminizadas resultaron servizos esenciais e imprescindíbeis para o sostén da vida”, di a CIG

A CIG esixe o pago inmediato do paro, habilitando un procedemento especial e extraordinario, coa confección nóminas para efectuar os  pagos semana a semana, até a posta ao día que permita retomar os pagos a mes vencido porque, advertiu, “manter a forma ordinaria de pago das prestación é causar un retraso de graves consecuencias” ou garantir o cobro, durante todo o ERTE, do 70% da base reguladora de cada persoa traballadora. Ademais, a CIG considera imprescindible que, para poder acollerse aos ERTE, as empresas cumpran condicións e garantías como completar até o 100% dos salarios ou reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal.

 

CCOO e UGT

Como vén sendo habitual nos últimos anos, CC.OO. e UGT celebran de forma unitaria o 1º de Maio, baixo o lema "Traballo e Servizos Públicos. Outro Modelo Social e Económico é Necesario", e publican un manifesto conxunto no que realizan unha "chamada de urxencia" á coordinación das administracións (Concellos, Deputación, Xunta e Goberno) para "artellar unha estratexia para o relanzamento económico e de reindustrialización para a nosa comarca, contando coa participación dos sindicatos e patronal".

CC.OO e UGT dedican a convocatoria "ás persoas que están a traballar en primeira liña; sector sanitario, servizos de limpeza, forestais, loxística, supermercados, comunicacións, agricultores, pescadores, industria alimentaria, asistencia á domicilio e residencias"

Dado que as manifestacións nas rúas non están incluídas entre as excepcións ao confinamento, os dous sindicatos chaman a conmemoralo de xeito alternativo nas redes sociais, cunha "manifestación virtual" entre 12:30 e 13:00. Previamente, as dúas centrais emitirán nas redes sociais as conferencias de prensa dos seus respectivos secretarios xerais e un vídeo homenaxe ás traballadoras e traballadores dos sectores esenciais. Ademais, ao longo do día difundiranse discursos dos secretarios xerais e concertos en recoñecemento das traballadoras e traballadores.

Os dous sindicatos dedican a conmemoración de xeito especial "ás persoas que están a traballar en primeira liña; sector sanitario, servizos de limpeza, forestais, loxística, supermercados, comunicacións, agricultores, pescadores, industria alimentaria, asistencia á domicilio e residencias, asesorías, en definitiva a todos os traballadores e traballadoras, que estiveron aí para que os servizos básicos funcionasen". CCOO e UGT esixen "que ninguén se quede sin unha axuda vital" e un "cambio de modelo produtivo", así como "poñer en valor o imprescindible papel da muller traballadora, garantindo unhas condicións de traballo iguais ás dos homes".

Publicidade
Publicidade

CUT

Pola súa banda, CUT, CGT, Sindicato da Elevación, Sindicato Ferroviario da Confederación Intersindical, STEG e PROSAGAP difunden un manifesto conxunto no que sinalan que aínda que a pandemia do coronavirus é "unha crise sanitaria gravísima", o máis grave "aínda está por vir se a clase traballadora e os sectores populares non somos quen de parar os plans do Capital".

A CUT convocara inicialmente para este 1º de maio unha manifestación en  Vigo composta por unha caravana de vehículos, que foi prohibida pola Subdelegación do Goberno, nunha decisión avalada polo TSXG e o TC

A CUT convocara inicialmente para este 1º de maio unha manifestación en  Vigo composta por unha caravana de vehículos, que foi prohibida pola Subdelegación do Goberno, nunha decisión ratificada posteriormente polo TSXG. A sentenza do alto tribunal galego sinala que existe "un evidente perigo para a saúde pública" e lembra que só se permite a circulación de automóbiles para a realización de determinadas actividades. O risco para a saúde pública derivado da crise sanitaria do COVID-19, segundo o TSXG, “xustifica a restrición na circulación de persoas, mesmo a bordo de vehículos, para así evitar a propagación do virus”. Ademais, subliña que o estado de alarma autoriza a restrición ao dereito de manifestación.

A prohibición foi avalada este luns polo Tribunal Constitucional, que inadmitiu o recurso de amparo presentado pola CUT contra a sentenza do TSXG. O auto do TC explica que "non se dan as circunstancias que permitan o exercicio do dereito de reunión pola situación de pandemia" e sinal que "a relación entre o dereito á vida e o de reunión esixe unha ponderación pola que, ante a falta das garantías de seguridade nunha situación de máximo contaxio, debe primar o primeiro dereito"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Despece

Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.